Un poema do muxián Xervasio Paz Lestón nun libro prohibido pola censura franquista

Trinta anos de poesía crítica. 1936–1966. Estudo e Escolma

Xesús Alonso Montero. Edición de Ramón Nicolás

Vigo: Galaxia, 2022, 240 páxinas

O profesor Xesús Alonso Montero (1928–2026) finou o pasado 12 de febreiro e aos seus 97 anos conservaba intactos os seus extraordinarios dotes como orador e como polígrafo de numerosa obra, nomeadamente no eido dos estudos literarios. Por escasas semanas non puido contemplar a edición, convertida xa na súa primeira obra póstuma, que preparou con rigorosidade e sabenza Ramón Nicolás dunha das súas antoloxías comentadas, neste caso co título orixinal de Trinta anos de poesía crítica. (1936–1966). Estudo. Escolma. (A protesta de trinta poetas), con erro neste subtítulo xa que en realidade compila trinta e dous, e que non vería a luz no ano 1967 por mor da prohibición para ser publicada emitida pola censura franquista que recibía o eufemístico nome de “Oficina Voluntaria de Consulta Previa”, dependente da “Dirección General de Información” do Ministerio de Información y Turismo, sendo ministro Fraga Iribarne, da que se nos ofrece aquí o seu relato e testemuño documental e que se resume na sentenza “no es aconsejable la edición de la obra”.

O propio Alonso Montero escribiu ad hoc un limiar de vinte páxinas no que explica as vicisitudes que correu esta antoloxía, que ía editar a imprenta ourensá Gráficas Tanco, propiedade dun seu camarada comunista. O mesmo malfado ía sufrir outra compilada por Méndez Ferrín, como ben analizou e puido documentar Xosé Manuel Dasilva nun artigo en Grial 238 e na súa recente obra Os libros censurados por Franco (Galaxia, 2026). 

O duro e inclemente informe censor contén parágrafos coma este: “Es de notar que en el texto predominan las composiciones o inéditas o publicadas en órganos del exilio y que el valor literario de la mayor parte de ellas es tan escaso que explica perfectamente la exclusiva motivación política”. Un informe que está asinado por Manuel Picos Vilavella (se callar pseudónimo), coñecido polas súas traducións de Erich von Manstein, xeneral alemán xulgado en Núremberg por crimes de guerra e contra a humanidade. Este censor semella ter moita teima e zuna pola literatura galega, pois tamén participou de varios expedientes de censura a Méndez Ferrín.

Na escolma os poemas impublicables pertencen a Villar (Bernardino Graña), Novoneyra, Ferreiro, Neira (Vilas), Seoane, Paz Lestón, Manuel María, López Casanova, Tovar e Méndez Ferrín. E iso que Alonso Montero explica como nesa época exerceu a autocensura con poemas e autores que podían ferir a susceptibilidade censora.

Por parte, Ramón Nicolás estuda as referencias bibliográficas previas do propio Alonso Montero a esta obra que quedara sen editar e fai un percorrido sobre a heteroxeneidade das voces e das xeracións incluídas, alén de completar interesantes informacións ecdóticas sobre algúns autores, mesmo sobre aqueles dos que menos datos hai no cumprido Limiar orixinal e nas súas correspondentes microfichas.

Estas breves biobibliografías resumen os datos dos autores coñecidos nesa época e en ocasións redúcense a unha liña, poñamos por caso Xervasio Paz Lestón, poeta muxián emigrado na Arxentina do que subliña “(Só sei del que publicou un poema en Eufonía)”. Porén o propio Alonso Montero case tres décadas despois ampliaría a información na súa columna no xornal La Voz de Galicia, na que citaba un breve artigo biográfico asinado en 1979 por M. A. Baño na revista Alborada da ABC de Corcubión en Bos Aires. As inesgotables pescudas do profesor Alonso Montero alicerzaron a tese de licenciatura de quen isto asina A poesía galega de Xervasio Paz Lestón. Edición e estudo, elaborada baixo a súa dirección.

O poema de Paz Lestón que está entre os textos que fan “no aconsejable la edición” para a censura leva por título «Agoiramento», publicado nunha revista da emigración galega na Arxentina, Eufonía, nº 2, setembro de 1959. Foi exhumado 26 anos despois polo propio Xesús Alonso Montero no seu discurso de ingreso como académico na RAG o 30 de outubro de 1993,“Manifestos” en verso en favor da poesía civil nos primeiros tempos da posguerra na Galicia da terra e na Galicia emigrante (1939-1962) (A Coruña: RAG, 1993) e polo poeta Rafa Vilar en: “Novas de América: a poesía de Paz Lestón” (Revista das Letras do Correo Galego, 2 /marzo/ 1995), antes de se incluír na miña tese de licenciatura na que tiven a fortuna de traballar cos manuscritos e mecanoscritos do poeta muxián cedidos polo seu fillo, o chorado e finado doutor Juan Gervasio Paz Narbaiz. Do poema «Agoiramento», non se conserva o texto orixinal e na revista Eufonía aparece datado polo autor “Bós Aires, 1959”. Na nota a rodapé indica tamén “Xervasio Paz Lestón, director da revista Alborada”. O profesor Alonso Montero só reproducía a primeira parte, mais para a censura era suficiente que se dedicase a lembrar as “rebertías” (rebeldías) de Curros ou que escribise “contra o mostro feroz das tiranías” ou que o pobo soerguese “tras roxas auroras”. Velaquí o poema completo:

Agoiramento

 

(Coa mente en Curros Enríquez)

                      I

Ao numen tutelar do esgrevio bardo
das variles e xustas rebertías
ofreceulle seu lírico homenaxe,
nas planas primixenias, EUFONIA.

¿Podería levar máis outo siño
ese ofertorio de sonoras rimas?,
¿Qué terá de alcontrar máis diño alcuño
que o do maior poeta de Galicia?...

¡Que o eiscelso esprito que viveu loitando
contra o mostro feroz das tiranías
inspire as voces dos aedas novos
que sonean na Terra ou pelegrinan!

¡Que os delores da Patria hoxe en silenzo
tremen nas cordas das noveles liras
deica soerguer ó pobo en odio santo
que, tras roxas auroras, o rediman!

Acender o rencor en contra os déspotas
é condición primeira da poesía,
tamén a de puñar contra a iñorancia
que embouta a humanidade da iñominia.

Non está o tempo pra enfiar metáforas
que, en rebesgado estilo, nada digan
mentras cantan na Terra encadeada
as voces das xenreiras homicidas.

Son tempos do deber ineludibre
prá que o vate chamou "casta maldita".
¡Quén hoxe non pulsare as roucas cordas,
que, pra sempre, enmudeza e crebe a lira!...

                        II

Si o enxebre numen do tronante Curros
tutelou a nacencia de EUFONIA,
ben está que a avalar veña istas outras
a dóce santa laica de Galicia.

Despois do inspirador bico de Xove,
a branda man que ampara i agarima
do outo arquetipo da muller galega,
da musa do delor, de Rosalía.

¡Que o alerta alcuño das augustas somas
luz poña no vieiro de EUFONIA,
pra que esta voce que antre dóres nace,
acade longa e resoante vida!

 

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

OUTROS ARTIGOS DE MIRO VILLAR EN QPC

 

ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE