Martes. 19.03.2024
El tiempo

Syra Alonso achéganos ás torturas da represión franquista dende a Galería Mulleres

Syra Alonso achéganos ás torturas da represión franquista dende a Galería Mulleres

De novo o pranto apaga a miña voz. En presencia da miña dor o ancián non ten ánimo para proseguir. E foron as súas últimas palabras na porta do xardín, como sinal de despedida, un bálsamo para a miña dor. Estas foron as palabras que deixou caer no meu corazón o bo cura de Bértoa:
“Coa modesta esmola dos labregos desta aldea merquei a caixa que garda ao pintor Francisco Miguel”.


Estas son algunhas liñas da protagonista do mes de agosto de 2012 da Galería Mulleres do Concello de Muxía. Unha Galería que segue, dende marzo de 2010 repasando a historia da muller nome a nome, personalidade a personalidade.

Este agosto toca Syra Alonso (A Coruña, 1899- México, 1970). Syra Alonso é a autora dos Diarios publicados no ano 2000, traducidos ao galego por Anxos Sumai, unhas memorias que son ademais unha crónica extraordinaria e desgarradora da represión franquista, sufrida por ela mesma co fusilamento do seu home, coa terrible crueldade da amputación das súas mans, o pintor Francisco Miguel, no ano 1936 e toda a traxedia que viviu ata embarcar cara México cos seus tres fillos.

Syra, non só era musa de Francisco Miguel, senón que foi unha intelectual que compartía amizade, inquietudes e ideoloxía coa vangarda da época. Logo da morte do seu home sufriu unha profunda depresión que a mantén pechada na súa casa ata que decide traballar (fixo cigarros, escribiu artigos, posou para pintores...) para poder marchar a Madrid e logo a México, cos fillos.

Muller culta, sensible e solidaria, sábese que escribiu máis obras que están perdidas. Nos seus Diarios fai unha denuncia da cureldade e os crimes franquistas e mostra unha profunda anguria pola traxedia do pobo.

Máis información

Podes atopar máis información sobre ela en:
- Album de Mulleres de CulturaGalega: Syra Alonso.

Na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía podes atopar:
- SYRA ALONSO. DIARIOS. colección Mulleres, A Nosa Terra.

Novas relacionadas

Comentarios