Sábado. 27.07.2024
El tiempo
Nando Lestón
11:03
13/05/24

Nodar-Radón

Costa da Morte por Antonio Nodar
Imaxe da Costa da Morte da nova exposición de Nodar

Non o coñecía nin oira falar del. Na Coruña, cando andaba polas alturas da Torre, atopeime con Tono Galán, pintor e amigo, que mo presentou. Andaba facendo retratos dos artistas que habitaban a capital e, a casualidá ou o destino, asegundo as crenzas, quixo que alí mesmo perto dunha farola, disparara, aparentemente, sen apuntar demasiado.

Despachoume cun tiro rápido cando eu estaba preparando "mi mejor lado".

A ocasión non fui perdida, e como o proxecto ía de que me pasaba unha copia e eu podia facer con ela o que me petara, aproveitei como digo, para retocarme un pouco.

Pintei enriba da foto con pinturas, rotuladores e rotrin e rematei por ter un antifaz de ladrón e a miña filla decindo que quería leite con colacau blanco. Aínda me vexo "colgado" no MACUF da Coruña.

O gas Radón é un gas radiactivo invisible e inodoro que se libera de forma natural de dentro das rochas, a terra e a auga (primeiro resultado de gugle). O radón pode entrar nas casas e nas edificacións atravesando pequenas fendas ou furados e amontoarse no aire.

"2222 o Ano da Serpe" é o derradeiro espectáculo de Antonio Nodar. Atmósfera de Radón incluída. E digo espectáculo, con fe de causa. Ata a min me costou a primeira vez. Pero a os dez segundos xa estaba atrapado nun jodido universo que vibraba cos estertores radiactivos cos que embadurnaba a miña amansada retina. Puf!... menuda paleta de cores e tonos... con semitonos complementarios que asedian o costumismo. Vibran.

Naciu en Baíñas. Mítico Baíñas. Un neno, segundo as fotos, coma min pero máis vello. Fotos en B/N da sua infancia aldeán, en Baíñas. Saíu un dia dalí e rematou facendo fotos por medio mundo. Cuido que en poucas ocasións pensou en onde estaba. 

Domina a distancia curta, longa e media; ás veces cos descuidos ou accidentes que rapidamente transforma en algo persoal, como se ese intre impreciso da foto fora seu e se pudera permitir o que quixera. Unha libertade accidental, diría eu... Planear o xusto, o concreto, só un instante. Improvisar é un arte. Deixarse levar.

Na primeira obra que lle coñecín, "From portrait to self – portrait" (De retrato a autorretrato), xa era da diócesis dos fotógrafos, basicamente porque aquel traballo era da dimensión dunha catedral. Falamos da capacidade de traballo. Continental a os catro costados. As imaxes do Nepal son das miñas favoritas. Un catálogo racial e humano.

Os e As Artistas do mundo. Todos descoñecidos e agora por fin temos rostro. O rostro da Universalidade da Arte... común en muitas culturas e grupos humanos de todo tipo e lugar.

Hai un igual a min en Perú e outro igual a ti en Kathmand... Somos tan iguales e tan diferentes... Compendio de rostros e feituras artísticas que me falan máis alá do visual,tamén do plástico e estético. O artista "rebelado"e "revelado" como persoa e persoaxe. A universalidade da Arte faina o movemento máis clandestino a simple vista,xamais visto.

A Arte é terrorísta ou terrorífica segundo quen. Pero sempre inutil. Só serve para as almiñas que precisan alimentar algo máis que o berrugo. Pero iso á Arte dalle igual. Somos portadores dunha enfermedade chamada Arte que ten como medicinas a fotografía, danza, pintura, escultura... e como efectos secundarios un magnífico malvivir. Unha Nación Libre... o derradeiro gomitadeiro.

Cando miraba os rostros de todos aqueles "alter ego", ía máis alá dunha experiencia visual, filtrábase a posibilidade de empatizar cas realidades universais; unha representación humana que saíra de Altamira para atoparse poblando a vastedade da Arte como un territorio común.

Non teño dúbida de que todo isto é opinable segundo quen se plante diante das imaxes de Nodar; cando menos son "disrruptivas" no intre en que estou mirando a unha colega de Barcelona ou Ribeira. Sitúanos a todos no común, polo tanto é verdade e racional ao mesmo tempo.

Nodar anduvo polos subsuelos dalgunha cidade; podíamoslle chamar o "andergraun máis andergraun que te imaxines". Compondo como persoa que é unha forma de experimentar ca vida. Si, faino en canto expón incluso a sua seguridade vivindo nunha topeira (sumidoiros) un par de semanas, experimentando ca arte "Claustrofóbica" interesante palabra, que non é outra cousa máis que crear ca ausencia de referencias temporais. No atemporal todo colle outra dimensión, non hai escala de prioridades, excepto as básicas, como comer e durmir que só acontece cando tes fame ou sono. O habitual é comer e durmir baixo horarios prestablecidos, ás veces en contra do ritmo natural e biolóxico.

Cuido que eso a Antonio dálle igual, segue durmindo cando ten sono e come cando anda con fame. Eso non o priva dunha inquedanza case infantil pero madura.

Non quero nin podo extenderme nos quefaceres globais polos que pasou o de Baíñas, se me encarga a sua biografía xa vos enteraredes; quero falar de "2222 o ano da Serpe" o seu derradeiro traballo, meditado a vez que experimental.

No experimental hai certo proceso "virxinal", tamén de descubrimento de novos territorios e estéticas, esas que vedes por todas partes sen saber de onde saen.

Tamén risco, probas, incertezas. A conquista sempre conleva un prezo. Abrir camiño.

Sei que Antonio parte dunha base fotográfica como elemento técnico, tamén sei que parte dunha base de datos ou fondo fotográfico propio no que muitas das imaxes lle serven para abordar o tema; pero a escolleita non é casual, achégase máis ao intuitivo e instintivo. 

Non son imaxes abstractas, son formas coñecidas, figuracións, paisaxes, xentes... pero a transgresión técnica levada a extremo é tal que todo se transfigura e vólvese case irrecoñecible.

En "2222 o ano da serpe", Antonio propón, a través dunha "experiencia visual", máis que fotográfica ao uso, un contexto planetario transformado polas "intervencións humanas" máis que polo propio devir da evolución. Antonio dalgún xeito, no seu discurso, nomea aos  responsables dun desastre climático que nos deixa en pelotas diante dun futuro onde as corporacións empregaron toda a materia prima do planeta para a sua persoal devastación.

Asegúrovos que se percibe esa devastación, a aniquilación da civilización humana como a coñecemos; iso non é nada novo, todo apunta a élo.

O novo é a forma que Nodar lle dá. A estética empregada para non deixarnos complacidos co noso xeito de estar no mundo.

O estrionismo pigmentario malfire a superficie das imaxes. A retina sofre.

E a atmósfera tórnase irrespirable pero non invivible. Lixérsica.

Hai vida nas imaxes, vida adaptada. Vida crepuscular. Vida radoniana e radiactiva.

Hai risas de nenas nos parques, enlatadas e atemporais... non hai coches na estrada,non hai interiores habitados, non hai bosques nin mares como os que coñecemos. Hai extremo.

Se te pasas no "toque" vas jodido. Se te quedas curto non contas nada. Non hai sentimentalismo. Hai inercia de presente a futuro climático e planetario.

Non é fotografía se non o que ésta pode chegar a ser nas suas lindes.

Paisaxes turbadoras e humanos transfigurados, mutados quizais; sexa como sexa acerta no uso da  lus transformada en cor. A luz é absorbida por cores que responden a procesos quimicos invisibles que reaccionan co aire.

Os bidóns do Casón rebotando na superficie do mar por reacción, podería fixarnos unha imaxe que nos axude a entender.

Semella unha era pos-atómica que nos reduce a os seres humanos ao que somos, compoñentes químicos apocalipticos cando entra o desorden.

Está presente a química reactiva. Sen transición amable entre capas de cor. Rosas e verdes entran a saco. Vermellos e azuis eléctricos arrimanse nunha categoría antinatural pero efectiva, ás veces cortante, outras desdebuxada.

Cada imaxe é tratada sen eufemismos, vai direita ao meollo... para que andarse con "lindezas" conceptuais se podes clavar o cuitelo. Cada elemento é un absurdo completamente real.

En suma, unha obra fotográfica extrema e vertical, onde manda a devastación planetaria e humana a que sen dúbida, pola súa radicalidade, hai que acostumarse e achegarse a ela co temperamento aberto para canalizar a contemplación da apoteose do absurdo do noso modo de vida.

As imaxes son matéricas, con impurezas por todas partes, como se foran restos levitando no dia despois da catarse. Nada é casual. Todo está medido nos tonos e semitonos que levan a Antonio a olvidarse de sí mesmo como profesional da fotografía de xornal ou retratista. Xa non está aí, aínda que estea. A porta abriuse.

Poderemos ver na exposición un formato físico, é dicir, as fotografías.

Pero todo está pensado, como dicía, para ser unha experiencia visual, así que, ao mesmo tempo, poderemos ver unha versión audio-visual extendida en pantalla onde as imaxes se van fundindo unhas nas outras, que se traduce nunha fusión case poética que lonxe de agredirnos trata con mesura rítmica todo este volcán, dándolle o ritmo axeitado para que, mentres dura o visual a imaxe esté aberta e transite cara o descoñecido inmediato. A montaxe técnica do proceso visual lévao  Tzse Man Chan.

Súmase a musicalidade de fondo, case como unha voz en off; a música fala "ruidosa e impertinente", ás veces molesta para crear unha sensación de desasosego e mesmo de fatiga vital, entrando en terreos e sonoridades abstractas que suman; un acerto total.

A mistura compositiva de Kepa Junquera e Frank Bushmann fai que o casamento entre imaxe e música sexa unha unión matérica invisible pero con algo de "táctil".

Para rematar, dicir que tiven o privilexio de ver nacer e comprender no seu tránsito esta proposta de Nodar. Dicir que aínda que sexa un proceso dixital, semella tamén artesanal e químico. É tan extremo que se achega, pechando un círculo, a os comenzos da fotografía, impregnados de líquidos químicos e corrosivos.

Así que me quedo con esta palabra. Unha expo corrosiva que, por outra banda, veremos máis cedo que tarde pero polo dagora viaxa fóra.

O carteliño vos deixo.

Abur queridos hermanos... queridísimos fieles.

2222 press release galego copia

  • Nando Lestón, Artista, pintor e escultor que vive en Carnota. 

A VIÑETA DE NANDO LESTÓN

NOVAS RELACIONADAS

MÁIS ARTIGOS DE NANDO LESTÓN EN QPC

 

 

Comentarios