Luns. 04.11.2024
El tiempo

A antiga Casa do Concello de Mazaricos no lughar de Atán

A antiga Casa do Concello de Mazaricos no lughar de Atán
José Riomayor Martínez (Riomaior de Insua) o alcalde que trasladou a Casa do Concello ao lughar de Atán
A antiga Casa do Concello de Mazaricos no lughar de Atán

A capitalidade do noso Concello primeiro estivo no lughar do Outeiro de Mazaricos, despois en Beba, e no ano 1924 retornou á parroquia que lle dá nome ao Axuntamento, mais naquel momento situouse en Atán. No citado núcleo de poboación estivo en dous inmobles diferentes ata que en 1960 se inaugurou a actual Casa Consistorial na Picota.

Cando as autoridades emanadas da ditadura de Miguel Primo de Rivera nomearon alcalde a José Riomayor Martínez (Riomaior de Insua) en marzo de 1924, unha das máis controvertidas decisións do novo mandatario foi o traslado das oficinas municipais ao lughar de Atán. Teño oído que o encargado de transportar dende Beba toda a documentación alí arquivada e que abranguía dende a creación do Concello en 1836 ata o ano indicado, foi o Juanito de Lago: un home destemido e con sona de preiteante. Para efectuar as operacións encomendadas puxo as vacas ao carro e alá foi dende Lago ata a antiga capital do “Outamento”. A tarefa non era moi apetecible pois no lughar de Beba os ánimos estaban algo alterados pola perda desta institución aínda que, máis alá dalgunha mostra de agresividade verbal, o improvisado transportistas cargou o carro cos papeis e púxose outra vez ao camiño sen maiores incidencias. O seu destino inicial foi unha casa do lughar de Atán, hoxe desaparecida, propiedade dun Rubalo e na que posteriormente o matrimonio formado por Delia do Conde da mesma aldea e Manolo do Clarecho de Pidre viviron e tiveron instalada unha taberna durante moitos anos. Este emprazamento provisional do Consistorio prolongouse durante uns cinco anos mentres as autoridades locais non construían unhas novas instalacións para as que mercaran ao Mestre de Atán un alpendre e un edificio que viña funcionando como escola, ambos medianeiros da vivenda deste veciño (acordo tomado no pleno do 18 de abril de 1924). Sería a primeira Casa do Concello de propiedade municipal, xa que ata ese momento todos os emprazamentos anteriores se fixeran en edificios alugados. 

Fachada do Concello de Mazaricos
A fronte oeste cun treito da fachada posterior noutra imaxe do vello Concello

As obras emprendidas concretáronse nunha construción de forma rectangular con dúas alturas, cuberta a dúas augas con tella do País e coa fachada principal orientada ao norte na que se abría a porta de entrada ás instalacións. Polo oeste estaba apegado á vivenda antes citada e polo resto dos ventos daba a diferentes vías públicas. A pedra era o material principal presente nas paredes exteriores e nun medianil lonxitudinal que estruturaba o interior en dúas “cruxías”. O resto das divisións internas, horizontais e verticais, estaban realizadas en madeira.

Fachada antigo Concello Mazaricos
A fronte oeste e parte da fachada principal do Consistorio

Era unha edificación sinxela que no esencial non se diferenciaba da arquitectura tradicional da bisbarra. Os acabados da cara exterior das paredes era o que máis a distinguía fronte á pedra vista das vivendas que a rodeaban: estaban rebocadas de morteiro e pintadas de branco agás nunha zona de superficie moi rugosa e cor gris que percorría toda a parte inferior a modo de zócalo. A fachada principal estaba coroada por unha sinxela cornixa feita do mesmo material de revestimento. Nesta mesma fronte, situada entre dúas ventás do andar superior, había unha moldura de forma circular na que figuraba unha inscrición en letras maiúsculas dando conta das funcións institucionais do inmoble: “CASA CONSISTORIAL 1929. ESCUELA DE NIÑOS Y NIÑAS DE MAZARICOS”. 

Detalle Casa Consistorial Mazaricos
Detalle da inscrición que figuraba na fachada principal: “CASA CONSISTORIAL 1929. ESCUELA DE NIÑOS Y NIÑAS DE MAZARICOS”

O citado ano de 1929 data o remate das obras e o inicio da actividade no edificio resultante. Outro dos elementos singulares da obra consistiu no levantamento dun patín de formigón que centraba a fronte posterior e que daba acceso dende ese lado ás estancias ocupadas polo Concello. Contan algúns veciños que dende o alto deste engadido, ademais de dirixirse o Alcalde aos veciños en ocasións especiais, lembran oírlle aos vellos que servía de tribuna para ofrecer mitins nos anos da República.

Fachada posterior do antigo Casa Concello Mazaricos
A fachada posterior centrada polo patín de acceso ás oficinas municipais

Como vimos pola inscrición o servizo que viña dando unha das estruturas mercadas como contedor dunha escola continuou na nova construción, agora mellorado con espazos máis axeitados e de maior amplitude. As aulas educativas ocupaban o baixo do inmoble e as oficinas municipais situábanse no primeiro piso. Se anteriormente deixamos constancia de que este era o primeiro Consistorio propiedade do Concello, outro tanto podemos dicir das escolas: a diferenza de todas as que funcionaban no territorio municipal en réxime de alugueiro, as de Atán iniciaban unha corrente que tiña como obxectivo que estas edificacións foran de titularidade pública, obxectivo que non se cumpriría na súa totalidade ata a construción das Agrupacións Escolares nos primeiros anos setenta do século pasado.

O Concello ocupou estas instalacións dende 1929 ata a construción da Casa Consistorial inaugurada na Picota en 1960. Quizais un dos momentos máis intensos da vida do inmoble foi o encerro no seu interior dunha morea de xente e as manifestacións multitudinarias nas súas contornas que provocaron a atropelada fuxida dos empregados públicos; feitos que tiveron lugar en maio de 1933 en contra da xestión do alcalde Nicanor Villar Martínez e que lograron a destitución do mesmo; como xa teño escrito máis polo miúdo nun artigo anterior publicado neste mesmo xornal.

Coa marcha das oficinas municipais o edificio continuou prestando os servizos educativos dos que xa tratamos, ampliando as súas prestacións coa adaptación do andar superior para vivenda da profesora nas rapazas. Este uso rematou coa entrada en funcionamento da Agrupación Escolar da Picota en xaneiro de 1974. 
Cando se construíu este edificio os vehículos más grandes que circulaban polos seus arredores eran os carros do País. Esta situación foi mudando co tempo e se naquel momento as estreitas vías das súas frontes norte e este eran suficientes, coa chegada dos camións e dos autobuses do transporte escolar, a pesar das múltiples manobras dos choferes, o paso era moi dificultoso ou imposible. Nos últimos días do seu funcionamento como escola un camión levou por diante a esquina nordeste do inmoble, suceso que se aproveitou para suprimir o ángulo facendo un chafrán fechado cunha parede de ladrillo que ampliaba lixeiramente o camiño. A pesar deste pequeno alargamento non se solucionou o problema ata que nos primeiros anos oitenta do século pasado se derrubou o edificio. Con el desaparecía un anaquiño da historia de Mazaricos que só podemos recuperar coas fotografías, de bastante mala calidade, que forman parte do aparato gráfico que ilustra estas palabras.

Derrubamento da Casa Consitorial de Mazaricos
Un aspecto do edificio durante os traballos de derrubamento.
  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios