Laudatio do bibliotecario José Ramón Rey Senra, «Mon»
Moi prezados Marisé e Ismael, Alcaldesa e membros da corporación do Concello de Cee, familiares e amigos e amigas, que todos fomos, de José Ramón Rey Senra, «Mon».
Antes de máis quero agradecerlle a Víctor Manuel Castiñeira que depositase en min a súa confianza para realizar esta Laudatio do meu/noso bibliotecario e amigo Mon. Nunca imaxinei, nin no peor dos pesadelos, que tería que escribir un texto in memoriam. Non resulta nada doado falar dunha persoa coa que partillaches moitas horas de conversa sobre os temas máis diversos, que iso vén sendo a cerna da amizade. Lembrarei, lembraremos, porque hai recordos comúns a todos e todas nós, momentos da súa traxectoria que sempre será imposible de resumir nuns parágrafos.
Permítanme principiar cunha cita de Umberto Eco, catedrático de Semiótica na Universidade de Boloña e autor de grandes novelas como O nome da rosa, O péndulo de Foucault ou Baudolino, polo que o noso Mon tamén tiña certa devoción. Di así:
“O libro é unha criatura fráxil. Sofre o paso do tempo, o acoso dos roedores e das mans torpes, así que o bibliotecario protexe os libros non só contra o xénero humano senón tamén contra a natureza, dedicando a súa vida a esta guerra contra as forzas do esquecemento.”
Así foi o labor de Mon desde o seu nomeamento en 1989 até uns meses antes de nos deixar, de xeito entregado, profesional e rigoroso, e tan só coa paréntese do tempo no que tivo que cumprir coas súas obrigas militares que foran adiadas por mor dos estudos universitarios.
Ao ser dúas promocións máis vello ca min, o meu trato persoal con Mon nace na súa etapa de bibliotecario, porén xa o coñecía dos anos escolares. Naquela altura no vello Instituto de Bacharelato, anos despois substituído polo actual “As Raíces”, coñecemos as voces “desafinadas” (así nolo confesou o propio Mon) do grupo de rock de garaxe «Asixo», cabo do hoxe profesor e ex-ministro Fran Caamaño, do tamén profesor da USC Saulo Vázquez, do doutor Francisco Blanco ou dos profesioniais Manolo Lores e Antonio Vázquez.
Desa época lembro tamén o seu achegamento á literatura que o ía acompañar toda a súa vida, pois Mon estivo entre os estudantes que botaron unha man para editarmos unha revista de vida efémera que se chamou Celtia.
En Compostela realizou os seus estudos na dinámica Facultade de Xeografía e Historia e teño escoitado da súa propia voz lembranzas de importantes mobilizacións, poñamos por caso a denominada “loita dos pisos”, onde mesturaban a loita contra a LAU (Lei de Autonomía Universitaria) de 1979 e contra a suba dos alugueiros.
Nese momento Historia non tiña demasiadas saídas profesionais, non había oposicións ao ensino ou con moi poucas prazas, e con excelente criterio preparou estudos de Biblioteconomía que lle permitiron gañar a praza neste seu, noso concello.
Como bibliotecario en 1992 argallou o primeiro dos concursos literarios e de ilustración “Achegamento ao libro”, “En busca da portada do noso libro”, aos que seguiron desde 1994 “En busca da nosa mascota” ou desde 2009 “En busca do noso marcapáxinas” e “En busca do noso teatro”, porque a Mon non lle paraba a cabeciña e procuraba sempre unha constante renovación de ideas. Comentaba nunha entrevista naqueles anos que os certames tiñan como fin «animar os nenos a ocupar o seu tempo libre, á creación literaria e deste xeito promocionar a lectura» e engadía «o concurso tamén é un berce para futuros escritores». E así foi, as autoras María Canosa, Ainhoa Conde ou Guadalupe Vázquez Formoso teñen recoñecido publicamente esa débeda coa iniciativa impulsada por Mon. A propia María Canosa asinou o prólogo do volume que en 2014 recolleu todos os traballos premiados até a data.
Todos os anos Mon daba cumprida conta das estatísticas de lectura da Biblioteca Municipal e da Axencia de Lectura de Brens, con pulcritude e rigorosidade e con profusión de datos (número de persoas lectoras, idades, idioma das lecturas, xéneros...), e así podemos saber, por exemplo, que en 1993 chegouse ao préstamo de 23 000 obras, dixen ben, o que testemuña a irradiación cultural e literaria que se daba desde Cee para toda a comarca. Había, hai bibliotecas nas cidades con bastante menos movemento. Noutra entrevista de hai quince anos mostraba a súa capacidade de entender os cambios que xa se estaban a producir e afirmaba con rotundidade: «As novas tecnoloxías apártanos dos libros, pero os rapaces seguen lendo». E abofé que tiña moita razón.
Durante as miñas estadías diarias na biblioteca na década na que fun docente en Fisterra puiden testemuñar como non só asesoraba nas lecturas ao estudantado senón que observei como guiou a centos de escolares de todas as idades e etapas educativas á hora de facer un traballo académico. E tamén a calquera persoa investigadora, de feito o seu nome aparece nos agradecementos da miña tese de licenciatura sobre a poesía de Xervasio Paz Lestón e na miña tese de doutoramento sobre a obra de Antón Zapata García, pois me achegou o que atopaba no seu labor hemerográfico. Estou certo que moitas persoas investigadoras poden dar fe do que veño de afirmar, da súa enorme xenerosidade.
Alén de todo isto, deste seu encomiable labor de bibliotecario, Mon sempre estivo protagonizando ou acompañando acontecementos literarios e culturais.
Por exemplo apoiou e divulgou sempre as actividades do Batallón Literario da Costa da Morte (1996-1997) e moitos dos poetas que fixemos parte dese singular proxecto literario que aparece en todos os manuais de Literatura Galega fomos convidados por Mon a realizarmos encontros cos escolares dos colexios de Cee, Concha Blanco, os irmáns Creus, os fisterráns Alexandre Nerium e Modesto Fraga, Xaime Trillo, María Lado, Suso Bahamonde, María Canosa, ... ou que non foron do BLCM como Rocío Leira ou o noso magnífico dramaturgo Artur Trillo.
E tamén colaborou coa súa achega no proxecto de micromecenado ou crowfunding para editar a antoloxía Versos no Olimpo. O Monte Pindo na poesía galega, que compilamos Francisco Fernández Naval e quen lles fala.
Na metade da década dos noventa non podo esquecer a emoción coa que me relataba as súas viaxes, con funcionarios do concello, para visitar as vivendas de Francisco Mayán tanto en Mondoñedo coma en Lugo e para traer aquí toda a súa biblioteca de máis de 16 000 volumes. Dedicou centos e centos de horas á catalogación e ordenación deste fondo que fai da nosa biblioteca municipal un lugar senlleiro. Cando o visitaba no seu traballo partillaba comigo todas as súas descubertas, as primeiras edicións de libros da literatura galega que poucas bibliotecas posúen, todos os libros de Álvaro Cunqueiro asinados polo escritor mindoniense e moitas outras xoias literarias que custodiaba na sala que desde hoxe vai levar con toda xustiza a lembranza do seu nome. Unha sala de consulta imprescindible para calquera persoa investigadora sobre Cee e a comarca onde atopamos case cincocentos libros anteriores a 1958 (cando se crea o Depósito Legal), unha Hemeroteca que lle observei ir creando cada día coas tesoiras na man ao final da xornada coas novas dos principais xornais da bisbarra, nun tempo no que non existían os repertorios dixitais, e que a rapazada de Aspadex encadernou para uso público. E, por suposto, un Fondo Local onde están absolutamente todas as obras publicadas por autoras e autores de Cee ou libros especialmente relacionados co noso concello. Un labor de compilación que nunca lle deixaremos de agradecer.
E sempre estaba tamén detrás das lembranzas de acontecementos e persoeiros de Cee. Por volta de 1996 Mon foi un dos organizadores dos actos do bicentenario de Fernando Blanco, facendo os labores de Secretario da comisión de homenaxe, ou mesmo realizando a presentación de relatores como Fernando Alonso Romero nas xornadas, ou estando pendente doutros necesarios detalles da intendencia.
E por volta de 2009, sempre con entusiasmo, facía parte da comisión de Neria que preparou os actos do Bicentenario da invasión da Costa da Morte polos franceses, xunto cos tamén historiadores Alejandro Lamas e Salvador Mosteyrín, que deron en organizar unhas xornadas e en promover a reedición de Los franceses en Cee, un texto de Francisco Mayán sobre a invasión de 1809 ou a publicación da banda deseñada A rebelión Neria, que ilustrou Alberto Varela Ferreiro.
Anos despois, xa en 2017, comandou os actos de homenaxe a quen foi cronista oficial de Cee «Lembrando a Baldomero Cores», un completo programa no que os relatores (entre os que tivo a deferencia de me incluír para falar dos seus artigos literarios) abordamos diferentes prismas dunha figura de noso tan poliédrica. O propio Mon, que escribía e divulgaba moi ben, e sobre iso hei volver máis adiante, fixera un minucioso relatorio sobre a presenza de Cee na súa obra xornalística.
E nese labor de formiguiña, xa por volta de 2020, Mon fixo tamén parte da lembranza dun dos máis ilustres fillos de Cee, o arquitecto do Barroco Domingo Antonio de Andrade, que viña de ser homenaxeado no Día das Artes Galegas, celebración instituída pola Real Academia Galega de Belas Artes. Ben sabemos que a emerxencia provocada pola pandemia e o confinamento desluciron moito todas as celebracións. Non era a primeira vez que o mestre do Barroco chamaba a atención de Mon pois xa moito antes, en 1990, nos seus albores profesionais, fixera parte dunha comisión de homenaxe que conmemorou o 350 aniversario do nacemento do arquitecto.
E vou ir poñendo o ramo desta Laudatio reivindicando a que quizais sexa a faceta máis descoñecida de Mon, a súa escrita como divulgador e historiador, e neste punto quixera solicitarvos publicamente, Alcaldesa, Víctor, que se compilen nun volume todos os artigos e textos que deixou esparexidos en programas de festas e en revistas, e mesmo algún inédito que a súa dona Marisé poida poñer ao voso dispor.
Tiven a honra de ler os artigos da súa serie nos programas de festas que intitulou «Historia Anecdótica de Cee a través dos libros de actas do pleno» sempre antes de saíren publicados pois como filólogo confiaba nos meus criterios de corrección e teño que lles dicir que as correccións eran mínimas, algún castelanismo aquí ou acolá e pouquiña cousa máis, mais aprendín moito con aquelas lecturas. Poñerei apenas uns exemplos para non cansar.
Así, no libro-programa das festas da Xunqueira de 2011, Mon descubriunos que aínda estaba vixente o nomeamento de Francisco Franco como alcalde honorífico deste concello na sesión do 18 de xuño de 1939. Aquela investigación súa nos arquivos serviu para que a corporación local decidise, por unanimidade, anular e revogar esa distinción en cumprimento da Lei de Memoria Histórica.
No programa do ano seguinte exhumou un artigo publicado por Francisco Mayán en 1944 coa descrición da desaparecida «Danza das espadas». O propio Mon dedicoulle unha das súas documentadas colaboracións no dixital Que pasa na Costa (14/08/21) co título «A Danza das Espadas de Cee».
Ou no libro de 2016 testemuñaba o uso da lingua galega en oito coplas populares do programa de festas de 1952, nunha época na que a nosa lingua estaba prohibida no discurso público.
A edición comarcal do xornal La Voz de Galicia ou o dixital Que pasa na Costa tamén acolleron colaboracións de Mon nas súas páxinas, por exemplo en 2012 exhumou o pregón das festas que proferiu o poeta e académico Bernardino Graña (1932-2025), quen dedicou uns magníficos parágrafos e versos a enxalzar a Domingo de Andrade. E en 2014 noutro artigo dábanos a coñecer as investigacións sobre toponimia do Proxecto Gaélico, salientando a hipótese que Cee procedería do termo gaélico Cé, desbotando anteriores argumentacións que o adoitan relacionar coa pesca de cetáceos. Mon non entraba nesa dialéctica mais divulgaba esta nova posibilidade de interpretación.
E, sen dúbida, é de imprescindible consulta a súa biografía de Baldomero Cores Trasmonte que se pode consultar desde 2022 na colección dixital Álbum de Galicia, do Consello da Cultura Galega, onde tivo que resumir e facer unha escolma das achegas máis importantes dunha persoa coa que mantivo unha relación moi estreita e coa que colaborou man a man para elaborar a Historia de Cee.
Remato xa, e como poeta quero ler por vez primeira en público o poema que lle dediquei e que vén de ser recén publicado na antoloxía Botando Raíces, que conmemora o cincuentenario da creación do instituto no que ambos e dous estudamos. Os versos parten de vivencias comúns ao alumnado dos oitenta. Velaquí:
As Raíces
Agora, nas raíces indagas, lenta terra
dos teus avós paternos. Absorbes as substancias
que nutriron a escrita desde o sangue en cadoiro,
as palabras nutrientes apañadas nos libros.
Esas mesmas raíces ancoradas na lingua
humilde e cadenciosa dos devanceiros. Árbore
que en ti medrou perenne con humus do substrato
até ser lingua viva, palabras para a escrita.
Auga limpa das fontes, minerais, Poesía,
que tímida deixaches na revista escolar,
Zeltia, voz pondaliana que vos deu ás intrépidas
e andando o tempo serdes feros corvos do Xallas.
Ventos ávregos, quentes como ermas castiñeiras,
queimaron as raíces. Das augas do silencio
rebrotou vagarosa, con ímpeto e memoria,
a escrita en crecemento desde a núa epiderme.
As sementes xermolan, protexidas con dedos
sucios de terra tinta, medra a flor nas froiteiras
e escribes como nunca. E velaí están vizosas
as raíces dun tempo que a sombra ocultou luz.
(Na memoria de Mon Rey Senra, cómplice na querenza polos libros e pola historia desta fisterra atlántica)
- Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
OUTROS ARTIGOS DE MIRO VILLAR EN QPC
- Un libro na procura da luz: Os cómaros da vida. Diarios 2020-2022, de Xosé Antonio Andrade
- Diafragmas e lentes sobre os oficios do mar
- Carta derradeira ao bibliotecario Mon Rey Senra.
- Buguinas poéticas en Fisterra
- Camariñas, Carnota, Cee, Mazaricos e Muros no libro "Os mestres mortos daquel verán", de Narciso de Gabriel
- Unha cala sobre os fillos adoptivos da nosa literatura.
- Combatendo os prexuízos sociolingüísticos. "Galicia, lo gallego y los gallegos", de Fernando Cabeza Quiles, nova edición, en castelán.
- O Berrón (1987-1991) no Dicionario da Literatura Galega.
- A Costa da Morte na obra de Florencio Delgado Gurriarán.
- Darío Xohán Cabana esquecido en Corcubión?.
- Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía (Buenos Aires, 1923-1934), cabeceira da prensa costeira dixitalizada no Repertorio da Emigración Galega
- A potencia simbólica do topónimo Fisterra
- "Kurkuilua modu minorrean", "Buguina en modo menor", poema de Miren Agur Meabe en Ara do mar. Poesía a Fisterra, que compilou Alexandre Nerium.
- Unha tradución de Antón Zapata García na revista Ressorgiment (1936).
- Os irrefutables argumentos de Xosé María Lema en Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2009-2019).
- «Cidades neón», un poema manuscrito de Xela Arias na revista Carnota.
- O poeta laxés Antón Zapata García «prófugo» da xustiza española.
- Os poemas a Castelao do laxés Antón Zapata García e do muxián Xervasio Paz Lestón.
- Aramados: "os meus nove meses polos campos de concentración de Francia". Manuel García Gerpe.
- Unha nova achega sobre os presos da Costa da Morte no «Fuerte de Ezkaba» na posguerra.
- Contra vento, maré e coronavirus. A Costa da Morte en Nova Ardentía, 12. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial
- A presenza da Costa da Morte no volume “Os restos do franquismo en Galiza”
- Os poemas manuscritos da revista Carnota.
- A 35 anos da publicación da revista muxiá Decrúa (1985-1986).
- Fisterra e as fisterras na poesía de Luz Pozo Garza.
- Lugar de incendios, no terceiro cabodano do poeta Paco Souto.
- Bazarra, un topónimo singular do noso territorio.
- Lecturas costeiras: Antoloxía de Dombate
- Lecturas costeiras: Vagabundos, solitarios e sentimentais, de Rivadulla Corcón e ilustracións de Correa Corredoira.
- Castelao, Chateaubriand e a cidade corsaria de Sant-Maloù.
- Unha lectura da guía "O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira", do SEMESCOM.
- O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema.
- A depuración do maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas.
- As Illas Lobeiras en dous proxectos musicais da Costa da Morte.
- O Monte Corpiño, de Muxía, nun poema de Filomena Dato Muruais datado en 1894.
- A lembranza de trece homes da Costa da Morte nos campos de concentración nazis.
ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE
- 2023: No centenario de dous poemas de Gonzalo López Abente na Revista Portuguesa 'A Águia'
- No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente.
- A autopoética de Gonzalo López Abente na “Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955)”, de Francisco Fernández del Riego.
- Fin do ano, un poema de Gonzalo López Abente.
- Manuel Rodríguez Louro «Marrolas», do Monte Pindo a Mauthausen.
- Miro Villar (Setembro 2020): No centenario da versión francesa de Philéas Lebesgue do poema «O carreteiro» de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Xullo 2020): "Abalando", unha descoñecida autotradución castelá de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Marzo 2020): A RAG celebra o 142 aniversario de López Abente compartindo varios poemas póstumos
- Miro Villar (Xullo 2019): Ana Varela Miño leva o VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2019): Esta é noite de Nadal!, un poema de Gonzalo López Abente
- Miro Villa (2019): No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2017): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2017: «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2011): Unha viaxe pola metonimia galega a través da Bretemada de López Abente.