sábado. 20.12.2025
El tiempo

Un crime de novela acontecido en 1895 nunha parroquia de Carballo

foto da igrexa de Santa María de Noicela
Imaxe da igrexa de Santa María de Noicela
Un crime de novela acontecido en 1895 nunha parroquia de Carballo

O 24 de xaneiro de 1895 publicábase no diario La Monarquía unha noticia que dou que falar en todas as capitais e aldeas de Galicia, xa que o seu contido era en verdade moi sorprendente e tremebundo. A historia tivera lugar unhas semanas antes na parroquia carballesa de Santa María de Noicela, onde no ano anterior unha moza resultara embarazada doutro mozo, xa comprometido. Como este non quería que a rapaza revelase a identidade do pai da criatura, citou á moza unha noite no cemiterio da freguesía con obxecto de falar con ela, sen saber que realmente lle ía tender unha trampa. A moza chegou ao camposanto unha vez caera o sol, saíndo ao seu encontro non só o rapaz, senón tamén varios compañeiros del que lle preguntaron nada máis chegar: “¿como queres morrer, a puñaladas ou sepultada?”. A rapaza suplicou de xeonllos misericordia, ao que aqueles desalmados responderon: “Nada de sangue, iso pode vendernos, enterrámola e nin Deus se da conta”, recollía o xornal. Logo pasaron ao cemiterio, onde comezaron a cavar a sepultura co fin de cometer aquel crime. Sen embargo, un rapaciño criado do crego, que vivía na reitoral a certa distancia, vira toda esta escena agochado nunha silveira, xa que ía a igrexa ao caer a tarde para revisar que a lámpada do Santísimo alumease como de costume, por se precisaba máis aceite ou cambiarlle a mecha. Nun intre no que ninguén o podía observar, marchou correndo cara a casa do párroco; alí contoulle o sucedido e o crego, armado dunha escopeta, comezou a disparar ao aire unha vez que se atopaba nas proximidades do adro, facendo fuxir a aqueles malfeitores. O criado e o crego rescataron a moza, levárona a casa e naquela mesma noite dou á luz a dúas criaturas: unha sobreviviu ao parto e outra, en cambio, naceu morta. 

O noticia dou moito que falar nos ambientes da época, foi exposta noutros diarios de prensa, comentada en tabernas e feiras... Sen embargo, certos sectores dubidaban daquela historia, tendo máis pinta de novela escrita por un articulista imaxinativo que por un periodista fiel. Deste xeito, varias persoas dirixíronse ao Xulgado da Coruña, e outras escribiron ao crego de Noicela, don Cayetano Lojo Batalla: nin uns nin outros, aínda coñecendo o que se comentaba, lles sucedera tal cousa. 

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico

Comentarios