Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
11:28
26/04/22

Profeta na súa terra

Homenaxe a Xaquin Fdez Corbacho en Muros 1
Profeta na súa terra

Non deixa de estrañar o escaso interese político polo mundo local, considerado o irmán pobre da nosa división territorial. E parece que seguirá sendo así por tempo. Porque, ademais dos retos aos que nos enfrontaremos nos próximos anos, persisten os problemas estruturais.

Fai agora preto de doce anos, defendía nun libro que o municipalismo galego debe afrontar, con urxencia, determinadas cuestións básicas que o atrofian e o singularizan respecto ao español. Unha delas consiste en superar definitivamente o raquitismo orzamentario crónico e a inhibición fiscal, ou escasa utilización dos recursos propios, que o fundamenta.

Trátase dunha cuestión que segue mantendo a súa vixencia e sobre a que me gustaba conversar con Xaquín Álvarez Corbacho, de quen teño dito que, ademais dun bo e querido amigo, era o economista máis prestixioso e o experto que mellor coñecía o municipalismo galego. Precisamente, foi quen acuñou o termo “raquitismo orzamentario” para referirse ás ridículas consignacións do orzamento.

Pois ben, o vindeiro sábado, día 30 de abril de 2022, tributaráselle unha merecida homenaxe no Concello do Grove, a súa localidade natal e da que foi alcalde, onde entre outros actos descubrirase unha placa co seu nome no Monte Central da Toxa, que pasará a denominarse Monte Xaquín Álvarez Corbacho, porque conseguiu o máis difícil para un cidadán: ser profeta na súa propia terra.

Botamos en falta referentes como Joaquín –como me gustaba chamarlle–, profesionais con voz autorizada que pidan, sen estridencias, unha profunda revisión legal que devolva aos concellos o cometido fundamental que lles corresponde.

Botamos en falta xente coma el. Persoas que propoñan solucións adecuadas aos problemas dos gobernos locais. Porque, o marco normativo dos concellos foi quedando, pouco a pouco, obsoleto. Remendado en distintos momentos, sen fío condutor, e nalgúns casos con vocación claramente contraditoria co seu papel institucional. Pero el foi capaz de recriminalo, diagnosticando con precisión, rigor e acerto tanto a Agonía do municipalismo galego (1995), como a necesaria e imprescindible Rebelión municipal (2003), evidenciando tamén a relevancia da disxuntiva entre Educación democrática ou barbarie (2015), convencido de que os concellos abrirán camiño.

Pero xa non está aquí e botámolo en falta, porque para deseñar e executar as necesarias transformacións dos nosos concellos, requírese intelixencia e unha vontade política e institucional firme e decidida, pero tamén propostas feitas con sensatez e rigor. Moito rigor técnico.

O vindeiro sábado, vémonos Joaquín.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios