Santa Eufemia en Bergantiños: unha devoción chegada das terras de Trazo

Imaxe de Santa Eufemia de Valenza

Xusto a mediados do século XIX, don Sebastián Sánchez de Villamarín, párroco de Rus, solicitou en varias misivas enviadas á curia diocesana as licenzas necesarias para elevar unha nova ermida no souto de Ramil, e que pola súa devoción quedaría dedicada á Virxe do Carme. Naquel tempo, como aínda recordan moitos maiores da parroquia, certos fregueses acudían ata Vilouchada, en Trazo, á romaxe que alí se lle tributaba en setembro a santa Eufemia, peregrinación que era bastante complexa polo estado das corredoiras de Bergantiños. Aproveitando que a nova capela de Rus fora ergueita nun campo con árbores, que favorecían ter alí merendas familiares, e que xa no día do Carme, que se festexaba e aínda se celebra o 16 de agosto na parroquia, se practicaba ese mesmo costume, decidiron adquirir por medio das rendas da fábrica unha imaxe de santa Eufemia, e de honrala con grande pompa evitando ir ata Vilouchada. Deste xeito, no ano 1855, gastáronse 500 reais na nova efixie, feita en madeira de castaño polo escultor Juan Brocos, tío do prestixioso artista Isidoro Brocos. Este tallista fixera anos antes, en 1848, para a parroquial, a imaxe de san Roque; tamén unha Virxe do Carme pequena, en 1847, e, posiblemente, as tallas dos apóstolos Santiago e santo Tomé. A talla da mártir de Rus é bastante mediana en canto a calidade: presenta certa desproporción, pregos nas teas moi simples, falta de contraste neles; certo hieratismo na talla... A Santa preséntase vestida á romana, cunha túnica inferior azul, unha sobretúnica verde cinguida cun cinto cunha face que actúa como fibela, e un manto que se suxeita no ombreiro dereito cunha cinta. Presenta un lixeiro contraposto, soportando o peso do corpo a perna dereita, xa que descansa a esquerda cunha leve flexión; en canto aos membros superiores, mentres que a man dereita a pon sobre o peito, a esquerda suxeita unha gran palma. Aos seus pés, como recordo do seu martirio, aparecen dous animais salvaxes: unha pantera e un león. Segundo di a tradición, a santa Eufemia encirráronlle estas bestas para acabar coa súa vida, como así foi. 

Tan pronto como a talla da Santa veu para Rus, os devotos comezaron a venerala naquel ano, reservando a imaxe na igrexa parroquial: era levada en procesión a véspera da súa festa ata a ermida, o 15 de setembro; o 16, día da súa memoria, era honrada con varias misas, sendo a solemne de campaña e con predicación. Ao rematar a misa maior, saía a procesión arredor da capela, acudindo ata a fonte a partir do ano 1889, data na que foi buscado o manancial e ergueita a arquitectura da mesma. Como era habitual noutros santuarios, as esmolas que traían os devotos eran principalmente en froitos do campo, en especial trigo; este era depositado na sancristía, nunha gran hucha. Para evitar a entrada á capela daqueles devotos que viñan con bolsas de cereal, no ano 1902 abriuse unha porta exterior pola sancristía, para facer entrega deste. Finalizadas as festas, o día 21 de setembro volvíase a celebrar unha misa cantada con toda solemnidade, conducindo de volta á Santa en procesión á parroquial; esta tradición perdeuse unha vez que se decide conservar a imaxe todo o ano na ermida. Moitos fregueses acostuman preguntar a tradición de celebrar a festa de san Mateo sen ter imaxe do Santo; esta ven, como xa se pode supoñer, de cando se trasladaba a imaxe da mártir á igrexa no 21 de setembro, día da memoria deste evanxelista. A talla conta cunha pequena réplica, donativo, como di na base, do devoto Ramón Rodríguez. Aproveitando o éxito do pequeno santuario, nunha data incerta comezouse a celebrar a santa Eufemia con outra festa no mes de novembro, chamada «Santa Eufemia nova», como tamén sucede noutras parroquias onde o Santo con máis fama é dobrado con outra romaxe baixo o nome de «pequeno». Hoxe, por desgraza, a romaría de Rus decaeu notablemente. 

Regresando ao século XIX, o efecto devocional «Santa Eufemia» causou gran sensación noutras parroquias de Bergantiños. Na zona de Coristanco, foi a parroquia de San Pedro de Valenza a que se atreveu a mercar unha imaxe, da que non temos información documental algunha, polo que puido ser un agasallo dun piadoso devoto. Esta talla podémola asignar ao círculo de Rodeiro, vendo as características que presenta: arcos ciliares moi amplos, boca pequena, queixo prominente, disposición corporal en forma de “C” invertida, cintura abombada... Esta foi feita uns anos despois da de Rus, xa que, mediante unha estampa antiga feita por calcografía, que era repartida naquel santuario aínda que en moi pouco se asemellaba, fíxose esta imaxe. Aínda que nalgúns detalles non segue o modelo orixinal, é a mesma representación pero de forma especular: a man que leva ao peito é a esquerda, a que soportaría a palma, que aquí leva no colo, é a man dereita; o manto teno no ombreiro esquerdo, etc. Deste xeito, se na zona oriental do actual municipio de Coristanco acudían a Rus por proximidade, os devotos da occidental tiñan, e teñen, o seu referente en Valenza. 

A principios do século XX, en 1907, tendo a necesidade de adquirir máis imaxes para a devoción da nova igrexa de Bértoa, o párroco apostou por traer, entre moitas, a de Santa Eufemia, obtendo un gran éxito, consolidando a súa estima na zona norte do concello de Carballo. A talla é obra do escultor José Vilariño, moi sinxela e para nada ambiciosa: viste  unha larga túnica lisa, capa sen pregos, e leva unha palma e un león aos seus pés en sinal da súa condición martirial.

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico