Xoves. 25.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
16:56
08/12/22

Axenda coas obrigas para 2023

Consello de Contas Galicia-Deberes para Concellos
Consello de Contas Galicia-Deberes para Concellos
Axenda coas obrigas para 2023

No anterior artigo comentábamos os resultados da rendición de contas dos nosos concellos. Agora que 2022 está rematando é bo momento para lembrar outras obrigas que tanto as alcaldesas como os alcaldes do noso entorno deben cumprir ante o Consello de Contas de Galicia, porque se aproxima un ano electoral e non hai desculpas para que se respecte o calendario antes de que expire o seu mandato.

Dos catro seguintes compromisos básicos, porque a rendición de contas de 2022 recaerá sobre as novas corporacións locais e a información sobre o control interno é competencia da Intervención municipal, correspóndelles aos actuais dirixentes o cumprimento das outras dúas responsabilidades: remisión da relación de contratos e dos convenios subscritos en 2022. Con todo, estas catro obrigas están relacionadas coa xestión económico financeira e orzamentaria dos actuais xestores públicos e trátase de información básica para que os cidadáns teñan coñecemento da súa actuación.

I. Relación anual de contratos correspondentes a 2022. A data límite para cumprir con este mandato legal é o 28 de febreiro de 2023. O procedemento é moi sinxelo, deberase remitir relación certificada comprensiva dos contratos celebrados durante 2022, incluídos os contratos menores, excepto aqueles de importe inferior a 5.000 euros satisfeitos a través do sistema de anticipo de caixa fixa ou outro similar para realizar pagos menores. En caso de que non se celebraran contratos, deberá achegarse unha certificación negativa. Co resultado desa información, poderase establecer con eficiencia a función fiscalizadora da actividade contractual de cada concello.

II. Relación anual de convenios celebrados en 2022. Ao igual que no caso anterior, o procedemento telemático de envío da información é moi simple. Trátase dunha relación certificada comprensiva dos convenios formalizados tanto pola entidade principal como polos entes dependentes e deberá remitirse antes de que conclúa o mes de febreiro de 2023, para que se teña coñecemento adecuado da natureza, do número e importe total dos convenios subscritos e, con eses datos, poder planificar adecuada e oportunamente o control externo sobre a materia.

III. Información sobre o control interno de 2022. O traballo da intervención é complexo e os seus informes non sempre coinciden co criterio adoptado pola alcaldía e/ou polo pleno da corporación. De feito, moitas resolucións da alcaldía e acordos do pleno son contrarios aos reparos formulados polo órgano interventor. Pois ben, para coñecer esa situación e a relativa ao funcionamento do control interno da entidade, a lei esixe que se remita información sobre esas circunstancias ao Consello de Contas e que sexa con anterioridade ao 30 de abril de 2023.

IV. Rendición de contas de 2022. Como xa indicamos, será obriga da nova corporación remitir a Conta Xeral de 2022 antes do vindeiro 16 de outubro de 2023, porque a norma esixe como data límite que se efectúe antes do día 15 de outubro de cada ano, e o vindeiro exercicio o día 15 é domingo. Como sempre, tamén será obriga deste espazo publicar os datos desa rendición.

O feito de que non se cumpra con estes compromisos dentro das datas establecidas legalmente, supón un grave impedimento para o exercicio do control externo, ademais da quebra dun deber democrático esencial que incumbe aos responsables da xestión pública. Por iso, non hai escusas para que se respecten os prazos, porque o calendario é ben coñecido por todos e hai marxe máis que suficiente para cumprilo.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA