Do amor salgado, de Modesto Fraga. Unha (re)lectura case tres décadas despois

Modesto Fraga e Miro Villar na Presentación Do amor salgado. Cee, maio de 1997

Un acto de xustiza poética, así cumpriría saudar esta nova edición do libro Do amor salgado do fisterrán de nacenza e de corazón Modesto Fraga, acrecentada agora con vinte poemas até chegar ao medio cento. Non se trata, pois, dunha simple e necesaria reedición, coa que a miúdo as editoras galegas adoitan nomear calquera reimpresión dun libro.

A primeira edición princeps, que vira lume en decembro de 1997, fora un artefacto literario de pésima factura, un caderno en cartoné de 50 páxinas no que todos os textos viñan en cursiva ou itálica e nunha fonte que dificultaba a lectura, editado pola Fundación O grelo – Amigos de Galicia, entidade que convocaba o premio de poesía que mereceu esta obra na cuarta convocatoria, e que ademais tivo unha cativeira distribución. De feito o pouco que se divulgou o libro debeuse á teimosía do propio Modesto Fraga á hora de realizar unha morea de presentacións, imbuído polo espírito aguerrido do Batallón Literario da Costa da Morte do que o poeta fisterrán foi un activo membro. Se me desculpan a autocita, eu mesmo acompañeino nun dos primeiros lanzamentos na desaparecida libraría Trazos, de Cee, con toda a emoción inherente ao acto de botar a andar unha opera prima.

Co agarimo e a profesionalidade de Aira editorial rescátase agora na súa colección de poesía Valilongo. Alén de correccións e emendas non hai moitas mudanzas nas tres partes que conformaban a obra de 1997: na primeira «Eramos luz ambarina» engade dous novos textos que (re)inciden na poética do adeus, da despedida, dos silencios que acompañan a nostalxia; na segunda «Ninguén soubo que marcharas» engade catro sonetos máis que ganduxan cos fíos da mesma temática ou que incorporan o erotismo máis carnal e nos que aparecen espazos e paisaxes dos afectos, próximos como o areal corcubionés de Quenxe ou afastados e que teñen a ver coas viaxes como Granada, e mesmo lugares públicos como a café bar Alborada que é testemuña do adeus; na terceira «Cedo volvín á realidade» tamén engade outros catro poemas de novo para convocar os silencios, reivindicar a saudade dos corpos con renovadas ansias eróticas e outra vez os areais, Quenxe e o fisterrán Mar de Fóra, porque a crónica amorosa da voz poética transcorre no estío cálido de afectos e a escrita terapéutica da saudade faise no outono que lle segue á ausencia.

Unha mención especial merece a novidade da cuarta e derradeira parte, intitulada «Corpos paisaxe», unha decena de poemas que en confesión de Modesto Fraga foran desbotados polos editores por seren demasiado longos. A poesía de longo alento seica casa bastante mal coas dispoñibilidades orzamentarias. En fin, por sorte o poeta fisterrán aproveitou esta malfadada circunstancia para os integrar nun caderno poético que intitulou tamén Corpos paisaxe e que merecería meses despois o premio Avelina Valladares, inéditos como libro até conformaren a primeira parte de Ese estraño silencio (2002).

Preludia os textos a cita de dous potentes versos de Luís González Tosar, un xeito de reivindicar a vella amizade e a débeda co poeta con quen partillou moitos anos as actividades literarias do Pen Clube de Galicia.

Agora a voz poética sitúase no inverno e evoca o corpo amado e deshabitado con doses de sensualidade, con versos nos que o ritmo dos alexandrinos faise máis presente na procura dunha maior carga narrativa e que demostran o oficio do poeta na habelencia do uso da medida e do ritmo. Vimbios que xa entraran na poesía co modernismo e que ecoaron (aínda que a RAG non queira incorporar este verbo tan do gusto de Otero Pedrayo, poñamos por caso) até hoxe en todas as literaturas da nosa contorna.

Velaquí pois o forte vínculo sensitivo que nos ofrece Modesto Fraga entre os corpos amados e a paisaxe mariña fisterrá e a min, para finalizar, tráeme á memoria dous versos do poema «Paisagem» do inesquecible David Mourão-Ferreira.

Desejei-te pinheiro à beira-mar
para fixar o teu perfil exacto.

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

OUTROS ARTIGOS DE MIRO VILLAR EN QPC

 

ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE