Sábado. 27.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
22:48
04/09/23

Dúas cuestións sobre a autovía AG 55 da Costa da Morte

Autovia Costa da Morte copia
Dúas cuestións sobre a autovía AG 55 da Costa da Morte

Os afortunados que puidemos desfrutar dun tempo de descanso no mes de agosto, comezamos este novo curso cos ánimos renovados e con optimismo. Pero sendo conscientes, tamén, de que a nosa realidade municipal permanecerá sen cambios substanciais.

Porque, a precariedade dos tributos propios e as necesidades, cada vez maiores, de gasto, caracterizarán as finanzas municipais. Continuarase coa arraigada tradición de render contas tarde, mal e arrastro. E que dicir da actual configuración dos «novos plenos», co predominio dos rostros de sempre; ou do aparato administrativo, tan lonxe duna eficaz e desexada Administración electrónica. E, así, poderíamos continuar enumerando –nunha lista interminable– os moitos problemas básicos que, por outro lado, aceptamos con «cristián resignación». Porén, nesta nova etapa continuaremos proporcionando datos e xuízos de valor sobre aspectos diversos do noso sector público local, porque nos interesa e nos atinxe a todos.

Pero hoxe, quixera deixar no aire un par de preguntas sobre a autovía AG-55 da Costa da Morte: a primeira é saber si se trata dunha concesión que mantén un bo nivel de mantemento e calidade do servizo; e, a segunda, si a utilización, por parte da Xunta de Galicia, da fórmula de colaboración público-privada foi eficiente.

Está claro que, sobre a primeira cuestión, os nosos lectores poden opinar con criterio en base á súa experiencia; e tamén está claro que a outra pregunta resulta máis complexa.

Será nun vindeiro artigo cando aportaremos datos e ofrezamos a nosa opinión sobre eses dous aspectos, aínda que xa podemos adiantar que si ben é certo que, en termos xerais, a autovía presenta un bo nivel de mantemento, tamén se pode afirmar que o sistema empregado pola Xunta, de canon de dispoñibilidade, non foi eficiente, ao poder acadar resultados equivalentes a un menor custe con outro modelo de contratación.

Co desexo de continuar ofrecendo este tipo de comentarios, retomamos esta columna de opinión co agradecemento aos que nos seguen e, como dicíamos ao comezo, cos ánimos renovados e con optimismo. Así que, ata sempre!

  • Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios