Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A emigración galega no tango riopratense: Bos Aires e Montevideo

A emigración galega no tango riopratense: Bos Aires e Montevideo

Haberá que falar do ano 1850 se queremos indicar unha data para o comezo do proceso de urbanización nas capitais da República Arxentina e da República Oriental do Uruguai. A vida de ambos portos estivo sempre moi xunguida xa que os acontecementos dunha beira tiñan consecuencias na outra. Montevideo case duplica a súa poboación entre 1843-1851. Esta xeira histórica é chamada do Sitio Grande xa que a cidade estivo sitiada oito anos ata a sinatura da paz o 8 de outubro de 1851. En Bos Aires nestes anos o goberno estaba en mans de Juan Manuel de Rosas [Rozas] que foi quen axudou ao xeneral Oribe a manter o cerco desde o seu cuartel do Cerrito. Habería moito que explicar sobre o federalismo e o caudillismo e o imperialismo inglés pero iso vai quedar para cando imparta en Bos Aires e Montevideo o curso intensivo sobre os galegos no tango ou sexa A emigración galega do tango riopratense.

As dúas cidades-porto ou mellor dito as dúas grandes aldeas, tiveron un parello proceso de urbanización motivado pola tecnoloxía que transforma o transporte [tranvías e forrocarrís] e as comunicacións [telégrafo] e a vida cidadá coa auga corrente, electricidade e gas. Estamos no momento do arameamento dos campos que determinará o ingreso das dúas novas repúblicas nun primixenio sistema capitalista de establecementos gandeiros [as estancias] que serán, por medio dos seus propietarios latifundistas, quen teñan o poder económico e por tanto, tamén o político. Os presidentes son militares: Roca, na Arxentina é de estirpe catalá e Latorre, no Uruguai é de estirpe galega.

O historiador uruguaio Fernando O. Assunçao fala de dous círculos de crecemento en amabas capitais riopratenses: 1)un de carácter concéntrico no que por unha banda os homes do campo, os gauchos, veñen na busca de traballo e por outra e coa mesma finalidade, entran polo porto, os emigrantes; 2) outro de carácter excéntrico [o centro das cidades medra con novos inquilinos xa que a clase alta constrúe grandes vivendas en zonas residenciais da periferia]. A urbanización comeza polo porto xa que alí e onde ten lugar o comercio de exportación e importación. E falando de importación temos que suliñar a entrada masiva de emigrantes españois e italianos que son os que mudan totalmente a fisonomía das cidades.

Os tanos e os gayegos chocan nun mesmo espazo cos antigos traballadores rurais [os gauchos] que agora non teñen cabalo e buscan un choio na recén xurdida industria cárnica de exportación en matadoiros e salgadoiros. Nacen novos barrios arredor destas industrias; en Bos Aires os de Flores e Mataderos e en Montevideo os de El Cerro e La Teja. Nas dúas cidades hai un forte empurre na construcción de vivendas e pavimentación de rúas que en Bos Aires faise con madeira dura e en Montevideo con pedra. Para o sociólogo uruguaio Juan Rial que estuda o crecemento demográfico entre 1870-1930, foi o peche dos campos moi negativo para a man de obra ocupada xa que deixou sen traballo a unhas 8000 familias en 1880. A cría de gando era a principal actividade económica exportadora e necesitaba moi pouca man de obra. De aquela a agricultura era unha actividade marxinal xa que estaba fóra do mercado internacional.

Son varios os autores que sinalan que no rápido crecemento das repúblicas pratenses hai unha fonda contradicción que aínda hoxe non foi superada e que frea un normal desenvolvemento socioeconómico. Os campos estaban baleiros e con escasa poboación e moi espallada polo que semella lóxico pensar en enchelos de colonos, de familias europeas para intentar crear unn empresariado granxeiro [farmers] pero a realidade foi ben distinta e os recén chegados non se estableceron no rural senón que ancoraron as forzas e penas nas beiras cidadás. Os labregos que plantaban patacas son agora os que as venden nos seus almacéns.

Eu son da opinión de que os gayegos sen arado ían máis preparados para a loita que os gauchos sen cabalo. Os nosos emigrantes están afeitos a duros invernos e saben que despois dunha longa viaxe teñen que petar forte para saír adiante. Os nosos veñen buscando un novo lugar e os gauchos, pola contra, lembran con tristeza o que acaban de perder. Mentras os nosos respiran esperanza, os outros respiran frustración. Neste tempo de pouco antes do 1900 non se pode falar de moita tolerancia entre os grupos sociais e aínda non temos unha convivencia pacífica xa que cada protagonista está na busca dun sitio onde vivir en paz. Nesta busca do acubillo nun curruncho de benestar é cando agroman novas formas culturais. Unha delas é o TANGO que é o froito máis orixinal saído do enfrontamento dialéctico urbano entre xente desprazada.

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios