3ª FUTGAL: O Zas recibiu o título de campión e o Volantes volve competir

Andrés levantando a copa de campión da 3ª da Costa do Sporting Zas

Pouco en xogo na derradeira xornada de liga da 3ª FUTGAL. Non podía fallar o Zas para alzarse co título de campión da liga, unha vez que o Sofán B, que tamén tiña asegurado o ascenso directo, non ía fallar ante o Baíñas. Os de Rubén Forján e Pereiro non fallaron ante o Inter de Brens, e a goleada permitiulles ser campións polo golaveraxe individual ante o cadro de Barca e Viaño.

A familia do Sporting Zas celebrando o título

No resto dos partidos non había nada en xogo, máis que saber que pasaba co Volantes. O equipo muradán, en plena revolución, levaba dous partidos (un de copa e un de liga) sen poder competir por falta de xogadores, provocando a saída dos dous adestradores (primeiro Gus e dúas semanas despois Sil), e a toma do timón por parte do delegado, Manuel Priegue, baixo o mando e orde dos capitáns do equipo. Agora, coa axuda de moitos xuvenís, o equipo que preside Alberto Pérez intentará salvar a situación porque esta semana o cadro laranxa debe comezar a participación na Promoción de ascenso á Liga da Costa.

Os últimos resultados dos laranxas (caeron onte ante o Seaia por 2-3, só con 13 xogadores e sen porteiros) fixeron que o equipo caese á 6ª praza, por detrás do Oza, polo que terán que enfrontarse ao Malpica na promoción, coa ida en Muros.

A outra eliminatoria será Oza-Cerqueda (a ida en Carballo, aínda por perfilar se no Carral ou nas Eiroas). En caso de empate ao final dos 90 minutos da volta, penaltis sen prórroga. Só hai 1 as ascenso, polo que ascenderá o gañador das dúas eliminatorias.

Recolleremos os resultados en www.copadacosta.com onde xa tendes os enfrontamentos.

Para o resto, peche de campaña pois non hai nin un só equipo da 3ª que quede vivo na Copa da Costa.

 

Máis info

Todas as crónicas da 3ª FUTGAL