luns. 11.05.2026
El tiempo
Miro Villar
12:00
11/05/26

Fernando Cabeza Quiles, un sabio da Onomástica, in memoriam

Fernando Cabeza Quiles, un sabio da Onomástica, in memoriam

Curiosamente souben do pasamento do amigo Fernando Cabeza Quiles en terras de Granada, onde tamén desenvolveu parte do seu destacado labor de investigación que recolleu no libro, de gozosa lectura como toda a súa obra, Galegos en Las Alpujarras granadinas (Toxosoutos: 2003).

Fernando-Cabeza-Quiles_03
Fernando Cabeza Quiles

Como lembraba o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello foise “O Sabio do Nós”, que nos iluminaba sobre a Onomástica, nomeadamente sobre a Toponimia, tanto na súa escrita coma no seu discurso público (en palestras e colaboracións radiofónicas sempre amenas e interesantes) ou na conversa persoal coas amizades que o tratamos. Tiven a fortuna e a honra de ser unha desas persoas, de escribir recensións da súa obra literaria, pois era tamén autor de libros de relatos, e de manter un diálogo frutífero dende hai ben anos, mesmo antes de coincidirmos nalgunha das actividades do Batallón Literario da Costa da Morte.

Sempre bo e xeneroso á hora de partillar os seus coñecementos e a súa erudición. Na nosa correspondencia electrónica conservo dúas anotacións toponímicas que lle solicitei e que como homenaxe quixera reproducir deseguida.

En outubro de 2013 a curiosidade dun compañeiro docente no CPI Viaño Pequeno (Trazo) e a miña propia e confesada ignorancia ao respecto levoume a lle procurar unha explicación ao topónimo fisterrán (O) Rostro, que nomea un dos areais máis coñecidos e máis bravos de toda a Costa da Morte. A solución ás nosas dúbidas chegou da man do amigo escritor e especialista en toponimia, Fernando Cabeza Quiles, que xa na altura publicara tres volumes intitulados: Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (Xerais: 1992, descatalogado); Os nomes da terra: topónimos galegos (Toxosoutos: 2000) e Toponimia de Galicia (Galaxia: 2008). O noso amigo deu resposta de maneira xenerosa, que moito lle agradezo, á cuestión que lle fixen chegar e velaquí o que nos dixo:
«Verbo do topónimo fisterrán (O) Rostro, naceu na punta litoral do mesmo apelativo, para despois dar tamén nome á praia contigua. Vén da voz latina Rostru(m), "pico de ave, morro, fuciño", e, en xeral, "calquera cousa ou accidente xeográfico ou topográfico con forma de saínte"; valores semánticos idóneos para aplicar a cabos ou saíntes abruptos da costa, como a punta do Rostro fisterrá da parroquia de Sardiñeiro e outra así chamada que hai nas illas Sisargas. O Rostro sería así un topónimo similar ao do Morro, aplicado igualmente a saíntes costeiros, que proxectan ou alongan o seu "rostro" ou "morro" no mar. Tamén penso que os substantivos comúns "rostro" e "morro", referidos a esas partes sobresaíntes do corpo humano ou dalgúns animais fociñentos, recollen a mesma idea significativa que os topónimos homónimos O Rostro e O Morro». 

E por volta de xaneiro de 2020 soliciteille información sobre o singular topónimo Bazarra da miña parroquia natal de Toba (Cee), que sempre nos causou fascinación pola súa rareza, topónimo hoxe de sobras escoitado grazas a que unha gasolineira, situada nese lugar, decidiu con excelente criterio preservar o nome. A singularidade de Bazarra como topónimo pódese consultar no portal Toponimia de Galicia, onde é o único resultado en todo o territorio galego. Máis feraz é a procura na Cartografía dos Apelidos de Galicia, do Instituto da Lingua Galega (ILG), que documenta 251 apelidos Bazarra, coas maiores porcentaxes nas localidades de Porto do Son, con diferenza, Muros e Noia, só superadas polas cidades en números absolutos, por razóns obvias derivadas da emigración rural ás áreas urbanas.

Fernando Cabeza Quiles, que xa acrecentara os seus estudos coas obras A toponimia celta de Galicia (Toxosoutos: 2014) ou Toponimia da Estrada (RAG / AGO: 2018), concello no que foi profesor durante varios anos, fíxome chegar a súa opinión.

Así, concordaba con outro experto, Gonzalo Navaza, escritor e profesor da UVigo verbo da orixe do topónimo Bazarra a partir dunha posible base prerromana *BAC ou BAC(I), 'depresión, oco, concavidade'. Unicamente matizaba: "pero, máis que a unha pequena depresión de terreo que se enche de auga no inverno, penso que Bazarra alude a un fondal máis grande. Tamén considero que o nome da súa parroquia matriz, Toba, se pode referir á mesma depresión orográfica noutro dos seus puntos. O tal fondal podería ser o que ocupa o lugar de Toba de Abaixo e a area recreativa, especialmente onda os muíños. Para isto que eu che digo colla forza e verosimilitude, os lugares de Toba de Abaixo, a area recreativa e Bazarra (o primixenio, pois supoño que hoxe a aldea estará estendida) terían que estar próximos ou moi próximos entre si. Tamén podería suceder que o topónimo Bazarra se refira a algunha encosta ou terreo en pendente da depresión, que se ve moi ben, segundo creo recordar, dende o lugar de Toba de Arriba. En toponimia os conceptos de fondal e encosta, que forman parte da mesma realidade orográfica, poden aparecer nomeados nun mesmo nome de lugar ou, loxicamente, en dous próximos entre si, como poden ser Bazarra e mais Toba”. Un auténtico deleite ler, e lembrar agora, as súas anotacións sobre os nomes dos lugares, expresadas con sabedoría científica e con amenidade que xa só poderemos gozar na lectura dos seus libros.

Que a Terra che sexa leve, caro amigo e profesor.

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.

 

OUTROS ARTIGOS DE MIRO VILLAR EN QPC

 

ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE

 

Comentarios