Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Conversa con Álvaro Cunqueiro

Conversa con Álvaro Cunqueiro

Agora que chegou o tempo das San Lucas, as antigas festas de Mondoñedo, visitamos a Álvaro Cunqueiro na Praza do Humor. Sentados nun banco a carón dun bar, de onde nos traen un viño branco de colleita propia que sempre teñen en atención ao escritor, tivemos unha apacíbel conversa de mediodía.

As SanLucas sempre me pareceron unhas festas solemnes, moi conversadas, recendentes de queixos, do mel dos trobos e do coiro dos zocos das xentes que baixan desde as aldeas entre montes, pola serra do Xistral ou polas carballeiras fusquenllas de Miranda. Tamén hai un xordo rumor de cabalos inquedos a gallopar pola praza da catedral, e que levan nos seus ollos as sombras do monte e a figura esquiva do lobo.

A Cunqueiro, sentados no banco de pedra, co gosto dun viño branco de Sober nos beizos, sempre lle lembro as mazás que bailaban na auga dos represas, ou o varear das castañas no souto, para acompañar as perdices cazadas polas mañás frescas do outono.

El preguntame pola horta da Trave, unha Trave de ouro que xamais coñeceu, e logo procura entre as miñas mans unha caixiña de peras urracas que traio como agasallo.

Cunqueiro é unha figura sentada nos mediosdías coruñeses ou mindonienses, fronte á masa pétrea imponente do Seminario da súa cidade, ou nunha rumorosa e concurrida praciña coruñesa, no ir e vir de xentes, nesas pequenas e cotiás sanlucas que son as prazas coruñesas.

Sempre abrolla del unha fonte de auga doce e amiga que mata as sedes do camiño. Esa auga que nos dou a súa prosa úbere que repenica na nosa memoria como as moedas das San Lucas no pichel do feirantes, fecunda e inesgotável como a auga das fontenlas do Masma.

        

NOVAS RELACIONADAS

OUTROS ARTIGOS DE MIGUEL ANXO MATO FONDO

Comentarios