mércores. 30.04.2025
El tiempo

3ª FUTGAL: O título e o ascenso directo parece ser cousa de tres

SD Oza e Sporting Zas no Carral
Imaxe do SD Oza e Sporting Zas ao final do encontro no Carral. Foto- Noe Touriñán
3ª FUTGAL: O título e o ascenso directo parece ser cousa de tres

Se xa a semana pasada o Malpica alonxaba ao Volantes da loita polo ascenso directo, esta semana foi o Sofán B o que fixo o propio vencendo en Miraflores e deixando a loita polo título e as dúas prazas de ascenso directo entre os de 3 de cabeza. O Zas, que non puido pasar do empate ante un gran Oza, suma 58 puntos, polos 56 do filial carballés e os 52 dun Malpica que descansaba polo que ten un partido menos. Con todo, tamén ten un partido menos o Volantes, que así e todo suma 49 puntos e aínda ten que recibir ao Zas na casa na xornada 28.

Con 6 xornadas por diante, ademais a loita pola 6ª praza de promoción aínda está algo viva, aínda que o Pereiriña perdía unha gran ocasión para recurtar co Oza tras caer ante o Seaia.

Seaia - Pereiriña (2-1)

  • Seaia: Lamas, Marcos, Erik, Alex Mato, Alex García, Alex Pérez, Jorge Calvete, Nando Torres, Diego, Manu Castro, e Martín Costa. Tamén: Brais, Iván, Raúl e Pablo.
  • Pereiriña: Xacobe, Eloy, Sergio, Pablo, Brais Lagoa, Gabri, Carlos Leis, Juan oBello, Martín e Charly. Tamén: David, Jesús e Christian.
  • Goles: 0-1, m.8: Gabi marca un golazo; 1-1, m.33: Erik; 2-1, m.63: Manu Castro.

Comezaba o partido moito máis metido o Pereiriña, ante un Seaia, pechado atrás pero con moitos erros e imprecisións preto da área. Froito desa falta de intensidade adiantariase o cadro de Joaquín Quintáns, cando Gabi aproveitaba un erro preto da área para facer un golazo, que se colaba pola escadra, e ante o que nada podía facer Lamas. Tardaría o Seaia aínda en encontrarse no terreo de xogo,tendo aínda varias chegadas o cadro visitante, e non foi ata a media hora de partido cando os de Jorge Martínez comezaron a chegar a zonas de ataque, igualando o marcador nunha boa xogada por banda que colgaba Manu Castro, e no segundo pau, Jorge Calvete deixábaa nas botas de Erik para que éste fixera o empate. No último cuarto de hora o Seaia foi dominador.

A volta do descanso quería chegar o Pereiriña, con máis necesidade de marcar para non deixar a loita pola fase de ascenso, pero desta vez Erik fariase dono do centro do campo, e o Seaia estaba máis intenso e acertado que nos primeiros 45 minutos, mentras o Pereiriña se volcaba máis o ataque e deixaba espazos diante da súa defensa, onde, nunha desas, recibía Manu Castro, escorábase para a sua esquerda e caendo, conseguía meter o balón cruzado ao fondo da rede para facer o 2-1.

Os últimos minutos tentaría o equipo visitante atacar con balóns longos, pero a defensa do Seaia repelía cada balón ata o pitido final, tendo incluso algunha ocasión para ampliar o marcador saindo a contra.

Nantón - Camelle (1-2)

  • Nantón: Jose Vidal, Mikel, Lpis, Fran Pombo, Carlos Vidal, Jorge, Josué, Javi Muíño, Alberto Fuentes, Dany Añón e Sevillano. Tamén: Álvaro, Nando Cabeza, Iago Torres, César e Dani Castro.
  • Camelle: Pirata; Chans, Dido, Ruso, Martín; David V., Lucas Dios (Kampi), Josiño, Gabi, Sandro (Moha) e Lucas.
  • Goles: 1-0, m.23: Jorge remacha un balón que quedara morto na liña de gol tras un tiro de Sevillano; 1-1, m.48: Sandro; 1-2, m.73: Josiño.

Partido condicionado polo estado do céspede das Fontiñas que sufriu a auga caída nas últimas horas, pero se enfrontaban dous equipos acostumados á lama, e protagonizaron un choque entretido.
Nun par de esvaróns dos visitantes, os de Adrián Varela tiveron varias ocasións, cun Javi Muíño moi afiado por banda, e mesmo protestaron un posible penalti. Na área contraria Lucas mandaba un balón ao longueiro.

Na segunda, parecían máis enchufados os de Sergio, que comezaron a facer dani por banda, e moi pronto, nunha internada por banda, sería Sandro de tiro cruzado o que poría o empate. Eran bos minutos dos visitantes, que aproveitaban as imprecisións dos locais para facer transicións. O partido estaba roto, e foi o Camelle o que acertaría cun tiro de Josiño á saída dun córner.
Aínda non estaba todo dito, e o Nantón tivo un par de grandes ocasións ás que respondeu moi ben Pirata, e outra de Benbe que mandou fóra.

Buño - Baíñas (3-2)

  • Buño: Piña, Rubén Canto, Pablo, Hugo, Andrés, Castro, Adrián Pose, Javi Facal, Jesús, Alan, Fran Santiago. Tamén: Eloy Santos e Ciss.
  • Baíñas: Gustavo; Raúl, Héctor (Leo), Rodri, Dani; Kevin, Santi, Edu, Pedro, Aníbal e Chavico (Tajes).
  • Goles: 1-0, m.18: Adrián; 1-1, m.28: Raúl; 2-1, m.58: Andrés; 3-1, m.62: Castro nun libre indirecto dentro da área; 3-2, m.70: Aníbal.

Partido con moitas baixas nos dous equipos, tendo o Baíñas que meter un xogador de campo baixo paus. Así e todo comezaba mellor, dominando, e tendo ocasións, pero non eran capaces de atinar coa meta rival. Na súa primeira chegada, o cadro de Lilo abría o marcador, pero poucos minutos máis tarde os de Sancho empataban por medio de Raúl. Tiveron aí os visitantes unha boa ocasión un remate de Santi que salva Isaac Piña moi bec.

Na segunda, dous erros (un na saída de balón e outro por coller o porteiro co man tras un saque de banda propio) deixaban o partido de cara para os oleiros. Así e todo, con media hora por diante, os visitantes achucharon, con varias ocasións, ademais do tanto de Aníbal, como un man a man de Pedro que lanza as nubes, outro man a man de Edu que vai o pau e o remate caelle a Chavico pero non consegue rematar.

Laxe - Cerqueda (1-5)

  • Goles: 0-1, m.20: Salah de chilena dende fóra da área; 0-2, m.25: Aitor; 0-3, m.33: Alex; 1-3, m.43: Pedro; 1-4, m.65: Iván; 1-5, m.75: Salah.

SD Laxe e UD Cerqueda no Rogelio Martinez

Aguantou 20 minutos o precario Laxe de Ordóñez, ata que aparecía Salah (pelexando aínda polo pichichi xa con 22 tantos) para facer un fermoso gol de chilena dende fóra da área. De contado Aitor facía o segundo, Alex Núñez era expulsado nos locais e sen tempo Alex facía o terceiro para os de Gurita, deixando o partido visto para sentenza.

Non se veu abaixo con todo, o cadro local que seguiu pelenxado, a pesar de quedar con 9 un rato pola lesión de Djamel cando xa non tiñan cambios. O debut de Yeray, xogador dos cadetes, outra boa nova para os cerquedáns, que afrontarán a fase en bo estado anímico.

Volantes - Sofán B (1-3)

  • Volantes: Alex de Yi, Davd, Mariño, Josiño, Héctor, Alex Louro, Isma, Fran, Javi, Manu de Yi e Borja. Tamén: Jesús, Miguel, Iván e Edu.
  • Sofán B: Diego Rama; Iván, Raúl, Nacho, Christian; Iker, Breogán; Adrián Vázquez, Nachete, Saydou. e Isma Ramos. Tamén: Marcos, Samu, Macial, Dani Calvete e David.
  • Goles: 1-0, m.13: Josiño de cabeza; 1-1, m.18: Íker tras un rexeite nun córner dende fóra da área; 1-2, m.38: Isma Ramos; 1-3, m.65: Marcial.

Partido de altura ao que chegaban os dous equipos con moitas baixas, cun filial que tiña que levar dous porteiros xuvenís pola lesión de cruzado do meta titular. Os locais comezaban facendo moito perigo a balón parado e así se adiantaban os locais, pero pronto respondían os de Barca que empataban por medio de Íker. O cadro local facía dano con balóns buscando arriba, se ben na outra área os visitantes tiveron un remate de Iván en par de balóns na madeira.

Na segunda, o choque estaba moi igualado ata que Marcial ampliaba a renda para os visitantes. Os de Gus e Sil enviorcárose no último cuarto de hora, deixando tamén espazos atrás, pero o marcador, a pesar das ocasións nas dúas áreas, non se movería.

Oza - Zas (2-2)

11 do SD Oza no Carral ante o Zas

  • Oza: Samuel, Brais Bolón, Lagoa, Hugo Fraga, Puñal, Alberto, Salah, Crespo, Lavandeira, Abib e Nacho. Tamén: Nico, Moreno, Cristian, Fernando e Alexis.

11 do Sporting Zas no Carral

  • Zas: Guille, Marcos, Eloy Moreira, Estefan, Juan Touriñán, Amoedo, Redondo, Brais, Fran, Andrés, Raúl Corzón. Tamén: Álvaro, Ángel, Mauro, Adrián Dom. e Adrián Touriñán.
  • Goles: 0-1, m.60: Amoedo nun córner; 1-1, m.78: Salah fai un golazo de falta; 2-1, m.79: Salah; 2-2, m.83: Raúl Corzón de penalti.
Os capis Andres do Zas e Hugo Fraga con trio arbitral
Os capis Andrés do Zas (coa camisola do Sofán) e Hugo Fraga con trío arbitral

Partido cheo de intensidade e emoción o vivido no Carral, con moito ambiente nas gradas e dous equipos que loitaron ata o final por levar os tres puntos, e mesmo con trío arbitral de altura. Douse a circunstancia de que o partido tardou algo en comezar, pois os zaseiros, que chegaban co equipación branca pensando que o Oza xogaba coa verde, tivo que xogar a primeira metade coa elástica cedida pola SD Sofán. Para a segunda xa puideron enfundarse a súa segunda equipación despois da viaxe dunha directiva.

O choque comezaba cos dous equipos con moito respecto, e con moito xogo no medio campo, moita disputa pero poucas ocasións. Tanto Sporting Zas como Oza trataron de chegar ás áreas con xogo directo, sen moita circulación polo medio campo. O Oza, máis cómodo nese contexto, xerou perigo especialmente a través dos saques de banda longos de Lagoa e balóns parados colgados á área, obrigando a Guille a intervir e mesmo mandando un balón á madeira nun córner. Co xogo moi interrompido polas faltas, o marcador non se movería antes do descanso.

Abriuse algo máis o partido na segunda, unha vez que o Zas estirous ao saber xa da vitoria do Sofán B en Muros. As ocasións empezaron a chegar e, tras un córner ben executado, Amoedo rematou para facer o 1-0 e adiantaba ao Zas. Porén, o Oza reaccionou con rapidez, introducindo cambios que tiveron impacto inmediato: primeiro cun auténtico golazo de falta directa de Salah, e, apenas un minuto despois, cunha contra eléctrica que lle daba a volta ao marcador.

O partido subía de intensidade e o Sporting Zas non baixou os brazos. Os cambios deron aire ao equipo, e nunha xogada na área, Raúl foi derrubado, provocando un penalti que el mesmo se encargou de transformar para poñer o definitivo 2-2. De aí ao final puido caer o partido para calquera lado.

Inter de Brens - Muxía B (0-1)

  • Gol: 0-1, m.70: Damián Soneira de tiro cruzado abaixo.

Partido igualado en Cee, cunha primeira metade na que o filial saía, coma sempre, combinando bastante ben e maniatando a través do balón as ocasións dos locaisl. Así e todo non chegaron demasiadas ocasiós.

O Inter apretou máis, sobre todo durante o primeiro cuarto de hora da segunda metade, tendo varias ocasións, pero eran os muxiáns os que se conseguían meter por diante. O partido púñase algo bronco, os locais ían aprentando e mesmo protestaron un gol anulado por un fora de xogo nunha xogada a balón parado, pero finalmente os novos muxiáns aguantaron a súa cuarta vitoria do ano.

Máis info

Todas as crónicas da 3ª FUTGAL

Comentarios