Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A arqueoloxía volve ás mans da veciñanza en Cerqueda

A arqueoloxía volve ás mans da veciñanza en Cerqueda
Os vecinos de Cerqueda recuperan os sendeiros da Croa do Castro

Nova demostración de que á veciñanza da Costa da Morte lle gusta a arqueoloxía, de que a a Costa da Morte é pioneira en materia de Arqueoloxía Social. Abrían a primeira xornada de voluntarios para comezar a excavación do Croa do Castro de Cerqueda, e en apenas uns días, xa están as prazas completas para as 2 xornadas de colaboración cidadá.

Informan os organizadores (veciños de Cerqueda e Concello de Malpica co apoio na comunicación do divulgador cultural Manuel Gago) de que só se precisan 3 suplente para a xornada do 28 de marzo, que poidan acudir no caso de caernos algunha xente para ese día. Como os veciños xa coñecen ben a zona, a organización priorizou os voluntarios de outras partes de Galicia, se ben haberá unha ducia de veciños que ademais de darlle ao sacho, farán de guías.

Un éxito de convocatoria que demostra que o patrimonio cultural é parte da historia de cada veciño, e non só das elites. Unha idea pola que leva loitando a nova vangarda arqueolóxica para devolver o patrimonio á cidadanía.

Así, a xente de a pé participará nas primeiras excavacións para descubrir este tesouro oculto de Bergantiños. Un tesouro que foi catalogado por primeira vez por Rodríguez Casal, na súa obra Carta arqueólogica del partido judicial de Carballo de Bergantiños (Coruña) de 1975, na que sitúa este castro no lugar de Aldeola.
Posteriormente, tamén o arqueólogo Agrafoxo Pérez, en 1989, chámalle Castro de Aldeola como un asentamento no val do río Vaa. Tamén aparece catalogado nas fichas da Dirección Xeral de Patrimonio, a primeira de 1992, por Manuel Díaz Vázquez.

O que xa se sabe é que a Croa do Castro ten unhas medidas de 152 metros no eixo maior (NO-SL) e 82 metros no menor (NL-SO), e unha altura de 138 metros sobre o nivel do mar. Está rodeado na súa totalidade por un parapeto (muro) defensivo que aproveita os desniveis naturais dun outeiro e lle outorga ao monumento unha perfecta visibilidade desde toda a súa a contorna. Este muro chega a alcanzar unha altura de 8 metros, pero no recinto non se aprecian muros nin elementos estruturais. “A ver se o redescubrimos nas xornadas dos voluntarios”, apuntan dende a organización.

Máis información

Novas relacionadas

Novas sobre o Parque do Megalitismo

Máis novas arqueolóxicas

Fonte

Comentarios