Venres. 26.04.2024
El tiempo
Lola Rontano
08:42
15/07/22

'Mediterrantes' en Suecia

I’ve been chasing ghosts and I don’t like it.
Dying on the vine, John Cale

Landskrona 1
'Mediterrantes' en Suecia

Como nunha jaima, dúas matriarcas sentadas nunha das mesas do parque fuman un narguilé mentres toman o té. Levan a aura do sur impresa na pel, nos cabelos e nos ollos negros. Saudámonos ao pasar. As mulleres máis novas levan o hiyab. Os seus compañeiros, pola contra, visten completamente á europea, igual que as súas crianzas. Coas nosas diferenzas e particularidades, somos mediterrantes, migrantes mediterráneos: máis aló das fronteiras políticas, esta orixe común traza unha rede entre nós, como unha idiosincrasia solar. 

Nas últimas catro décadas houbo moitas solicitudes de asilo en Suecia por parte de poboación que fuxía das guerras e das dificultades económicas nos seus países de orixe. Moitas desas persoas procedían de Irán, Iraq, Palestina, Líbano, Siria, Turquía, Somalia ou a antiga Iugoslavia. Hoxe en día, Suecia conta cunha poboación de 10,3 millóns de persoas. O 25 % da poboación sueca é de orixe estranxeira. 

Landskrona 5

Ás cinco fun quen de levantarme por fin para saír a dar un paseo, un paseo longo, co único propósito de despexar a cabeza. Pasei o día na cama, cunha resaca de campionato. Os meus pasos sonámbulos leváronme ata o antigo muíño vermello, que campa no medio dunha urbanización circular. As fachadas das casas están invadidas por malvas reais de cores branco nácar, amarelo pálido, pexego e fucsia. Miden máis de dous metros. Non hai reixas nas xanelas das vivendas, auténticas exposicións de lámpadas, candelabros e orquídeas, tampouco adoita haber cortinas para resgardar a intimidade. Nada que ver coas celosías e persianas das casas mediterráneas, onde a prioridade é preservar a escuridade e o frescor. 

Unha senda peonil conduce a unha zona axardinada, ao pé mesmo da torre vermella do Lazareto, un centro médico produto dunha imaxinativa mente máis que un edificio funcional. Así é a arquitectura nórdica: hanseática, curvilínea, feérica. 

Contornando un estanque, fronte ás vilas de frontóns curvados e xardíns nos que sempre hai aparcado un ou máis coches de alta gama, enlazas con outro parque, que leva directamente cara ao centro de Landskrona. Acabo na Fiskargränden, unha bonita rúa de casas baixas onde viven os Larsson, Persson e Johanssen das caixas do correo. Unha muller de pel nívea que vén empurrando unha bicicleta sorríme ao pasar. En xeral, a xente é moi afable nesta cidade de 45 mil habitantes. Ao chegar á esquina, atopas o porto e a zona este, enteiramente industrial. Camiño dando as costas ás naves, guindastres, contedores e galpóns de teitume abovedado. En fronte, moi preto, un illote alberga varias casas de cores e doce aeroxeradores de tamaño XS que semellan as candeas dunha torta de aniversario: “a reserva ecolóxica”.  

Fronte ao peirao, dúas raparigas toman o sol no balcón do hotel Kronan. O nome vénlle do Stora Kronan, o gran Kronan, un navío de guerra que serviu á armada sueca en 1670. Mandouno construír Carlos XI, ía ser un dos buques de guerra máis grandes e custosos do mundo, unha especie de símbolo de status, xa que Suecia era potencia europea e controlaba, xunto a Dinamarca, o tráfico no mar Báltico. De feito, a construción atrasouse por mor de problemas de financiamento entre o ministerio e a armadora, as cousas non cambiaron tanto. En calquera caso, non serviu máis que catro anos porque foi para o fondo ao envorcar nunha manobra, durante a batalla de Öland. O máis dramático é que levou consigo 800 homes, todo o equipo militar, un lote de moedas de ouro e prata... E un queixo, este último rescatado en 2016 (seica aínda comestible). Constituíuse unha comisión de investigación para depurar responsabilidades, sendo declarado como único culpable o comandante supremo da mariña, falecido no naufraxio. En definitiva, xunto co Vasa, o Stora Kronan é o outro gran fracaso da armada sueca. 

Resumindo, pode dicirse que as guerras do norte durante o século XVII foron consecuencia da intervención sueca na contenda de Luís XIV contra Holanda. Fronte a esta alianza, Holanda busca o apoio de Dinamarca e de Noruega, creando un conflito de escala internacional. Que perseguían, uns e outros? Cartos, coma sempre. Neste caso, o monopolio do transporte marítimo en Europa. Os daneses, máis enfocados, querían recuperar a provincia de Escania e ter así o control do Øresund. 

As contendas terminaron sen un vencedor claro porque os suecos perden no mar, pero derrotan os daneses en terra; ao mesmo tempo, son derrotados no norte de Alemaña e así ata que alcanzan por fin un acordo entre todas as partes. Carlos XI, rei de Suecia, casa coa princesa Ulrica Leonor, irmá do seu adversario, o rei Cristián V de Dinamarca. E colorín colorado, de inimigos a cuñados. 

“Emily”, “Linda”, “Emma” son as embarcacións habituais do porto de Landskrona. Hoxe acompáñaas unha soberbia “Joséphine”. Esculcando polo resto de iates e barcos de recreo atracados no porto, empezo a cantaruxar “Osez, osez, Joséphine”, de Alain Bashung. A pesar da lingua de trapo e da dor de cabeza, estou contenta porque conseguín chegar ata aquí a través dos xardíns. Para pechar o círculo, volverei ao apartamento polo parque da Citadelle, o máis grande e frondoso da cidade, coa súa alameda e carreiros entre castiñeiros en flor e salgueiros centenarios. 

Baleiro como sempre, o Uranieborg, un barco de tres pisos con servizo de bar-restaurante, chega da illa de Ven. De súpeto levanta a proa, como unha balea abre as fauces, e avanza así cara ao peirao. Un parrulo cruza a toda mecha, por un momento o fulgor verde do seu pescozo brilla sobre o azul petróleo das augas do porto. Nesta zona, fronte ás vivendas de nova construción, outro barco acapara de súpeto toda a miña atención. É un veleiro coas cubertas de madeira. Baixo cara ao pantalán e avanzo ás présas, o corazón sáltame no peito cando descubro que é Antares. O barco de Nastacha! Cando chego á pasarela de embarque, inclínome para golpear cos cotenos na cuberta. Se a dona está a bordo sentirá sen dúbida e se está ocupada, poderá ignorarme. Incorpórome, un pouco nerviosa. Lembrarase de min? Quererá falarme? Aos poucos, aparece en cuberta un cachorro de huski siberiano seguido da propia Nastacha, que me lanza unha mirada entre desconfiada e inquisitiva. O cadelo achégase en actitude amigable. Os seus ollos celestes son máis pálidos que o ceo da tarde. Tal e como teño aprendido, tócoo primeiro baixo o fuciño e despois acaríñolle a cabeza, mentres saúdo a dona. 

-Acórdaste de min? -pregunto. 

A expresión de Nastacha disténdese nun sorriso burlón. As engurras arredor dos seus ollos inspíranme moita tenrura. Vai vestida cun chándal gris perla. 

- Claro que si! Lola, a española!

Nastacha explícame que o cadelo, Jakob, é da súa sobriña, que marchou de vacacións, e convídame a subir a bordo para a fika, ou sexa, a merenda. Serve os típicos pasteis suecos condimentados con canela, cravo, azafrán e comiño, acompañados de café e un zume a base de froita confeitada. Eu cóntolle que hai apenas unha semana acordabámonos dela e buscamos o seu barco no porto de Elsinor. 

- Elsinor! -funga ela-. Non hai quen viva alí no verán. Demasiado movemento de barcos e turistas. Nesta época atraco en Landskrona e en Lomma, sonche máis tranquilos. 
Mentres imos poñéndonos ao día, evitando pola miña banda calquera referencia a Putin ou á guerra, é ela quen comenta o catastrófico da situación en Ucraína, cento corenta e cinco días máis tarde, e cóntame como estivo axudando a amigos e coñecidos a saír do país. 

-Nastacha, es o meu ideal de muller -dígolle con voz trémula, engaiolada polos seus ollos de ámbar e coa hipersensibilidade propia dunha resaca-. Se non fóra por Lady Chorima, xuraríache amor eterno aquí mesmo. De xeonllos. 

-A monogamia é un dos grandes males da humanidade, non sabes? -responde ela, mentres serve máis café.

Landskrona 3

  • Lola RontanoFlâneuse afincada na Costa da Morte, autora da novela Austroatlántica.

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

Comentarios