Luns. 26.09.2022
El tiempo

Miguel Anxo Mato Fondo: "Escoitar música, ler poesía e contemplar obras pictóricas son unha mesma experiencia"

MIguel Anxo Mato Fondo con Poesia e musica en novembro
Miguel Anxo Mato Fondo: "Escoitar música, ler poesía e contemplar obras pictóricas son unha mesma experiencia"

Este xoves presenta na casa (20:30h na Eira), o seu novo poemario. ”Persistencia da música en novembro” (Xanela) é a nova obra de Miguel Anxo Mato Fondo. Queremos coñecer algo máis do que se agocha detrás destas páxinas, así que falamos co auitor pontecesán.

Novo libro de Miguel Anxo Mato Fondo

  • QPC: Despois de Sisley no Xuncal da Trabe, no que afondas en clave novelistica sobre a túa infancia bergantiñá, volves á poesía. Botabas de menos o verso son os devirse típicos dun autor polifacético? De que vai, cóntanos?

Máis do que novelística, Sisley … é prosa lírica. Como dis, é unha obra na que trato o mundo da miña infancia, nun espazo que xa non existe, polo menos como eu o gardo na memoria. Acaso deformado, estilizado a través da creación literaria. Algo semellante ao que Gil de Biedma denomina literarura da vivencia.
Co poemario que presento estes días, non é que botara de menos o verso, pois verso e prosa lírica sempre están presentes no proceso creativo. E con frecuencia non sei muito ben a diferencia entre un e outra.

Persistencia da música en novembro é un libro de poemas escritos desde a emoción artística e a experiencia de escoitar música. O que en literatura sería a experiencia lectora. Cada poema fai referencia a esa experiencia e a composicións concretas que escoito con frecuencia e fan parte do meu constructo. Hai outros poemas incluídos que mostran outras temáticas. En concreto, o máis longo, “Poemas a un pardiñeiro”, en nove cantos, que é o tributo ao mundo rural desaparecido, concretizado nunha casa, e que tamén pode ser lido en clave metafórica do país, da paisaxe, do medio natural esfarelado. Outros poemas evocan ao lector que son. O libro mostra neste sentido algunha variedade temática.

 

Unha “ars combinatoria”? Música, poesía e pintura, especialmente, mais non apenas. Acaso unha experiencia artística global. De todas formas, esas tres artes fan parte decisiva dese constructo do que antes falei, canto modo de entender e coñecer a realidade. Escoitar música, ler poesía e contemplar obras pictóricas son unha mesma experiencia. Creo que se pode ollar en toda a miña obra. Nestas duas últimas, Sisley no xuncal da Trave e Persistencia da música en novembro, de forma moi concreta. Esa interrelación intervén de forma decisiva no proceso de creación poética. Podería incluír a contemplación da paisaxe.
Aliás, teño participado en eventos que relacionan poéticas, musicais e escénicas, que acrescentan esa perspectiva interdisciplinar. Este verán estiven nas xornadas de Ars Combinatoria, en Xunqueira de Ambia, que resultaron unha gratísima experiencia.

 
  • QPC: Os entendidos falan sempre da túa riqueza léxica e gramatica. Cales son os puntos fortes do libro, baixo o teu punto de vista?

Sorpréndeme o de riqueza gramátical. A creación literaria debe crebar a lóxica gramatical. Simplesmente é que fica para alén dela, nun plano superior, sen obriga de respeitar as súas normas que non son senón convencións.

A respecto do léxico, creo que na miña obra, prosa ou poesía, hai un léxico procurado moi selecto, para servir ao proceso de creación lírica. Creo que hai nela unha notábel riqueza léxica, moi cinxida ao mundo da paisaxe que me chega a través da observación da natureza e da propia literatura. Está relacionado tamén coa miña infancia vivida no espazo da foz do Anllóns, dos xuncais anegados, das terras agrícolas e dos bosques. Mais acho que é na lectura de textos literarios onde todo iso se transforma, cobra un sentido máis amplo, imaxinario, metafórico, que expande toda experiencia.

 
  • QPC: Na presentación vas estar acompañado ademais de dous grandes da música da comarca. Que nos contas deles?

Vai ser a primeira colaboración con eles, e estou tremendamente ilusionado. A Serxio Moreira xa o coñecía a través do seu traballo musical e poético con Paco Souto, principalmente. Esa experiencia súa con poetas resulta fascinante.

Non coñecía a Cecilia Burillo. Mais teño que expresar o meu agradecemento polo interés e a ilusión que mostrou ante a proposta de mutua colaboración. Foi un momento de emoción cando falamos do concerto para cello e orquestra de Dvórak, interpretado por Jacqueline du Pré. Coincidencia absoluta no aprezo desta obra e da mítica violoncellista. Espero que este acto a tres sexa algo que o público disfrute.

 
  • QPC: E por certo, que significa A Eira para unha vila como Ponteceso?

O Bar A Eira é un lugar entre real e fantástico que nos acobilla como un berce nocturno. Sempre presento os meus libros aquí, como unha rendez-vous irrenunciábel. É un espazo poético ancorado entre o xuncal e unha estrada de vento, onde todo se transforma. Estou a falar del coa mesma emoción concreta e sinxela que sinto cando entro pola porta. Creo que un espazo como este enriquece un lugar como A Trave. Dalle perspectiva, poesía e recantos íntimos nos que manter unha conversa coas persoas amigas, beber un copo de viño a carón do lume, escrever ou soñar que escreves e vives. Escoitar música.

 

NOVAS RELACIONADAS

OUTROS ARTIGOS DE MIGUEL ANXO MATO FONDO

comentarios