Martes. 19.03.2024
El tiempo

Un baile con Carolina Otero dende a Galería Mulleres de Muxía

Un baile con Carolina Otero dende a Galería Mulleres de Muxía

Segue a Galería Mulleres do Concello de Muxía recuperando a historia de Galicia nome a nome, sempre en clave feminina. Este mes de novembro de 2012, coñecemos máis a Carolina Otero, esta pontevedresa (Valga Pontevedra, 1868 - Niza ,1965), que foi cantante, actriz e bailarina.

Agustina Otero Iglesias, reinventouse a se mesma como Carolina Otero e foi para o mundo La Belle Otero. Fuxiu dunha vida de pobreza e conseguiu acumular riqueza, adquirir cultura, aprender idiomas e ser coñecida en todo o mundo, convertíndose nunha icona da Belle Epoque, espertando paixóns ata na realeza da época.

A súa vida estivo marcada por unha cruel violación que sufriu cando tiña 10 anos, e que a deixou nun estado físico moi grave . A nena conseguiu curarse pero as secuelas psíquicas duraron toda a vida e quizais sexan a expricación de que Carolina creara unha personaxe e mesmo nas súas memorias ocultara a súa verdadeira orixe e dera datos falsos. Ainda así hai que dicir que ela nunca se esqueceu da súa orixe e da súa familia á que enviaba cartos e mesmo tiña á súa irmá máis nova vivindo con ela. Tampouco se esqueceu da xente humilde da súa parroquia e nos últimos anos da súa vida deixou unha carta escrita ao alcalde da súa vila para notificarlle que os beneficiarios do seu testamento serían as xentes máis pobres de Ponte Valga. Finalmente o pouco que quedou da súa fortuna acabou nun asilo de nenos pobres.

A intelixencia e a beleza de Belle Otero convertírona nun mito da época e foi amada por homes poderosos , ainda que nunca chegou a comprometerse con ninguén e morreu soa en Niza. A súa figura está envolta en lenda, pero tras estas lendas está unha nena galega que fuxíu dunha realidade sórdida e aprendeu a moverse no escenario, vestirse e seducir para chegar a pisar os mellores escenarios do mundo , ser personaxe habitual da prensa e literatura da época e ser adorada como unha deusa. Luís Seoane escribe sobre Carolina na prensa arxentina, e ve nela un dos símbolos da gracia e a beleza de Galiza, pero tamén da pobreza escarnecida polos señoritos de Vila.

Novas relacionadas

Galería Mulleres de Muxía

Fonte

Comentarios