Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Alguén canta

(homenaxe a Spike Lee)

Alguén canta

I
Unha muller canta nun cuarto azul, acende unha lámpara iluminando a noite sobre o escenario, ergue a man, pecha os dedos como un puño. Isto aconteceu hai moito tempo nalgún lugar lonxano. Aquela xente é agora máis vella, mais ela ha permanecer sempre nova, indiferente ao tempo que pasa como a deusa que unha man alfareira creara. Ou ela mesma escrevera o día que o trevón esnaquizou o peirao de táboas onde a taverna, mentras alguén cantaba a balada dun lugar lonxano. Unha melopea que resoa sen acougo cando a tarde remata.

II
    Non haberá nada sobre o que cantar de novo (Sidney O¨Connor) nen xamais imos abandonar a vella e suxa cidade. a lua brilla sobre os tellados, a maré sobe, a noite cada vez está máis fría. parellas moi novas seguen a se beixaren nas esqueiras do peirao, contra os muros.
 creo que xamais daremos saído daquí, desta cidade vella e suxa. dúas veces á semana toco coa miña banda neste local húmedo e oscuro. levo cantando as mesmas estrofes desde hai máis de cen anos. bailamos unha polca en Belfast, mais non abandonaremos esta vella e suxa cidade. o vello Shane pasea o seu can pola area. o infortunio agarima as miñas costas tan disforme. e fun o pregoeiro que percorria as rúas con carteis ás costas a cantar a polka do cimeterio. 

III
Se es negro mellor que non aparezas pola rúa se non queres chamar a atención ou terás de tirar a túa arma e fuxir cara algures onde non te poidan cazar, homes ou feras, os cans do patíbulo. Mais non esperes acadar nengún paraíso porque a xente vai facer un círculo darredor do teu corpo, dirán que eras un revolucionario e falabas de cousas que non viñan a conto. Ninguén vai cubrir o teu corpo cunha manta, nin limpar o sangue que escoa por cinco furados tatuados no teu corpo. A quen lle preguntar polos asasinos?  Se es negro, mellor ha ser que non aparezas pola rúa cando os cans do patíbulo oubean cara aos pantanais, onde o caimán lava os dentes na auga quente e doce da lamaceira.

 

Novas relacionadas

OUTROS ARTIGOS DE MIGUEL ANXO MATO FONDO

 

Comentarios