Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Os voluntarios descobren a porta orixinal da Croa do Castro de Cerqueda

Os voluntarios descobren a porta orixinal da Croa do Castro de Cerqueda
A zona da Croa do Castro de Cerqueda-Foto-Sole Felloza

Ata hai só un mes a Croa do Castro de Cerqueda era un monte máis no horizonte de Malpica, un monte con historia e tradicións pero sen vida. Desde o pasado 28 de marzo, e tras a realización dun proxecto de arqueoloxía social, este ben patrimonial adquiriu unha dimensión ata o de agora descoñecida. Coa súa limpeza apareceron estruturas que, ata antes, eran descoñecidas para veciños e expertos, como a súa porta orixinal.

Despois desa primeira primeira sesión de voluntariado convertida en festa do patrimonio, este pasado sábado tivo lugar a segunda xornada con voluntarios. Dúas citas polas que pasaron polo castro case un milleiro de persoas entre voluntarios, veciños e turistas.

O equipo arqueolóxico do castro, Fiodora López e Alejandro Laíño, tiña moi poucos datos previos. A principal documentación escrita estaba no traballo que o profesor Rodríguez Casal elaborara nos anos 70 a partir dos castros da zona. Naquel traballo, Casal ubicaba a posible entrada ao noroeste e tamén falaba dun pequeno muro na contorna leste.

Pero grazas a xornada de limpeza con voluntarios que tivo lugar o 28 de marzo pareceu o muro do que falaba Casal, contendo a zona superior do parapeto. Trátase dun muro pequeno de mampostería que fixo dubidar desde o primeiro momento a todos os arqueólogos que estaban na intervención. “O muro non estaba só sobre o parapeto leste, senón que continuaba o seu trazado tanto polo noroeste do castro como polo sur”, asegura Fiodora, “abandonando a contorna do parapeto, quizais para delimitar unha propiedade, quizais para flanquear un vello camiño polo lado sur do castro, hoxe perdido, pero que aínda está presente na memoria dos veciños de Cerqueda”.

Agora toca esperar o seguinte paso, que será a aplicación do gradiómetro para coñecer as posibles estruturas habitacionais deste ben.

Facendo medicions topograficas na Croa do Castro de Cerqueda

Aparece a porta

Preparando o ousino na Croa do Castro de Cerqueda

Os traballos seguiron en dirección sur e aí foi onde xurdiu a sorpresa. “Ao limpar a zona do sur, xa se comezou a ver unha lixeira depresión polo exterior do parapeto que nos fixo sospeitar de que podería ser o acceso orixinal do castro”, sinala Fiodora,”cando no último día o tractor despexou na croa a zona próxima á entrada, puidemos ver que non só a depresión se facía maior, senón que o parapeto, a ambos lados do acceso, acadaba máis altura, como flanqueando a porta. Aí se fixo evidente: era a entrada orixinal”.

A porta responde a un modelo habitual do mundo da Idade do Ferro: a muralla ensánchase e reforzase nas dúas beiras da porta de entrada. “Isto demostra como con pequenas accións como unha simple limpeza”, engade o arqueólogo Alejandro Laíño, “ou as historias dos veciños nos poden axudar a contrastar e desmentir os primeiros datos que manexabamos”. Para Fiodora López, “a conclusión é que o acceso orixinal estaba situado no Sureste e que tanto o muro como o acceso aberto no parapeto noroeste (por onde se entra hoxendía ao castro), responde a unha realidade posterior na que o castro se transforma para responder a oturo tipo de necesidades”.

Escoitando ao arqueologo na Croa do Castro de Cerqueda

Nova xornada de voluntarios

Precisamente, este sábado 11 de abril realizouse unha nova xornada con voluntarios que remataron de limpar toda a croa do castro. Ademais axudaron a coñecer como os profesionais da arqueoloxía realizan traballos máis técnicos xa que participaron con dous equipos que van levantar a planimetría do sitio arqueolóxico, obtendo o primeiro plano científico da Croa do Castro, e comezando o preparar o terreo para a aplicación do gradiómetro, un aparello que é quen de descubrir estruturas habitacionais soterradas e que foi cedido polo Instituto de Ciencias da Patrimonio (INCIPIT) do CSIC.

Voluntarios na Croa do Castro

Máis información

Novas relacionadas

Novas sobre o Parque do Megalitismo

Máis novas arqueolóxicas

Fonte

Comentarios