1ª FUTGAL: Tres vitorias, un empate e unha crúa derrota para os equipos costeiros

Disputouse este sábado e domingo de entroido a xornada 24 da 1ª FUTGAL (a 19, adiada a finais de xaneiro polo temporal, queda para o xoves santo), con sorte dispar para os nosos. O sábado, o Dumbría non fallaba ante o Tordoia e mantén a praza de promoción, sacando agora 4 puntos ao rival directo, o Boimorto, que caía ante o potente Carral (2º, con 5 puntos de vantaxe sobre os dumbrieses). Ademais, Esteirana e Muxía asinaban táboas no derbi da Salina.
Xa o domingo, o Fisterra volveu ser protagonista cunha nova vitoria fóra de casa, ante o pechacancelas, afianzando a súa 4ª praza, e mesmo soñando con loitar coa promo. Tamén gañou o Castriz ante o Vea e escala posicións. O que a piques estivo de sacar algo do campo do líder foi o San Lorenzo, pero a sorte volveulle ser esquiva.
Dumbría - Tordoia (2-0)
- Goles: 1-0, m.70: Breixo nun córner; 2-0, m.80: en propia.
Mal partido no Conco, dominado polos locais, pero condicionado polo vento, e no que o equipo rival que apenas inquedou a meta de Anxo. Na primeira os de Pablo Conde tivero un par de chegadas moi claras, mesmo unha doble que salvaron baixo páus os visitantes, pero na segunda si que acertaron unha nun córner, e outra coa axuda dun defensa.
Esteirana - Muxía (1-1)
- Goles: 1-0, m.74: Pachi; 1-1, m.96: Manu Nogueira nun balbordo tras un córner.
Tenso e igualado derbi, que comezaba nunha primeira metade xogada de ti a ti, con dous equipos que queren xogar o balón. Os locais intentaron levar máis o peso ao comezo, tendo algunha chegada como nunha internada de Antón ou un pase de morte ao que non deu chegado Alex Rama. Co paso dos minutos o Muxía foi collendo protagonismo e acabou mandando un tiro ao longueiro e un man a man de Nogueira que despois de regatear a MJ cede para un compañeiro pero o balón vaise longo.
Na segunda o partido volveuse algo máis bronco. Os de Pataca subiron liñas e complicaban a saída de balón. Na outra área Elías tivo unha clara que salva Adrián, e pouco despois conseguían adiantarse os de Iván González nun centro lateral que aproveita Pachi. Aí, máis con corazón que cabeza, envorcáronse os muxiáns que nunha última e rocambolesca xogada, con varios erros no despexe dos locais, Manu Nogueira marca case sen querer para alegría dos seus e desesperación dos locais.
Club do Mar - San Lorenzo (2-1)
- Goles: 0-1, m.3: Iago López a centro de Eloy; 1-1, m.85: Tiago; 2-1, m.91: Dani Gómez.
Dura derrota do San Lorenzo que estivo máis de 80 minutos mandando no marcador ante o poderoso líder. Os de Iván Rojo estiveron moi ordenados, facendo un gran traballo defensivo, e o plan saía ben meténdose por diante cun tanto de Iago tras unha xogada por banda e pase atrás de Arantón.
O San Lorenzo seguiu co seu plan de partido co equipo replegado e a liña adiantada para non acabar colgado do longueiro e aguantar mellor os desprazamentos do Club do Mar e as internadas de segunda liña. Tiveron os carballeses o 0-2 nun balón de Riki o longueiro, pero tamén os locais puideron ter empatado o partido en varias ocasión, atopánfose sempre cun gran Mario.
Tras o descanso mesmo guión de partido, pero con mais chegadas dos locais que ían afondando a súa presión. E cando parecía que os visitantes podían aguantar, a só 5 do final, chegaba o empate. Aguantou outros 10 minutos o San Lorenzo o acoso local, pero un longo desconto permitiu aos locais facer o segundo, e volver castigar ao cadro vermello.

Vista Alegre - Fisterra (3-5)
- Goles: 0-1, m.2: Isaac de cabeza nun córner; 0-2, m.20: Isaac define no man a man tras unha fermosa diagonal de Isma; 0-3, m.26: Bruno; 1-3, m.33: Carlo; 1-4, m.47: Isaac; 2-4, m.52: Carlo; 2-5, m.68: Bruno de cabeza tras unha xogada de Guille e Piti por banda.
Chegaba con respecto o Fisterra, polas baixas (Lobelos e Jano entre elas, dous xogadores que máis minutos levan na temporada), e pola melloría do equipo local. Os locais de feito, dominaban o balón no gran campo de Santa Isabel. Pero cada roubo era unha xogada de perigo neste equipo ao que se lle caen os goles. De feito, en 25 minutos os de Lobelos se colocaba 0-3. Antes do descanso un novo Carlo recurta distancias tendo algunha ocasión ante as que aparecía sempre un imperial Joselu.
Comeza a segunda cunha ocasión clara dos locais, pero de contado Isaac fai o cuarto. Parecía que o partido estaba sentenciado, pero aínda volveu recurtar o cadro local, deixando algo de incerteza ata que Bruno sentenza co 5º.
Castriz - Vea (3-2)
- Goles: 1-0, m.42: Josiño a centro de Noli; 1-1, m.52: Lois; 2-1, m.67: Noli a pase de Iván Pastoriza; 2-2, m.81: Telmo; 3-2, m.92: Rodo a centro de Josiño.
Gran partido do Castriz en San Pedro, un dos mellores da temporada na casa, elaborando máis, e tendo máis control que ocasións. Tardaron en chegar as ocasións e o primeiro gol.
Nada máis saír na segunda os visitantes empataban, pero o dominio xalleiro continuaba e Noli facía xustiza co segundo. Parecía que o partido estaba decantado, pero un tiro lonxano permitía ao Vea empataba. Non se precipitaron os de Miguel Chouza, a pesar de quedar só 10 minutos, e a base de combinar foron entrando ata que Rodo remataba a gol un centro de Josiño para asinar unha xusta vitoria.
Máis info
- Todas as táboas ligueiras en www.futboldacosta.com.
- Os cadros da Copa da Costa en www.copadacosta.com.
Todas as crónicas da 1ª FUTGAL
- X.23: Só o Fisterra salva unha xornada regular.
- x.22: O San Lorenzo volve gañar nas Pedreiras un ano despois.
- X.21: O Dumbría cae 16 xornadas despois.
- X.20: Empate en Verdillo, 3 vitorias e unha derrota.
- X.18: O Dumbría salva un matchball en San Pedro
- X.17: O Dumbría remata a primeira volta na segunda praza a dous puntos do líder.
- X.16: O SanLo reacciona antes de fin de ano e o Dumbría bate co Muxía.
- X.15: 4 costeiros entre os 7 primeiros.
- X.14: Resultados para todos os gustos.
- X.13: Dumbría e Muxía manteñen a loita ben arriba.
- X.11: Dumbría e Muxía, en postos de podio.
- X.10: A xornada de derbis cóbrase o primeiro adestrador.
- X.9: O gran papel dos equipos costeiros.
- X.8: O Muxía métese en postos de promoción.
- X.7: O Castriz ponse líder costeiro.
- X.6: Subindo ao segundo e ao terceiro vagón.
- X.5: Fisterra e Muxía igualan a táboa nos derbis.
- X.4: A Esteirana e o Dumbría métense no vagón de cabeza.
- X.3: Fútbol total
- X.2: O Dumbría pon a quinta marcha.
- X.1: Dumbría e Fisterra comezan de 4 en 4.