Viva SEMPRE EN GALICIA de Montevideo!
Que despois de 1990, a Xunta de Galicia non celebrara ningún dos aniversarios do programa de radio en galego más antigo do mundo debería de levarnos a facer unha reflexión. É na capital uruguaia cando o 3 de setembro de 1950 e desde “Radio Carve” ten lugar a primeira emisión de SEMPRE EN GALICIA enteiramente na nosa lingua. O grupo galeguista montevideano de amigos de Castelao, falecido en xaneiro en Bos Aires, quere renderlle unha homenaxe que non sexa efémera e acordan despois de varias reunións a fundación dun espazo radial que na mañá de cada domingo fale en galego sobre os problemas da Terra Nai e dos seus emigrantes.
Os amigos de Castelao estaban fondamente entristecidos polo falecemento do egrexio rianxeiro xa que levaban anos de estreita relación e actividades en ambas beiras do Prata. Os fundadores foron sete emigrantes: Canabal, Crestar, Couceiro, Leiras, Meilán, Somoza e Pita. Agás Meilán e Leiras que eran de Lugo, os demais eran coruñeses. Hai que sinalar que o poeta e musicólogo Emilio Pita Robelo, residente en Bos Aires, estaba de xeito transitorio en Montevideo por motivos laborais. Entre os fundadores temos a Alfredo Somoza Gutiérrez quen fora presidente da Deputación Provincial da Coruña en 1931 e deputado de “Izquierda Republicana” e relacionado familiarmente con Castelao xa que o seu pai era curmán de Castelao. A historia de Somoza despois do golpe de Estado está marcada polo seu agochamento en diferentes casas de amigos e durante 11 anos para evitar o seu fusilamento. A chegada a Montevideo, desde Francia, foi arranxada polo moi nobre e solidario don Xesús Canabal Fuentes (O Amenal-O Pino).
Eu que estiven diante do micrófono e redactei editoriais durante once anos, sinto que os méritos dos “bos e xenerosos” fundadores non foron recoñecidos como corresponde xa que o seu importante esforzo fixo que a nosa identidade propia latexe no corazón de milleiros de descendentes. Aínda que dous dos fundadores (Canabal e Melián) foron distinguidos coa “Medalla Castelao” non houbo distincións de carácter oficial para o programa xa que só recibiu (e son de agradecer) un par de premios de entidades privadas (Premios da Crítica Galega e Fundación Cultural San Martiño da Estrada).
Pero aínda máis triste é a constatación de que desde 1990 non houbo ningunha celebración do aniversario a pesar de reiteradas xestións pola miña parte como Delegado en Galicia do programa. Fun presentando propostas para actos en Montevideo, a primeiros de setembro, que non tiveron resposta positiva ata que o antes do 70 aniversario, volvín insistir e por escrito para que houbese unha semana cultural galega na capital uruguaia. O certo é que nada conseguín. Poida que sexa un asunto exclusivamente político. Quere dicir que antes na Xunta de Galicia tiñas con quen falar xa que os conselleiros eran membros dun partido político da “dereita civilizada” pero agora aínda que siguen sendo do mesmo partido, son activos militantes ultra que non profesan o credo autonomista.
Quero pedir axuda para que non pase outro aniversario de “Sempre en Galicia” sen celebración. O vindeiro ano é moi apropiado para que sexa un bo limiar ou axeitado adianto da festa maior dos 75 anos na que encheremos a capital uruguaia de cultura galega. Se falo de futuras celebracións no exterior é porque confío en que axiña teremos novas autoridades saídas das urnas. O novo goberno autonómico terá que esforzarse moito para saír da escuridade da desigualdade neoliberal e dignificar a vida política galega mediante un aumento xeral da alegría e da paixón que nos mova para ser capaces de sementar solidariedade en cada rego do fermoso e granítico curruncho atlántico que tanto amou Rosalía de Castro e tamén nos vieiros da diáspora.
- Manuel Suárez Suárez, Dende Lonxe de Montevideo.
OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO
- Un día moi especial en Tines.
- A emigración galega no tango riopratense: Bos Aires e Montevideo
- Conversa con Carlos Penelas en Compostela
- Os galegos no tango riopratense
- O meu primeiro entroido montevideano.
- E que viva Montevideo!.
- Os galegos no berce do tango.
- Viva “Sempre en Galicia” de Montevideo!.
- Adiante coa CASA DE GALICIA de Montevideo!
- Carta do Apóstolo Santiago aos benqueridos irmáns da Casa de Galicia de Montevideo.
- Unha conversa no “Bar Facal” de Montevideo.
- A aterraxe dos voitres de Ribera Salud en Montevideo.
- Eu berro forte que a Casa de Galicia de Montevideo non se pecha!.
- O desexo de querer continuar existindo
- Eu defendo a Casa de Galicia de Montevideo!.
- Montevideo in Love.
- Quero estar en Ribadeo o 28 de xullo do 2024.
- Montevideo, 3 de setembro de 1950.
- Un moi xenial enxeñeiro: Eladio Dieste Saint Martin.
- Imos volver!.
- Pobre o meu Uruguai querido!.
- ¡Vos tenés que hacer siempre los deberes!.
- O entruido máis occidental de Europa.
- Montevideo, un lugar cheo de alegría.
- Bo camiño, Tabaré!.
- Vou a Montevideo.
- Moitas grazas, don Xosé.
- O polisón que casou coa miña curmá da Valiña.
- Aquel primeiro domingo en Montevideo.
- Imos volver!.
- Maracanaço.
- Un ferreiro de Tines en Montevideo.
- Aproveitemos o verán frenteamplista antes de que se nuble o sol!.
- Imos coa ola da esperanza.
- Un pequeno paseo por un recuncho do paraíso atlántico galego.
- O futuro da Casa de Galicia de Montevideo.
- As portas do Centro Galego de Bos Aires.