Muros: O edificio do Banco Olimpio

Na madrugada do 30 de xuño de 1952, un incendio reduciu a escombros o edificio que albergaba as instalacións do Casino de Muros. Pasados algúns meses o edificio foi mercado polo industrial muradán Don Abelardo Dubert, quen pasado algún tempo vendeullo á Caixa de Aforros de Santiago, entidade que planeou a súa reconstrución para convertelo en sede da súa sucursal en Muros.
O proxecto foi encargado o prestixioso arquitecto Don Francisco Pons Soroya, neto do famoso Pintor Don Joaquín Soroya, e que fora Director Xeral de Arquitectura do Ministerio da Vivenda durante tres décadas.
O edificio incendiado era un inmoble do século XVIII construído en estilo neo-barroco i estaba situado na rúa do mar. O proxecto asinado polo arquitecto Soroya, recolleu as instrucións do propietario que incluían a reedificación da fábrica ampliando a superficie, destinando a planta baixa aos locais da sucursal bancaria, mentres que os dous pisos superiores existentes mais un engadido destinaríanse a vivendas.
O presuposto da obra (aprobado polo Colexio de Arquitectos de Madrid) estimouse na cantidade de 961.243,87 pesetas, cantidade que nos tempos de agora pode parecer ridícula (apenas 6000 euros), pero que daquela eran –como se dicía antes e agora tamén, “un potosí”- . No seu obxectivo básico o arquitecto resumía a obra a realizar nunha actuación sobre un edificio do século XVIII situado no Paseo do Porto de Muros, propiedade da Caixa de Aforros de Santiago de Compostela, de dúas plantas e tres fachadas, e medianeira ao fondo: reconstrución e ampliación para sucursal bancaria e vivendas”.
A construción concibiuse como a conservación de un ben artístico con singular articulación na harmonía popular da Vila con unha modificación morfolóxica substancial. A variación mais significativa era a elevación e creación dun novo andar, mantendo o balcón corrido e cabezas de muros facendo de corta ventos, con tellado que avanza sobre o balcón cubríndoo.
O arquitecto Pons Soroya topouse con que o lenzo (frontal) da planta baixa estaba en moi mal estado coas súas sillerías picadas e revocadas e os seus ocos transformados ata o punto de ser difícil precisar a súa antiga composición, sendo por elo que o autor permitiuse deseñar a reconstrución a partir do modelo compostelán, como referente do linguaxe barroco que se quixo reimplantar neste edificio de Muros, dotando ao edificio de soportais. Feitos os soportais, o arquitecto pasouse por alto o acordo da Corporación Municipal de Muros de 4 de maio de 1915, sendo alcalde Don Jacobo Formoso Porrua, que precisaba con claridade tanto a altura como a distancia entre os arcos así como a aliñación cos edificios de referencia.
Con todo, antes do comezo das obras o edificio foi mercado pola entidade Banco Hijos de Olimpo Pérez. Os novos propietarios introduxeron algunhas correccións no proxecto inicial, suprimindo a terceira planta prevista e prescindindo no lenzo de entrada das dúas portas simétricas que o autor deseñara.
A harmonía da reedificación fundamentouse tanto no emprego da sillería vista coma na colocación de elementos ornamentais que dignificaron o conxunto, aportando ás balconadas da fachada principal unha cerraxería artística con referencias decorativas ao Banco Olimpio Pérez. Hai unha foto na que se ven un grupo de persoas no balcón e que se corresponde co día da inauguración da sucursal bancaria. Ao ampliar a foto pódese ver mellor o texto escrito no que o artesán ferreiro escribiu: SOY DEL BANCO HIJOS OLIMPIO PEREZ—SANTIAGO.
- Manuel Lago Álvarez, Manolo de América
Outros artigos de Manuel Lago Álvarez
- Muros: Os curas e os raposos
- E si Colón estivera en Muros?
- Falemos dos callos de Muros.
- As manifestacións do 1º de Maio en Muros (1932 e 1933)
- A Capela dos Remedios de Muros
- A Santa Ana de Muros e as parturentas
- O Xudío da Tutea
- Domingo de Ramos, papas comamos!!
- A Casa de Baños de Muros.
- A Avenida de Bos Aires de Muros
- A división territorial de Muros en 1836
- O reloxo de sol da rúa Ancha
- A Banda de Música de Muros.
- O Xuíz e os touros.
- O Tren a Muros
- Curiosidades muradanas: Mariñeiro agredido con un bastón, no ano 1754
- Muros: o motín de 1899
- O beato de Arias de Presno e a Campa Santa
- Muros, 1846: o axustizamento de Ginés Mato
- O brazo perdido e atopado