Sábado. 27.04.2024
El tiempo

“Cianuro e minería: Moitas medias verdades interesadas”. Un artigo da Química Carmen Varela

“Cianuro e minería: Moitas medias verdades interesadas”. Un artigo da Química Carmen Varela

Continúa realmente intensa a polémica en torno á mina de Corcoesto sobre todo trala apertura dun grupo nas redes sociais favorable ao proxecto. En todo caso, e co afán de seguir aportando información, que é o que solicitan moitos veciños, queremos facernos eco dun artigo da Doutora en Química Orgánica, Carmen Varela, sobre o uso do cianuro, un dos puntos que máis critican os opositores, nesta clase de proxectos mineiros.

“Cianuro e minería: Moitas medias verdades interesadas”

Nunha de tantas sobremesas coa familia, alguén comenta “a ver que pasa co da mina de ouro”. Son de Cereo, vivo en Madrid e era a primeira vez que oía falar do tema. Non me sabían dar moitos datos, pero dixéronme a palabra clave: CIANURO.

Son química. Ás veces traballo con miligramos de cianuro sódico baixo altas medidas de seguridade; hai laboratorios nos que incluso hai que comunicarlle ó médico cando o vas manipular. Por iso cando me dicían “toneladas”, rebatíalles “imposible”. Pero, desgraciadamente, sí eran toneladas… e diarias.

De volta en Madrid, púxenme a buscar información sobre o uso do cianuro na minería. Atopeime argumentos “xustificativos” por parte das empresas mineiras como “Non é tan fiero o león como o pintan. O cianuro prodúceno moitas plantas, bacterias, hongos e incluso o corpo humán. Fabrícanse unhas 3 millóns de toneladas ó ano para a industria (plásticos, pegamentos, etc.) das que soamente un 18% se emprega na minería”. Menos mal que tamén deixaban caer que “é un dos venenos máis potentes que se coñecen”.

Pois sí, todo iso é certo (menos o do león) pero tén letra pequeña. Na industria emprégase a cantidade estrictamente necesaria para o proceso, é dicir, todo o cianuro que entra, consúmese. Non hai miles, millóns de toneladas de residuos cianurados como pasa nas minas de ouro. Nestas, o cianuro emprégase para disolver o ouro, despois sepárano do metal e queda todo como residuo.

E aquí vén a parte que eu lle chamo “o timo da estampita”. “Non vos preocupedes, o cianuro descomponse de forma natural cos raios do sol. Aínda así, e para que vos quededes totalmente tranquilos, nós ímolo destruir con SO2 para convertilo en cianato que xa non é tóxico”. Isto tén tantos peros que xa non sei nin por onde empezar. Primeiro, para que o cianuro se descompoña de forma natural téñense que dar unha serie de factores que NON se cumpren nas balsas de residuos. Ademáis, ¿alguén se imaxina que, se se descompoñese espontáneamente, ían gastar un céntimo en destruílo?. A realidade é que no proceso de lixiviación, é dicir, da extracción/disolución do ouro, fórmanse varios tipos de “compostos cianurados”. Reciben este nome precisamente porque a maioría deles non teñen o cianuro libre senón que o teñen complexado, unido, a distintos metáis. No proceso de tratamento co SO2 que, dito sexa de paso, os hai moito máis eficientes pero, claro, máis caros (peróxido de Hidróxeno H2O2, ozono O3) soamente se destrúen, e de forma parcial, dous tipos de compostos cianurados: o cianuro libre (CN- e HCN) e o cianuro WAD (CNWAD, compostos cianurados que se disocian en presencia dun ácido débil) tódolos demáis compostos con cianuro non se inmutan (CNSAD, complexos insolubles). Así que aquí fannos o truco do almendruco porque só miden a cantidade de CNWAD que queda e non o total. Ese total déixannolo en herencia para o resto das nosas vidas, da dos nosos fillos e, moi probablemente, tamén da dos nosos netos. Como anécdota, comentar tamén que o SO2 é un gas lacrimóxeno e irritante, causante da chuvia ácida porque se convirte en ácido sulfúrico. Eles, no seu “proceso INCO”, engádenlle cal para neutralizar este ácido o que se traduce en máis e máis residuos. Como vedes, o cóctel é completiño. E aínda quedaría decoralo co Arsénico, sosa cáustica, ácido clorhídrico e un largo etcétera. Un groliño?

  • Carmen Varela, Doutora en Química Orgánica.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios