Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Costa da Morte

As Enfermeiras Eventuais en Loita celebran un ano de reivindicacións

Dende o colectivo de Enfermeiras Eventuais en Loita volven manifestarse unha vez máis, coma tódolos meses dende fai un ano. Neste caso, coma nos últimos, non farán concentracións por mor da pandemia que vivimos, pero iso non significa que as súas reclamacións desaparecesen, senón que pola contra, fanse mais fortes.

Para o colectivo de Enfermeir@s este mes é moi especial, xa que o día 12 é o día da súa profesión, e o aniversario da “OPE negra”, aquela oposición de Silleda de 2019 que deixou orfas centos de aspirantes e que foi o punto de partida da súa loita.

Con este vídeo e con este Manifesto, celebran o doble aniversario.

Enfermeiras eventuais en Loita-1 ano

Manifesto das Enfermeiras Eventuais en Loita: Ano I

Botar unha ollada atrás é unha expresión directamente relacionada co espazo e co tempo. No tempo porque falamos dun momento indeterminado, afastado do punto de referencia pero tamén no espazo porque falamos dun lugar, tamén indeterminado, afastado doutro no que nos atopamos. Con todo, aínda que hoxe botamos a vista atrás, farémolo a un lugar e a un día moi concreto, e é que hoxe, hai xustamente un ano, miles de enfermeiras atopabámonos nun punto xeográfico situado ao norte da provincia de Pontevedra, unha vila de cuxo nome nunca poderemos esquecernos: Silleda.

Aquel día, ao redor de oito mil enfermeiras presentámonos a unhas oposicións do Servizo Galego de Saúde. Un exame para tentar conseguir unha das pouco máis de 300 prazas. Unha proba ca que así estar máis preto de conseguir a ansiada estabilidade laboral.

Mais non só tentar conseguir esa prezada estabilidade foi o que fixo especial ese día. Fomos un total de 7.675 as profesionais que nos presentamosa alí, vestidas de negro, en sinal de loito, para denunciar as pésimas condicións laborais ás que estamos sometidas desde o inicio da nosa carreira polo Sergas. Todo o que sucedeu despois é xa unha excepcional historia.

Mesmo as enfermeiras máis veteranas, segundo as súas propias palabras, recoñeceron que xamais viviran unha mobilización semellante. De feito, moitas afirmaron sen ruborizarse que o que aconteceu alí foi algo histórico, non só polo alcance nos medios de comunicación, senón por algo aínda máis importante: unha sensación de unión e apoio inimaxinable. Por fin nos uniramos para demandar melloras e, sobre todo, para que o resto da sociedade descubrise a realidade dun colectivo sempre menosprezado.

Desde entón, promovemos un Manifesto pola fin da precariedade na enfermería galega, poñendo enriba da mesa as propostas que mellorarán a nosa situación, chegamos ao Parlamento Europeo en Bruxelas para denunciar a nosa situación laboral, mobilizámonos en Defensa da Sanidade Pública Galega, denunciamos que milleiros de compañeiras e compañeiros tiveran que emigrar fóra das nosas fronteiras, demos visibilidade ao colectivo en diversos medios de comunicación, incluso realizamos estudos de campo e traballamos cada día para cambiar o escenario no que temos que desenvolver o noso labor.
Desde entón, vémonos na obriga de
denunciar todas e cada unha das prácticas fraudulentas e abusivas ás que estamos sometidas a diario, esas que outros chaman "erros" día si e día tamén.

Para a nosa profesión, aquel 12 de maio marcaría un antes e un despois na nosa historia recente, e só era o principio do cambio que queriamos lograr. Non obstante, un par de meses antes do noso aniversario, un novo contratempo apareceu en forma de acrónimo: COVID-19.

Nestes meses, deixamos de lado a nosa axenda, as nosas concentracións mensuais e as nosas reunións para centrarnos no noso labor asistencial, coidando e axudando a curar a quen afectou esta pandemia en primeira persoa, pero non puidemos deixar de denunciar as múltiples situacións irregulares que vivimos e sufrimos na nosa propia pel. Seguimos arrimando o ombreiropara poder saír o mellor posible desta situación.

E quizais por iso, moi ao noso pesar, a sociedade nos etiqueta como heroínas nesta ̈longa noite de pedra ̈.Agradecemos todos os cumprimentos e os aplausos, non queremos que se nos entenda mal, pero non fixemos máis nada que o que tiñamos que facer, para o que nos preparamos. Facémolo e seguirémolo facendo con dedicación, empatía e profesionalidade.

Sabemos que os próximos meses van ser duros, complicados, e mesmo contamos que o sexan moito máis do que foron na anterior crise do 2008, pois neste caso súmanse crise sanitaria e económica. Daquela, as consecuencias foran varias: recortes de persoal, amortización de prazas, conxelación de soldos, eliminación de días de libre disposición e aumento nas horas laborais semanais. Algúns destes dereitos tíñanse recuperado parcialmente e outros ían camiño de conseguirse.

Pero aínda que aplaudimos a volta dos nosos dereitos perdidos, incluídos os económicos, as nosas demandas nunca foron por ese camiño. De feito, nas nosas reivindicacións pedimos condicións de contratación dignas, transparentes e que deixen de usar a enfermería eventual como persoal de “usar e tirar”.

Lévannos tratando así moitísimos anos e, en parte, coa nosa complicidade. Non tomamos nunca antes as rendas da nosa vida profesional, nunca nos plantamos para tentar paliar a situación, nin reivindicamos os nosos dereitos máis aló da queixa de salón, de taberna ou das redes sociais.

Cremos que xa é a hora de que todas e todos os compañeiros de todas as categorías nos unamos e loitemos da man para non volver perder. Somos numerosas, somos fortes e é o momento de actuar como tales.

E a vós, doentes, usuarias da sanidade pública, o que agora vos pedimos é que non nos miredes desde as xanelas, nin nos preguntedes con incredulidade desde os muros das redes sociais. Baixade ás portas dos hospitais e collede connosco as pancartas, unídevos, sexamos fortes. Non podemos ser heroínas un día e ao seguinte ser lixo do que se pode prescindir. Non esperedes que só dez loiten polos dereitos de dez mil, loitade connosco, poñede o voso grao de area, sexamos o cambio para conseguir que a sanidade, de verdade, sexa un dereito universal e un ben común.

Ao mellor voltamos á caseta de saída. Quizais voltaremos ao ano cero, pero, ironicamente, de novo estará nas nosas mans, desde onde queremos iniciar a travesía. mais se remamos todas xuntas, conseguirémolo.

 

Novas relacionadas

Profesionais sanitarios en tempos de covid-19

12 meses 12 causas

As Enfermeiras Eventuais en Loita celebran un ano de reivindicacións