Martes. 08.10.2024
El tiempo

Os galegos no tango riopratense

tangos galegos na beira do rio da prata
Os galegos no tango riopratense

Hai anos que case puiden impartir en Bos Aires un cursiño especial sobre os emigrantes galegos no tango riopratense. Digo case pois tiñamos todo arranxado co meu amigo Adolfo Lozano Bravo pero, por desgraza, este grande empurrador da nosa cultura faleceu (21-V-2014) antes de anunciar o comezo das miñas charlas tangueiras no Centro Galego de Avellaneda e no Centro Galego da Prata. Os dous lugares de celebración eran onde impartía as súas clases o moi comprometido fillo dun emigrante da parroquia de Santalla de Dumpín nas terras lucenses de Castro de Rei. Os sábados pola tarde serían en Avellaneda e os domingos pola mañá na cidade da Prata.

O cursiño ía ter unha convidada especial, Graciela Pereira, para o acto de peche e entrega de diplomas de asistencia. A miña querida amiga que é neta de Lalín por parte
materna; ía cantar, en galego, os oito temas que interpreta no seu disco Nas beiras do Prata.

Aínda que Graciela é moi coñecida no seo da colectividade pola súa activa participación na vida cultural do Centro Galego de Bos Aires, levaba moitos anos sen cantar os temas desta gravación do ano 1999. Eu falara con Adolfo para que convidase a moi famosa Amelita Baltar a que viñese a cerimonia de clausura e poder renderlle unha merecida homenaxe no salón de actos do Centro Galego de Avellaneda. Por certo, seguín insistindo diante da Consellería de Cultura para que Amelita fose agarimada xa que leva sangue galego nas súas veas pero sen resultado positivo. Ocórreseme falar con Suso de Toro para que lle faga chegar a súa última gran creación literaria (Un señor elegante) pois coido vai ser do seu interese xa que é unha biografía dun nobre membro da súa familia, o doutor Ramón Baltar Domínguez.

Aquel proxecto de cursiño ou Seminario Intensivo que non puido realizarse tiña prevista unha duración de un mes e medio e por iso o programa estaba dividido en seis fins de semana. Os temas a desenvolver eran os seguintes:

  • I) A chegada dos emigrantes. Bos Aires e Montevideo. O crecemento demográfico en dous portos riopratenses. O berce do tango;
  • II) Os barrios galegos. A vivenda do tango. Os conventillos. O emprego entre 1870 e 1930;
  • III) Unha danza. Entre gauchos, negros e mate. Os lugares de baile. O tango no teatro;
  • IV) A linguaxe do tango. Os autores e as letras os temas tangueiros;
  • V) Un inmenso creador chamado Carlos Gardel (Carlos Escayola Oliva) e os galegos que coñeceu;
  • VI) Cinco galegos para o tango (Barreiro, Calvo, Parada, Soliño e Vázquez Vigo).

As liñas que escribo son para intentar que alguén (sexa unha persoa ou unha entidade) na capital arxentina ou uruguaia, amose o seu interese polo meu ofrecemento. Quero ir pois penso que falar do tango dos emigrantes axudará aos nosos herdeiros a manter aceso o lume da terra de Rosalía. Quero ir porque estou preocupado diante do esmorecemento da colectividade emigrada pero sei que a forza emotiva dos devanceiros empurra a milleiros de arxentinos e uruguaios que non esquecen o esforzo dos seus suadores avós. E sendo sincero, teño que dicir que a viaxe permitirá o cumprimento do desexo de berrar un gol de Peñarol no montevideano Campión do Século e de “morfar” unha saborosa pizza no porteño El Cuartito.

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios