Noventa e cinco anos da imaxe da Virxe Milagrosa en Entrecruces
San Xes de Entrecruces é unha das dezaoito freguesías que compoñen o municipio coruñés de Carballo, unha parroquia que noutra hora foi famosa pola produción de cereixas e, do mesmo xeito, polos feitos marabillosos que rodearon a imaxe de Nosa Señora da Medalla Milagrosa. Esta talla cumpre no ano 2026 o seu noventa e cinco aniversario; foi realizada en 1931 polo escultor compostelán Enrique Carballido Nieto, empregando na súa feitura madeira de cedro do Líbano. A imaxe consta no seu total de 1 m e 10 cm de alto; sen peaña e sen coroa alcanza só a figura da Virxe 87 cm. Conta de ancho 40 cm e de fondo 30; o seu rostro mide 9 cm de alto por 7,50 de ancho; a aureola, de prata sobredourada, ten de diámetro 25 cm. Atópase policromada ao óleo, sendo este repinte dos anos oitenta do século pasado, aplicado por Xesús Eirís. A efixie conta cun canon alongado, onde a Señora aparece moi estilizada, cun rostro triste e sereno; segue o modelo iconográfico froito dunha serie de aparicións que deron lugar a esta advocación: no ano 1830, en París, sor Catalina Labouré, hoxe canonizada, tivo unha serie de visións onde puido apreciar á Virxe Inmaculada dentro dunha aureola, rodeada dunha xaculatoria, invitando a que se acuñaran unhas medallas con aquel esquema. Como estas tiveron moita difusión e se obtiveron moitas grazas, deuse en chamar a Virxe da “Medalla Milagrosa”. Ela, a Virxe, aparece como unha Inmaculada Concepción, só que coas mans estendidas derramando delas uns raios, como de froitos espirituais para os seus devotos.
No ano 1930, un século máis tarde das aparicións francesas, o fregués de Entrecruces Bernardo Vázquez Antelo e a súa esposa, xa que esta se atopaba enferma, procuraron a imaxe da Virxe para a súa parroquia, para obter a súa protección. Aínda que nun principio se lle tributaron varias festas e funcións, ao pouco tempo o seu culto esmoreceu: foi colocada nunha credencia do retablo maior, no lado da epístola, ata que no ano 1954 a historia cambiou por completo. A imaxe comezou a producir unha serie de lacrimacións debaixo dos globos de vidro que representan os ollos, un total de once, dende o 11 ao 15 de febreiro; o 12, 18, 22 e 31 de marzo, e no 15 e 21 de abril. A primeira vez foi apreciada polo capelán, sancristán, veciños próximos e familiares do párroco, que estaba ausente; sen embargo, nas seguintes, as testemuñas aumentaron considerablemente. Dende a cidade da Coruña e dende Santiago, varios autocares saían diariamente para visitar esta igrexa, que comezou a constituírse como un pequeno santuario nacional.
Nun principio, a Igrexa diocesana, pastoreada naquel momento polo benemérito Cardeal Quiroga, foi moi prudente co caso e intentou rebaixar o seu eco; o tribunal constituído para a valoración concluíu con varios argumentos que moi pronto se viñeron abaixo. Barallouse a posibilidade de que a imaxe contivese humidade do inverno ou mesmo que fosen goteiras, sen embargo, “chorou” en días moi secos; a emanación de restos de cola ou resina, non obstante, a cabeza foi aberta polo escultor e estaba igual que cando a fixera; a invención dalgún aparello mecánico, idea que se veu á terra xa que a talla fora tomada en brazos e removida diante de moitos e non presentaba nada, etc. Varios fregueses foron chamados a declarar, leváronse a cabo varias probas científicas, meteuse a imaxe nunha fornela de vidro e, aínda así, nada se concluíu. Co cese das lacrimacións, a devoción a esta imaxe quedou unicamente arraigada na poboación de Entrecruces e arredores que, aínda a día de hoxe, manteñen o culto e a memoria deste feito.
Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico
- Unha nova aldea para unha gran igrexa: a construción dunhas vivendas públicas no entorno da parroquial de Rus en 1789
- Os párrocos de Santa María de Traba e San Martiño de Oca, en Coristanco, dende finais do século XVI
- Un libro de rendas e esmolas da parroquia de Santa Baia de Castro, en Coristanco, do ano 1711
- Un documento inédito redactado en Rus en 1796: o testamento da esposa do artista Ignacio Tiburcio Freire
- Ritos e liturxia popular nos santuarios da zona de Bergantiños
- Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Calisto, mártir
- O incendio do retablo de Noicela en 1906
- A reliquia de Santo Outelo de Goiáns
- Narciso Coello de Portugal (1864-1945), crego de Bértoa
- Unha imaxe peculiar e valiosa: a Virxe de Guadalupe de Oza
- Os párrocos de Bergantiños na visita pastoral de 1817
- A contratación da campá maior de Rus, en Carballo, en 1791
- A cruz parroquial de Verdes, en Coristanco: unha das pezas de prata de máis antigüidade na zona de Bergantiños
- As constitucións de 1771 da confraría de Santa María de Ferreira
- Analizando polo miúdo a custodia de San Pedro de Valenza, en Coristanco
- Setenta anos da chegada de don Cipriano Reiriz de Dios (1902-1983) a Valenza, Coristanco: o crego que fixo progresar o rural.
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través da visita pastoral de 1817
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través das visitas pastorais dos séculos XVII e XVIII
- Milagres da Virxe de Pastoriza nas comarcas de Bergantiños e Soneira
- Santos e marcos: a discusión entre san Xián e santa Baia polo lugar de Lume da Cova
- A pirotecnia e as festas de Bergantiños no pasado
- A supresión e anexión das parroquias de San Xusto e Verdes
- Os toques das campás en Bergantiños e o contrato das campás de Oza, Xaviña e Lemaio
- As capelanías existentes en Bergantiños a mediados do século XVIII
- O preito de Santa Minia de Seavia (1870)
- Algunhas sepulturas históricas nas igrexas da zona de Bergantiños
- Don Nicolás Varela Díaz: un fillo ilustre da comarca de Bergantiños
- A devoción a san Antonio de Padua na parroquia de Agualada
- A Virxe da Saleta de Silván: avogosa e protectora das patacas de Coristanco
- A capela das Salgueiras, en Coristanco: de ermida particular a templo veciñal
- A devoción a san Roque na comarca de Bergantiños