Martes. 08.10.2024
El tiempo

Conversa con Carlos Penelas en Compostela

Carlos Penelas Poesia esencial
Carlos Penelas Poesia esencia
Conversa con Carlos Penelas en Compostela

O moi recoñecido poeta Carlos Tomás Penelas Abad sempre soubo onde tiña as raíces. Naceu en Piñeiro-Avellaneda que era o lugar de maior concentración de emigrantes galegos da República Arxentina. Foi o benxamín nunha familia de nai da comarca de Ourense (Santo André de Rante) e pai da comarca de Betanzos (A Espenuca de Coirós) na que Galicia estaba moi presente xa que no fogar os pais falaban en galego.

- Meu prezado Carlos, a nosa amizade vén de lonxe xa que temos partillado viaxes, ceas e conferencias. Coido lín case todos os teus libros, sexan de poesía ou ensaios ou a magnífica biografía sobre o doutor Favaloro. Quixera que me falases da túa idea do poético e do que sintes cando escribes.

Caro amigo, Manuel. Unha das persoas ---é a miña obriga reiteralo--- que moito fixopola miña traxectoria fuches ti, un dos amigos que me abrironn portas en Galicia, con escritores, xente da cultura ou centros paraimpartir conferencias, naceron desinteresadamente da túa honestidade, do teu fraterno compañeirismo.E tamén o teu agarimo inalterable cos meus fillos. Dito esto, debo confesar que a poesía ten o seu espazo e o seu movimento. Observa a memoria e á emoción da memoria. De alí, o espello e a outredade. Hai veces nas que enfrontamos a desmemoria, e matices e susurros do soño. É cando vemos sen mirar, tal vez unha travesía de imaxes ou quizais un limiar errante. As imaxes gardan a nosa vixilia, unha especie de trasno emana das nosas raíces, da nosa infancia. Entón, a intimidade anhela a palabra; a palabra ten ritmo. Silencio e contemplación...hai unha penumbra do sentir, unha ensoñación da tonalidade verbal. Hai unha loita contra do fosilizado que promove a desorde e purifica a vida. Un símbolo onde latexa a ensoñación do profano. Descobre unha estética, o deshabitado, a paixón e tamén o gozo daquela infancia que algunha vez extraviamos. Percibimos a tensión do absoluto e do efémero. É cando o verso se confesa e sóñanos. E comprendemos o seu misterio: a morte é o destino. A metáfora considera voces, a condición humana do poema. De alí a gravidade da palabra. Co espírito de Leonardo: “A poesía é o belo que viste o verdadeiro”.

- Comenta un pouco sobre a túa formación, crecemento e os autores que admiras.

Recibira cando comecei varias cartas con comentarios eloxiosos de escritores e poetas que admiraba desde a miña adolescencia. Pero, sen dúbida, as palabras de don Ricardo Molinari foron no seu momento, un estímulo enorme e impensable cando escribe que “este poeta viene de Boscán”. Era moi parco nos eloxios e en xeral túzaro no trato. Sentín que me enchía de alegría e puiden respirar xa que don Ricardo ponderaba moito o meu poemario “Cantigas” que tiña na súa mesiña de noite. Posuía unha formación moi sólida, desde a poesía primitiva galaico-portuguesa e a poesía do romanceiro español ata a lírica inglesa e italiana. Cando nomeaba a Boscán evocaba o clasicismo, o humanismo, a influencia italiana na poética hispana pero tamén o fío que vai unindo unha traxectoria trascendente na poética universal. O seu ollo era moi sensible e descubriu esa fonte na miña poesía. Estaba unido a el ---entre outras cousas--- por esa mirada do poético, esa busca do clásico, esa pincelada evanescente. Outros dous autores fundamentais na miña formación son Luis Franco e Héctor Ciocchini e tamén estudei e lín con paixón aos poetas medievais españois, renacentistas e por suposto aos da xeración do 98 e do 27. Eles foron a miña fonte de estilo, de análise e de estructuras formais e engadindo aos poetas italianos dos principios do século XX: Salvatore Quasimodo, Giuseppe Unagaretti, Pier Paolo Pasolini, Eugenio Montale, Cesare Pavese, Mario Luzi, Umberto Saba. Eu veño deses poetas, sen dúbida. Pero sería inxusto se esquecese a Giuseppe Bellini, Thorpe Running, José Filgueira Valverde, Julieta Gómez Paz, Hugo Cowes, Luis Alberto Quesada, Enrique Molina, Eduardo Blanco Amor, Ernesto Sábato, María Elena Walsh, Frank Dauster, Raúl González Tuñón, Lily Litvak, Jorge Luis Borges, Xesús Alonso Montero, Manuel J. Castilla e moitos outros que coas súas lecturas e cos seus consellos foron formando o meu espírito, a miña finaza interior, esa respiración sutil do poema. E por suposto un fogar galego no que don Manuel, o meu pai, inculcou ata a cerna a historia de Galicia na que entraban os mitos e as lendas e os costumes e o desterro por fame ou a persecución ideolóxica. Os meus pais falaban galego na casa e así tamén os meus tíos e primos maiores. Esa foi a miña fonte vital.

- Cal é o teu pensamento sobre o actual panorama literario e social?

Vivimos rodeados de decoracións, de escenografías cotiás, de saturacións que funcionan de maneira lateral, de mal gusto. A experiencia da vida sempre condiciona ao poeta. Hai un mundo que se crea diante da decadencia de todo o que existe. E debemos considerar que a dualidade da poesía fronte ao existir é soamente aparente. Estou a lembrar o que sinalou Diego Abad de Santillán nos anos 70 cando dixo: “Penelas, un século agora son cinco anos”. Pois, hoxe, eu creo que un século son tres anos xa que cambiou todo de forma vertixinosa sexa o eido cultural, laboral ou na alimentación e na medicina e nas relacións humanas. Temos a robótica desde a intelixencia artificial ata o xastre dixital. É a nosa obriga o “aggiornarnos” xa que a técnoloxía crea novos traballos. Por suposto que temos un pe no presente e outro no futuro. Todo esto cambia a forma de ver, de sentir e de intentar comprender o universo. Unha viaxa a lúa de Verne semella ser algo do século XV e por suposto é unha marabilla voltar as súas páxinas. Un ollo no presente e otro no futuro. Non é doado. A literatura ---nunha época de globalización, banalidade e decadencia xeralizada--- ten unha tendencia a polarización e por tanto, a esvaecerse. Temos unha hipertrofia de espiritualidade que crea unha escenografía arredor do inmediato. A creación necesita silencia, tempo, maduración e advertimos que as contraposicións acaban sendo cada día máis homoxéneas. Sen pedestais e sen chamados ao sentimental.Outra vez as vivencias: o meu pai da Espenuca e a miña nai, María Manuela, dunha aldea perdida de Ourense. Os meus avós eran analfabetos que suaron erguendo portos en Ingeniero White. Eu veño de alí e eles foron os deuses da miña infancia. Nos meus recordos son “seres anxelicais” pois tiñan unha candidez especial aínda que eran capaces de dar a súa vida por unha idea. Lembro a meu tío Pedro Fraga quen cría que os alcohólicos deixarían o seu vicio despois de ler O Quixote. Ía polas rúas do barrio no resgate deles e líalles fragmentos do libro de Cervantes mentres tomaban un prato de sopa na cociña da súa humilde casa en Avellaneda pero sempre lles facía a advertencia de que “se volvedes borrachos, disparo”. E por certo, era home dunha soa palabra.

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

  

Comentarios