"Val tan doce e sombrío", de Francisco X. Fernández Naval

A obra poética de Francisco X. Fernández Naval, "Chisco" (Ourense, 1956, mais carnotán de corazón) é ampla e sólida, con oito títulos publicados até hoxe sen considerarmos as antoloxías da súa propia obra, porén transcorreron quince anos de silencio desde o último Suite Dublín (Libros da Frouma, 2011) até este Val tan doce e sombrío (Kalandraka, 2026), tempo no que o autor perpetrou con notoriedade outros xéneros literarios, velaí ensaios como O soño galego de Julio Cortázar (Linteo, 2014) ou o voluminoso Ser cetáceo. O fascinante inverno do animal de fondo (Bululú, 2023), novelas como A noite branca (Xerais, 2012) ou Alma e o mar (Galaxia, 2017), obras de literatura infanto-xuvenil, traballos de memoria histórica, guións cinematográficos ou traducións de índole diversa.

De estarmos diante doutra novela non debería citar tres versos do penúltimo poema “E ela cegou” sen o risco de facer un revelado da trama ou espóiler, anglicismo adaptado que xa recolle a RAG no seu Dicionario.

Ela cegou dúas veces: / unha polo glaucoma / e outra polo olvido.

Ela é a nai, coa que a voz poética dialoga primeiro desde unha terceira persoa, non por iso afastada e distante senón contemplativa, e logo desde unha segunda persoa, máis achegada e íntima, máis entrañable se quixermos no seu significado máis etimolóxico. De feito o libro ábrese cunha cita do escritor castelán Gustavo Martín Garzo “La figura de la madre es el acto fundacional de la literatura”.

O poemario inicia o seu percorrido emocional co regreso dela á aldea, á casa familiar, abandonando a cidade, malia a incomprensión dun fillo que non é quen de se decatar “que iniciaba o retorno ao val sombrío / e doce no que nos perdemos”. Porén, consonte andamos ese camiño de retorno xa se pode observar a evolución até o punto de que na parte central do libro a voz poética fala de retellar a casa por ela e por si propio, como xeito de esconxurar o esquecemento.

E diante desa muller que vai perdendo facultades cognitivas os versos reescriben as súas lembranzas e asemade permiten que a voz poética vaia recoñecendo a nai mentres nós, lectoras e lectores, imos coñecendo aquela muller que ía á misa de doce en Santo Domingo mais levaba no padal unha bandeira republicana mais tamén esa muller que fala e sorrí de maneira incoherente, desde “Un lugar do que, ás veces, / non volves”. 

Os poemas tamén se converten nun diario íntimo dos coidados, dos afectos nese delicado transo, das preguntas sen resposta que xorden a cada vez que lle corta as unllas ao tempo que a súa ollada, vítima do glaucoma, vai perdendo tamén a súa intensidade, ou ese desgarrador “Non volvas” que recibe un día desde a ducha, mais tamén a melancolía dos paseos xuntos e con pasos curtos ou a procura da interpretación á súa linguaxe inédita que tan ben se expresa no poema “A paisaxe semántica”.

E a semántica tamén revela esa vulnerabilidade singularizada na nai, mais extensiva a calquera de nós que xa vivimos ese estado de fraxilidade emocional ou que nos pode visitar no momento menos pensado. Velaí poemas como “Centro de saúde”, “Diagnóstico”, o fulcral “Alzhéimer”, cinco versos tremendos e sen concesións, “19.09.2019” ou “Sete minutos”, escrito cando o confinamento pechou as residencias de maiores e provocou fendas irreparables entre doentes e familiares.

Son momentos nos que a voz poética tamén se interroga sobre o sentido da escrita, como no fermoso “Poema”, onde se fai orbitar como unha avelaíña arredor dunha lámpada e no que coñecemos as dificultades de atopar as palabras en adversas circunstancias.

Non é a única ave que voa nestas páxinas, velaí os corvos do solpor, o paporrubio da mañá co seu alegre canto nos silencios do ano da pandemia, os colibrís de Elena Poniatowska, cabo das andoriñas, as meixengras, os rabirrubios e os pardais do patio familiar, os estorniños, os xílgaros, os picanzos vermellos, aves de paso, as garzas, as curuxas, os paporrubios, as bubelas, e que acadan o seu momento sublime en “Ave” cando o rostro da nai se converte nun paxaro que voa libre.

O cantar das aves mestúrase con outras lembranzas da estirpe familiar, como o bisavó Benito, de poderosa voz e do que se recorda a súa oralidade, ou a fascinación coa que Lela, irmá da nai, contemplou o petróglifo da Laxe das Rodas na parroquia muradá de Louro. Son momentos de repouso na dor, mesmo con poemas como “Circo” onde a memoria dos irmáns Tonetti nos leva a debuxar un sorriso infantil ou con apelacións á reescrita dos mitos clásicos como no poema “Héctor” a quen se convoca por se enfrontar á morte de xeito valoroso.

Evita Fernández Naval nos seus versos falar da morte, da ausencia, para centrar a poética do irreversible no acompañamento e nos coidados e en entretecer os fíos das lembranzas en loita desigual contra a perda cognitiva. Un tema cada vez máis presente na literatura e que entre nós xa ocupou poemarios como Río Alzheimer de Carlos Pereira Martínez e mesmo propiciou a convocatoria dun premio de literatura infanto-xuvenil convocado por Agadea e Galaxia que na súa primeira edición gañou Sobremesas sobre versos de Raquel Castro.

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

OUTROS ARTIGOS DE MIRO VILLAR EN QPC

 

ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE