Un libro na procura da luz: Os cómaros da vida. Diarios 2020-2022, de Xosé Antonio Andrade

Isabel Pichel, Xosé Antonio Andrade, Miguel Anxo FernánVello e Miro Villar na compostelá libraría Couceiro, 15-10-2025. FOTO: Couceiro

A primavera da nova década de 2020 bateu nas nosas vidas coa malfadada experiencia vital dunha pandemia que sementou de anxos negros todo o planeta, un fito que marcará para sempre a todas as xeracións que a padecemos e que, alén da crueldade da Parca, encarcerounos nun confinamento, máis evidente nos urbanitas e máis livián nos ruralitas, con notables consecuencias psicolóxicas (no ensino aínda notamos anos despois a súa funesta pegada no alumnado).

Os cómaros da vida. Diarios 2020-2022, de Xosé Antonio Andrade, non é unha obra strictu sobre esa experiencia traumática, como o poden ser na nosa literatura poñamos por caso Tempos de pandemia. Diario dun confinamento, do poeta Xavier Seoane, en Espiral Maior, ou Illados. Diario da pandemia, con textos da académica María López Sández e imaxes do fotoxornalista Miguel Muñiz, ou Diario dun mestre na pandemia, de Santi Domínguez, ambos e dous en Galaxia. Non é este o lugar para facermos un exhaustivo reconto das moitas obras de nós e de literaturas próximas que teñen na súa cerna esa época de incertezas e desacougos. Porén a obra de Andrade trascende ese período como axiña subliñaremos.

Antes de máis, cómpre non lle facer ao italiano Dino Segre, Pitigrilli, autor dun singular Dicionario da sinceridade, quen escribiu: "O limiar é o que o autor escribe despois, o editor publica antes e os lectores non len nin antes nin despois". Certo é que ás veces atopamos prólogos prescindibles e superfluos, mais desta volta o limiar que asina o escritor e editor Miguel Anxo Fernán Vello é de lectura obrigada, ao meu ver, polas eruditas notas sobre a escrita dos diarios na literatura e por (re)lembrarnos que Castelao foi co seu Diario 1921. Francia, Bélxica, Alemaña, «o primeiro escritor galego que nos ofreceu a fórmula dos 'diarios'». Moi pouco despois foi o poeta Manuel Antonio quen asinou o seu De catro a catro. Follas sin data d'un diario d'abordo (1928). Mais houbo na nosa literatura diarios moi importantes, velaí o Diario sin datas (1987) e o Diario íntimo dun vello revoltado (2001) do poeta Antón Tovar, a quen algún día celebraremos nas Letras Galegas, ou Darío a diario (1996) co que a poeta Xela Arias a celebrar a maternidade ou os diarios dramáticos de Syra Alonso, anosados por Anxos Sumai, que seguen o fusilamento do seu home o pintor Francisco Miguel. Diarios dun nómada (1993) de Xavier Queipo ou o recente Diarios/1. Azul Monforte (2023) do poeta Antón Lopo, entre outros. Así pois, ensaio, narrativa e poesía na escrita diversa e plural de diarios que nos conmoven. 

Detense tamén Fernán Vello, coma un excelente filólogo, no significado de "cómaros" quer coma termo real quer coma símbolo. Ás súas explicacións engadimos que a palabra, malia estar moi presente xa nos poemas de Rosalía, Pondal e Curros, non sobrancea nos títulos das obras da nosa literatura, tan só o primeiro poemario de certa entidade da posguerra, Cómaros verdes (1947), de Aquilino Iglesia Alvariño, e o máis recente Cómaros de mel e rosas (1995), de Manuel López Foxo.

Pola súa banda os diarios de Andrade presentan unha estrutura de tríptico con cadansúa epígrafe, "Estado de alarma e préstamos ICO" recolle as anotacións de 2020, que principian o 6 de agosto e rematan na noitevella dese ano; "De ausencia irreparable" compila as de 2021 desde o día de aninovo até o 23 de xuño, un mes despois de despediren a nai, razón última dos hiatos que se producen na narración, e finalmente "A derradeira mudanza", terceira e máis breve das partes, vai desde o 15 de xaneiro até o 17 de xuño de 2022 cando se pechan para a protagonista as portas da morada familiar: "Deixo nesta casa a dor inevitable das ausencias máis sentidas e a estrutura inacabada de soños incumpridos". Nai e Casa son palabras maiores nestes diarios.

Talvez por criterio autorial ou editorial completan a obra un "Índice onomástico" e un "Índice toponímico" que configuran moitos dos afectos. No primeiro conviven os nomes e alcumes da veciñanza, da parroquia, da Seavia natalicia, cos grandes nomes da arte mundial, como cando os distintos verdes do seu cuarto fanlle lembrar a Gustav Klimt, mais nomeadamente da literatura, ou até da actualidade (ínclito Trump) mais hai dúas pulsións que cómpre nomear, a poesía de Antón Avilés de Taramancos e a narrativa de Xosé Neira Vilas. E na toponimia comparecen os lugares da memoria, da Galicia nomeada, microtopónimos como a Fonte Xanoca, a carón dos afastados Abu Dabi ou Alaska.

Non hai exhibicionismo da intimidade nestas anotacións de Andrade, senón confesións e reflexións, moitas delas en diálogo con outras persoas do seu ámbito relacional a través dunha rede social (FB), e a lectura lévanos con ritmo, mesmo lírico en ocasións, con transparencia sobre diversos aspectos da vida e a lectora / o lector incluso pode intuír o estado de ánimo do autor, a dor e mais a alegría, con momentos de humor branco e con falar retranqueiro. Velaí dous exemplos: "Hoxe, á hora do almorzo no bar, fun tanto ao fondo da cunca que atopei un mosaico romano. Pensei en chamar a Patrimonio, pero antes quería arrepañar ben todas as faragullas" ou cando le na prensa que Gucci comercializa uns vaqueiros manchados de herba a mil euros e afirma "Voume forrar vendendo nos que eu uso a diario na leira".

Hai un enorme poeta italiano que Andrade non cita mais co que dialoga implicitamente, Cesare Pavese (quen se suicidou en 1950), cuxa primeira obra intitulou Lavorare stanca (Traballar cansa) poemas de 1936, que tiveron unha edición ampliada en 1943. En efecto, nas anotacións de Andrade está o cansazo e a fatiga do seu propio traballo, o mundo do Dereito, do anquilosamento burocrático (eses "crocodilos" como chaman no argot, na xerga, aos asuntos que medran e medran sen se resolveren) e da doenza que o afastou de exercer o discurso público profesional. Hai unha presenza desmedida da síndrome denominada co anglicismo born out, e para sandar están a conversa, a escrita e as andainas, moitas delas na compaña das entidades Instituto de Estudos Bergantiñáns e Senda Nova.

Da diversidade deses camiños da vida, con momentos de soidade ou coa presenza das amizades e dos afectos é do que falan estas anotacións de Andrade que transcenden do ámbito persoal para faceren parte de nós. Xa ben o dixo Miguel Torga, no volume 3 dos seus Diários: «Um diário não é necessariamente um perpétuo mea culpa. Pode ser um simples memento, um exercício espiritual, um caderno de apontamentos, tudo o que se queira».

(Texto proferido no acto de presentación na compostelá Libraría Couceiro)

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

OUTROS ARTIGOS DE MIRO VILLAR EN QPC

 

ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE