Unha concentración a favor da mina e dos postos de traballo

Unha semana despois da manifestación en contra, os colectivos a favor da mina de ouro de Corcoesto demostraron a división que vive a sociedade da Costa da Morte. Ante a falta dun camiño, dun ordenamento económico comarcal, os proxectos industriais que achegan un considerable número de postos de traballo significan un oase no medio do deserto migratorio no que vive a zona.

Este pasado sábado así o deixaron sentir os veciños que consideran o proxecto mineiro como unha oportunidade laboral. Unhas 300 persoas (200 segundo a Garda Civil e 400 segundo os convocantes) xuntáronse diante do Concello de Coristanco, chegadas de moitos puntos da zona a través dos buses gratuitos fletados para a ocasión.

Así, o traballo segue a ser o gran cabalo de batalla da bisbarra. A pancanta cun claro, "Polo noso futuro. Queremos traballar! Sí á mina de ouro de Corcoesto!" demostra que este proxecto é visto como unha alternativa á emigración, cando menos para unhas 200 familias da zona.

De feito, a empresa está comezando o proceso de selección de persoal a través dunha ETT e coa colaboración do Concello cabanés, e parece ser que xa contan con 1.400 currículos para unha parte dos 271 postos de traballo que ofertan.

Non houbo tintes, nin figuras, políticos, pero si chegaron dende Asturias os membros da plataforma "Trabajo Ya. Mina Sí".

Unha visita vista con recelo polos grupos contrarios á mina. Así, a Plataforma Salvemos Cabana considera "un fraude" a manifestación a favor da mina, entendendo que o colectivo asturiano foi creado "ao calor a empresa Exploraciones Mineras del Cantábrico S.L. / Astur Gold", e que estas mobilizacións "só son novos intentos de dividir á población da zona".

Máis información

Artigos relacionados

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).