Martes. 31.03.2020
El tiempo

Bruno Méndez: "Todo o que proba de árbitro, quédase"

Bruno Méndez, un dos máis veteranos árbitros da Costa da Morte
Bruno Méndez, un dos máis veteranos árbitros da Costa da Morte
Bruno Méndez: "Todo o que proba de árbitro, quédase"
Hoxe coñeceremos un pouco máis un deses árbitros recoñecidos na Costa, ese colectivo que é parte fundamental para que o balón poida rodar cada fin de semana e disfrutar do noso fútbol, e que dende QPC sempre coidamos con mimo.

Bruno Mendez Arbitro da Costa de 3Division  

  • QPC: Os árbitros sodes futbolistas frustrados ou é vocación?

Case todos xogamos algunha vez e nalgún momento todos cambiamos o balón polo silbato, pero para continuar nesta andaina necesitas ter tamén unha parte de vocación, ten que gustarche a labor que desempeñas.

 
  • QPC: Cantos anos levas na arbitraxe?

14 temporadas, empecei con 15 anos porque na Coruña buscaban árbitros e eu xa comezaba a ser suplente no equipo que xogaba... ja ja ja... Decidín probar, e quedeime ata hoxe. Foi unha decisión acertada, síntome moi a gusto neste papel de árbito

 
  • QPC: Cal é o partido máis importante que dirixiches?

Todos os partidos poden considerarse importantes, pero quizais o partido con máis repercusión ao que puiden asistir como árbitro foi a final da Copa da Costa entre Xallas e Sofán da temporada 2017/18, no que estiven de asistente xunto a Marcos Ordóñez, Adrián Pérez Rellán e Pablo Rama.

  • QPC: A todos os árbitros algunha vez na carreira vos ameazan, cal foi o momento máis perigoso que viviches?

Dentro do campo tiven algunha experiencia desagradable, pero quizais o peor episodio foi na saída dun partido de Preferente, no grupo sur, cando tras saír das instalacións deportivas fomos perseguidos por afeccionados do equipo local que quedaran disconformes coa nosa actuación.

 
  • QPC: Que se sinte cando saltas ao campo e sabes que na grada ninguén te vai apoiar?

Nos primeiros anos da miña vida arbitral isto implicaba nerviosismo, pola xuventude e a inexperiencia, pero co paso dos anos eses sentimentos foron mermando, e agora xa me sinto máis seguro e veterano, con máis confianza para dirixir un partido de fútbol, aínda que sempre hai que aprender e estar o máis tranquilo e concentrado posible.

 
  • QPC: Esa soidade, moitas veces parece que os árbitros facedes unha secta, na que vos custa aceptar os erros en público, ou non é así?

Para nada, nós sempre estamos abertos a comentarios e críticas, sempre que sexan construtivas, o que si vexo é o estigma e a repercusión dos nosos erros, que non se aceptan igual que os dos xogadores ou adestradores, que tamén se equivocan en cada partido e os seus erros están máis aceptados no mundo do fútbol. Pero por suposto que somos persoas, e nós mesmos somos conscientes dos erros que cometemos, moitas veces somos os primeiros en darnos conta, e acudimos a vernos uns aos outros ou, cando isto pasa, vemos algúns dos partidos que arbitramos pola televisión, e procuramos corrixir eses erros e mellorar cada día, pero non é sinxelo non cometer erros, nin para nós nin para os xogadores, pero o noso erro non se perdoa nunca.

 
  • QPC: Cada categoría que se baixa no fútbol, hai menos respecto ao árbitro?

Eu invertiría a ecuación: penso que canto máis alta é a categoría no fútbol, maior é o respecto ao árbitro e a súa labor. Penso que na Terceira Galicia hai respecto ao árbitro, pero quizais en Terceira División xa haxa máis, quizais pola forma de ser xa de futbolistas máis formados, quizais pola repercusión que poida ter a súa indisciplina.

 
  • QPC: Os insultos arxentinos son moi divertidos, algunha vez te riches de algo que che dixeran, ou aquí somos máis tradicionais?

A maioría da xente usa os insultos máis básicos e tradicionais, pero o certo é que se che toca escoitar algún enxeñoso acabas rindo, porque te das de conta que se molestou en pensar o insulto, pero o certo é que, máis aló das risas, todos deberiamos contribuir para aumentar o respecto do fútbol, e desterrar todas as formas de violencia dos campos, tamén a verbal.

 
  • QPC: Agora en serio, cres que se acabarán os insultos algún día?

Eu creo que a sociedade evoluciona e con ela o fútbol, non hai outro camiño. Levo 14 temporadas e cando eu comezaba percibía máis crispación, máis agresións, verbais e incluso físicas. Actualmente a RFGF está traballando moito nese aspecto e creo que a labor está sendo boa e positiva, e por exemplo no fútbol 8 xa se avanzou, co protocolo contra a violencia, o que é de agradecer, pois non deixan de ser nenos practicando o seu deporte favorito.

 
  • QPC: Tes algunha anécdota graciosa dentro do terreo de xogo?

Co paso dos anos sempre vas vivindo detalles simpáticos con xogadores ou adestradores, pero a que máis recordo foi co meu propio pai, nun partido dos moitos que me veu ver.
Meu pai púxose na grada como un máis, era un partido entre equipos de localidades próximas, polo que había expectación e ambiente.
Os locais marcaron o 1-0 e un par de xogadas despois marcarían os visitantes o empate. Entón, entre ambas afeccións celebrando o gol con pouco tempo de marxe, a xente arredor de meu pai deuse conta que el non celebrou ningún dos dous goles, e el, ao darse conta do detalle, para non ter que dar moitas explicacións da súa presenza alí, mentres eu ía dar o saque de medio campo polo gol, berroume: “árbitro, que!?”.
Obviamente, eu boteime a rir e meu pai tamén, e ambas afeccións quedaron máis “tranquilas” porque aínda que non sabían quen era, pensaban que se lle berraba ao árbitro, non podía ter ningún vínculo con el.

 
  • QPC: Os xogadores non poden xogar dous partidos o mesmo día, en cambio os árbitros facedes dous ou tres diarios. Iso non perxudica as facultades físicas do colexiado?

Bueno, un futbolista xuvenil xoga o sábado a súa categoría e o domingo pode xogar de titular co equipo senior, ou similar. Si é certo que ao longo dunha fin de semana podes chegar a pitar dous ou tres partidos, pero as designacións arbitrais veñen sempre pensadas para dosificar esa carga de traballo, non é o mesmo un partido senior que un partido de fútbol 8. Eu, por exemplo, hai semanas que pito na miña categoría, Terceira División, e como a esixencia aí é máxima, nesas semanas non arbitro máis nada, en cambio outras si. Todo ten a súa lóxica e está traballado para intentar que a carga sexa equilibrada e poidamos chegar en boas condicións aos partidos. Ademais, durante a semana temos adestramentos físicos varios días, dependendo do tramo da temporada, para chegar en boas condicións, e obviamente o noso papel no campo non é o dos xogadores, que están expostos a outro tipo de desgaste (máis intensidade nas accións, o propio contacto físico que fai que o seu desempeño sexa máis “sufrido”...) que fai que para eles sexa máis complexo disputar máis de un encontro, aínda que tamén hai quen o fai (moitos xogadores, a nivel local, combinan xuvenís e senior, ligas de fútbol sala pola semana...). Cadaquén ten que coñecer os límites do seu corpo e axustar tamén un pouco a carga, claro.

 
  • QPC: Ninguén é profeta na súa terra, e, no teu caso, cada vez que ves arbitrar á Costa é todo polémica, a que cres que se debe?

Eu non o vexo así. Tamén é certo que, pola miña categoría, acostuman tocarme partidos con, a priori, moitas cousas en xogo, pero ningún partido está exento de polémica, e eu, como calquera, intento acertar o máximo posible. Moitas veces, que o árbitro pase desapercibido só implica que non houbo decisións importantes no partido. Non sei, non creo que sexa tan así, para ben ou para mal, a polémica arbitral é “norma” no fútbol e toca convivir con ela.

 Bruno Mendez arbitro da Costa da Morte 1
  • QPC: Eres o profesor de regulamento nos cursos de adestrador, iso como o levas?

Esa foi das mellores vivencias da miña vida arbitral, a posibilidade de transmitir ao resto da xente algo que me gusta, como a arbitraxe, e achegar as regras de xogo, que moitos cren saber e non todos coñecen. Tratar coa xente do fútbol que non ten vínculo directo coa arbitraxe é unha experiencia enriquecedora.
Cando se creou a Subdelegación da Costa da Morte nomeáronme profesor de regras de xogo no Comité de Árbitros e no Comité de Adestradores, grazas a Vítor Recarei e Manolo Corredoira, que confiaron en min. A verdade, a preparación das clases supón un tempo extra que moitas veces escasea, pero fágoo sempre con gañas para intentar ensinar o que outros me aprenderon a min, e incluso mostrar as miñas propias vivencias para levar da mellor maneira un partido de fútbol.

 Bruno Mendez na charla da RFGF sobre o F8
Bruno Mendez nunha charla da RFGF sobre o F8
  • QPC: Nos cursos estarán todos moi respectuosos, despois tocouche expulsar algún alumno?

Os alumnos son moi respectuosos nos cursos, e veñen con gañas de aprender. Tiven cursos dende Coristanco a Muros, pasando por Ponteceso ou Fisterra, e en todos eles tiven persoas formidables e alumnos exemplares.

 
  • QPC: E, para rematar, que lle dirías a todas esas persoas que se queren meter no mundo da arbitraxe?

Que veñan e proben. Este é outro punto de vista do fútbol moi interesante, somos un grupo humano cunha afección común que engancha, e todo o que proba, quédase.

ENTREVISTAS do Fútbol da Costa en QPC

comentarios