José Carballeira Pérez (1858-1942), benemérito párroco de San Xoán de Carballo

O crego José Carballeira. Foto: Amigos de los 50 de Carballo

Se nos achegamos ás imaxes do santoral que se expoñen á veneración pública na igrexa parroquial de Carballo, darémonos conta de que algunhas delas amosan unhas placas ou inscricións especificando que foron donativos de familias piadosas da vila. Unha destas tallas, a de san Brais, foi un agasallo feito polo párroco José Carballeira Pérez. Don José foi párroco desta vila, onde levou a cabo un interesante labor apostólico. A súa parroquia natal era San Vicenzo de Augas Santas, no actual concello de Rois, onde veu ao mundo ás dúas da madrugada do 25 de xuño de 1858 (fol. 20 vº): 

En la iglesia parroquial de San Vicente de Aguas Santas a veinticinco días del mes de junio año de mil ochocientos cincuenta y ocho, yo, don Cándido Baameiro, rector de esta parroquia, bauticé solemnemente y puse los Santos Óleos a un niño que nació a las dos de la mañana del mismo día hijo legítimo y de legítimo matrimonio de José Carballeira y de Ignacia Pérez, su mujer, vecinos del lugar de Bralo y naturales aquel de San Vicente de Burres y esta de Aguas Santas; le puse por nombre José. Abuelos paternos Francisco Carballeira y Andrea Camiño, de la dicha de Burres; maternos Juan Pérez, natural de Urdilde y Gertrudis Blanco, natural de esta de Aguas Santas. Fueron padrinos Luis Vilachán, vecino del mismo lugar, y Benita Pérez, hermana del niño, a quienes advertí el parentesco espiritual y más obligaciones…

Logo de descubrir a súa vocación ao sacerdocio, decidiu entrar no Seminario; recibiu a prima clerical tonsura en 1875, grados e subdiaconado en 1882 e, ao ano seguinte, o diaconado e a orde sacerdotal. Antes de chegar á vila de Carballo foi coadxutor en Sar, ecónomo en Malpica, en Santa Lucía da Coruña (Diario de Avisos de La Coruña, 22 de xullo de 1890) e en Carril (El Criterio Gallego, 10 de xullo de 1893). En El Diario de Galicia (3 de outubro de 1895) anúnciase a toma de posesión de Carballeira Pérez da parroquia de San Xoán de Carballo e, xuntamente, a toma de posesión de don Manuel Varela Alvarellos -natural de Traba- da parroquia de Santa María de Castelo e de Morlán. Este último sacerdote sería párroco de Entrecruces dende 1916 ata 1942, e seu irmán Ramón de Santiago de Sísamo. 

Dentro da familia de don José Carballeira, varios membros decidirían abrazar a vida relixiosa, especialmente os seus sobriños, influídos polo exemplo do seu tío crego. O 1 de setembro de 1905, na igrexa de san Francisco, en Santiago, emitiu os seus votos solemnes Frei Bernardino Martínez Carballeira (El Correo de Galicia, 31 de agosto de 1905) e, en decembro de 1929, don José Carballeira entregáballe o hábito mercedario -no convento desta comunidade de Santiago- a Mercedes Martínez Carballeira, irmá do mencionado frade franciscano, que en diante chamaríase Sor María Mercedes de san Pedro Armengol. As vocacións florecían polos lugares por onde pasaba Carballeira, a quen a Providencia puxo na vila de Carballo, case facendo honra ao seu apelido. Alí instituíu varias confrarías, como a da Doutrina Cristiá, erixida o 1 de febreiro de 1908 e unida á de Roma; mercou novas imaxes de santos para impulsar a devoción popular, procurou a celebración da Santa Misión de forma periódica para renovar a fe dos seus fregueses... Tamén o Apostolado da Oración, os primeiros venres de mes en honra do Sagrado Corazón de Xesús, a festa das Fillas de María, as flores do mes de maio... Para dinamizar e propoñer actividades para a mocidade, cada ano celebrábase a festa do catecismo, como da conta o diario El Correo de Galicia (9 de xaneiro de 1918). Do mesmo xeito, don José Carballeira foi arcipreste de Bergantiños durante varios anos; en 1912 propuxo o nomeamento do Cardeal Martín de Herrera como fillo adoptivo de Carballo (El Correo de Galicia, 8 de outubro de 1912). Sen embargo, a maior e custosa obra que fixo este sacerdote por Carballo foi dotar á vila dunha igrexa da que carecía. 

A antiga igrexa de Carballo, a primixenia, atopábase a certa distancia do actual núcleo, xa que se situaba en Cernide. A única testemuña que queda dela, aparte das imaxes que foron rescatadas e están no actual templo, é a espadana, que foi vendida e colocada na capela de Ramil, en Rus. Coa aparición das augas termais e a construción do balneario nos límites das parroquias de Bértoa e Sísamo, a poboación comezou a medrar en torno a este complexo; para unha mellor atención construíuse unha capela anexa dedicada á Virxe da Estrela. Cara mediados do século XIX a igrexa antiga queda abandonada: era hora de crear unha nova parroquia preto do novo núcleo de Carballo e de construír un templo axeitado para todos os fieis católicos. Segundo apunta Domínguez Pallas na súa publicación O patrimonio relixioso de Carballo. Estudo artístico e colección documental. Séculos XVI-XX (páxina 132), entre o 26 de setembro de 1861 e o 26 de novembro de 1864 levouse a cabo a construción dunha igrexa parroquial. Intentouse economizar o máximo posible, non se usaron bos materiais... Ao pouco tempo, cara o ano 1880, a arquitectura presentaba un avanzado estado de deterioro: o edificio foi clausurado, mercado un solar, e construída unha capela provisional, sinxela, para dar a atención espiritual necesaria. No mes de xullo de 1894, como di unha carta enviada polo párroco don Eduardo Cancela Regueiro, a igrexa foi dinamitada; na mesma misiva indica que a parroquia pasou de contar no século XIX cuns cen veciños a trescentos a finais da dita centuria, e que poderían ir en ascenso seguindo as previsións deste sacerdote, como así foi: tiña balneario, era capital de partido, residencia de autoridades, punto comercial dos labregos de Bergantiños, estaba comezando a introducirse a industria... Este foi o aspecto da vila á chegada do crego Carballeira: unha vila en expansión e sen igrexa. 

O 5 de decembro de 1899, facendo colectas entre o pobo, aportación persoal e mediante subvencións, arrancou a obra da nova igrexa: abríronse os regos para colocar a cimentación das paredes. O proxecto era de facer unha arquitectura maxestosa, en planta de cruz latina, cunha sólida torre-campanario; todo nunha linguaxe ecléctica, que repetía as fórmulas da Idade Media, aínda que pasadas pola criba e a visión do século XX. Como indica Xosé Pumar no seu libro Viaxe polo corazón de Bergantiños, no 1925 foi inaugurada, despois de moitos desvelos, traballos e esforzos. Unha vez feita a obra, don José Carballeira comezou a poboar a arquitectura de retablos de madeira ao natural, fermosas imaxes, instituíndo festas e confrarías para aumentar o culto e o compromiso dos fieis carballeses. Sen embargo, faltaba o tellado da igrexa, como indica o sacerdote nunha carta do 12 de xullo de 1927, experimentando xa daquela un importante deterioro nas bóvedas e nas paredes. En efecto, entre outros moitos motivos, cara 1973 -pechada polo perigo de ruína- foi derrubada e substituída pola actual. Don José Carballeira Pérez faleceu o 26 de decembro de 1942, como indica a seguinte partida de defunción:

En el cementerio parroquia de San Juan de Carballo a veintiséis de diciembre de mil novecientos cuarenta y dos se dio sepultura al cadáver de don José Carballeira Pérez, cura párroco de esta parroquia, de ochenta y cuatro años de edad, hijo de don José y de doña Ignacia, de estado célibe. Falleció el día de hoy en la rectoral de Carballo. Recibió los sacramentos de Penitencia, Santísimo Viático, Extremaunción y Bendición Apostólica, que le administró don Manuel Villaverde Balboa, su coadjutor. 

Para ilustrar esta biografía, tomamos a foto deste sacerdote da páxina web “Amigos de los 50 de Carballo”. 
 

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico