Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Vitorio, mártir

Furna da furna que contén os restos do santo Victorino

A finais do século XVIII, o arcediago de Santa Tasia, o cardeal Francisco Xavier Celada, que máis tarde outorgaría á igrexa capital do seu territorio o corpo do mártir San Campio, atopábase na Cidade Eterna como un membro máis da curia romana. Froito das súas influencias, e con motivo da estreita relación co Cabido Metropolitano de Santiago, onde ostentaba unha prebenda, obtivo para a Basílica Xacobea o corpo de San Vitorio, un suposto mártir extraído das catacumbas, solicitado ao papa Pío VI. Deste xeito, nunha carta enviada aos capitulares composteláns con data do 9 de agosto de 1789, en especial ao cóengo Bernardino de Prado e Ulloa, o sobriño do Cardeal Celada, don Francisco Xavier Gonzalvo, expresaba os sentimentos deste obsequio tan particular: “Habiendo mi tío, el Cardenal de Celada, queriendo manifestar a los Cabildos de España, de donde tiene el honor de ser individuo, la mucha estimación que le merecen, resolvió días ha, dar una prueba nada equívoca de este aprecio a tan ilustres comunidades, remitiéndoles un cuerpo de un Santo, que la bondad del Santo Padre tuvo a bien darle para el insinuado efecto, y a su consecuencia ha tocado para esta Santa Iglesia Apostólica el de San Victorio mártir (…)”.

O 9 de maio de 1789 era rexistrado na Coruña o desembarco do buque “Purísima Concepción”, conducido polo capitán Xoán Pereda Velasco; na caixa nº 3, construída de táboas de pino, viña unha urna de vidro feita de ébano cos restos do Santo e, por riba desta, a documentación acreditativa. Para recoller as reliquias estaba presente Vicente Fernández de la Reguera, pertencente a unha familia herculina dedicada ao comercio, cuxo establecemento tiña o nome de “viúva de Reguera e irmán”. Logo de baixar as reliquias do barco, o mozo de ribeira Antonio Martínez, movido da curiosidade, e para efectuar o rexistro do contido, abriu unha táboa da caixa-envoltorio, rachando sen querer a “auténtica”. Sen outro clérigo presente, de la Reguera levou os restos ao seu fogar, onde foron colocados baixo chave nun cuarto e cunha lámpada votiva de aceite, á vista da veciñanza congregada ante tal feito. No cabido do 5 de xuño de 1789, os capitulares recibiron a noticia da chegada, ordenando que se pasase a recoller o corpo e que se depositase, unha vez en Compostela, na capela de San Roque, coa finalidade de facer alí o recoñecemento. Esta última medida foi acordada o 26 de xuño.

O corpo foi traído nunha padiola baixo a vixilancia de varios clérigos e, chegado a Santiago, púxose no dormitorio do cóengo don André de Bustamante, administrador do Hospital de San Roque. Como as dilixencias sobre o traslado non se practicaran correctamente, o arcebispo Malvar e Pinto ordenou que se chamasen a persoas implicadas para que xuramentasen que non retiraran ningún fragmento para a súa devoción persoal, ou aínda peor, que introducisen calquera elemento alleo. Vendo que o corpo santo non recibira modificación algunha, procedeuse a outra inspección máis: a dos facultativos e a do propio arcebispo, acontecemento que tivo lugar o 7 de agosto pola tarde. Como se desprenderan varios fragmentos, despois de visualizar o corpo do mártir, don Sebastián Malvar distribuíu entre os asistentes certos osiños para aumentar a devoción ao Santo. Despois do recoñecemento, os médicos Antonio Reguera, médico do Cabido, Antonio Sanmartín, médico do Hospital Real, e Marcos Martín, cirurxián da mesma institución, pasaron ás 5 da tarde a examinar os ósos. O memorial redactado especifica que a caixa de cristal con marcos de ébano e remates dourados tiña dúas partes: na inferior estaban os ósos maiores, coa cabeza enteira, a excepción dun dente incisivo da mandíbula superior, e na queixada inferior dous incisivos e unha moa do lado dereito; atopábanse as vértebras, costelas, cúbitos, radios, peronés, falanxes... No segundo corpo da caixa atopábase un pomo de vidro cos osiños e restos sen importancia. Os médicos concluíron que gardaba a debida proporción correspondente a un esqueleto humano.

Co informe favorable sobre a mesa, o arcebispo Malvar promulgou un auto o 9 de agosto invitando aos fieis a coñecer os restos certificados, e a acudir a este Santo como intercesor. Despois dunha solemne procesión de acción de grazas, o corpo foi colocado na capela das reliquias da Catedral o 16 de agosto. Sen embargo, nunca se lle fabricou unha imaxe de cera para conter os ósos, a semellanza doutros Santos catacumbais. Actualmente, o corpo de san Vitorio atópase na capela da Oficina do Peregrino, na Rúa Carretas. 

 

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico