A accidentada visita pastoral de Coristanco do ano 1879
Os xornais de finais do século XIX e principios da seguinte centuria son, sen dúbida, unha rica fonte documental que nos aproxima de forma moi cotiá aos aconteceres das nosas vilas e aldeas, recollendo datos de todo tipo. Por exemplo, tomando algunha referencia da nosa contorna, un diario de xaneiro de 1879 daba conta dos roubos acaecidos nas igrexas de Valenza (noite do 6 ao 7) e Agualada (7 ao 8); nesta, os cacos levaron as xoias da Virxe do Rosario e unhas moedas da boeta das Ánimas e san Antonio, mentres que, na primeira, roubaron as alfaias da Virxe do Carme, un copón, dúas crismeiras, un cáliz coa súa culleriña, 20 reais da boeta das Almas do Purgatorio, un incensario e unha naveta. Isto explica que ao pouco tempo se lle encargase ao prateiro Ricardo Martínez a feitura dun novo turíbulo co seu recipiente para o incenso. Avanzando no tempo, uns xornais do 14 de decembro de 1894 recollían nas súas liñas os acordos da sesión municipal do concello de Coristanco do día 12, onde se mudaban as celebracións das feiras por indicación do arcebispo. O prelado mandaba que se tivesen os mercados noutra xornada que non fose día de precepto, para que os campesiños puidesen cumprir co mandato de oír Misa. Xa en 1532 Francisco Bermúdez, señor do Coto de Nogueira, en Seavia, penaba aos que non asistisen á igrexa con media libra de cera, se fose a primeira vez; se reincidían, a pena sería dunha libra para a segunda falta e, para a terceira, outra libra e un día de cárcere. Deste xeito, regresando a 1894, o mercado da Feiranova, en Coristanco, pese a que alí existía a capela de san Ramón, pasaría do terceiro domingo ao terceiro mércores de mes; a feira de Agualada, celebrada á beira da capela de san Mateo e na primeira dominica, sería en diante o primeiro luns. Nos meses seguintes houbo varios altercados, xa que os vendedores non aceptaban o cambio.
Aínda que os párrocos procuraban ter Misa nestas ermidas, a medida foi aplicada a toda a diocese de forma xeral; a de san Mateo tiña certo peso e tradición histórica, sen embargo, a de san Ramón de Coristanco fora ergueita había pouco tempo polo párroco Manuel Pose Pérez. Este crego, nacido na aldea de Fornelos, na propia parroquia de San Paio de Coristanco, ocupou este curato dende 1877 ata 1941; a el débeselle a construción en 1903 da igrexa parroquial e a fundación desta capela, hoxe desaparecida. Por esta ermida tivo un preito co concello en 1894, xa que o consistorio se quería facer coa propiedade do terreo.
Don Manuel Pose recibiu o 16 de agosto de 1879 a visita pastoral do cardeal Miguel Payá e Rico; este nacera en 1811 en Benejama, Alacante; ordenado presbítero en 1836 e nomeado e ordenado bispo para a diocese de Cuenca en 1858, onde estivo ata 1874. Nese ano foi promovido para a arquidiocese de Santiago de Compostela, que ocupou logo de don Miguel García Cuesta. En 1877 foi distinguido co título de cardeal, continuado en 1886 polo nomeamento de arcebispo de Toledo e primado de España, rematando o seu curso terreal en 1891. Mentres rexentaba a diocese de Compostela, visitou Bergantiños, como antes foi citado, en 1879, onde case perde a vida, tal e como deron noticia varios xornais. Tanto o boletín da diocese do 21 de agosto, como o diario Gaceta de Galicia do día 20, daban conta de que o prelado saíra de Carballo as dez da mañá do día 16, acudindo con algún membro do clero da zona e cos seus asistentes á parroquia de San Paio de Coristanco; alí, aparte de facer a revisión e inspección pastoral da freguesía e do párroco Pose Pérez, Payá e Rico confirmaría a un abundante número de rapaces daquelas aldeas. Logo daqueles actos, no pequeno tramo que separa a reitoral da igrexa, os veciños acompañaron ao arcebispo, sendo aclamado cunha boa cantidade de foguetes, de fabricación artesanal e de feitura un tanto dubidosa. Unha destas bombas ascendeu ao ceo, e sen chegar a detonar, precipitouse enriba dos asistentes, caendo e estourando ao bater co chan. Esta calamidade cobrou a vida de Francisca Suárez, que estaba embarazada, e feriu a catro persoas máis. Ante esta desgraza, Payá e Rico ordenou que en diante se limitase o uso da pólvora nas romaxe e festas relixiosas, para evitar sustos e mortes innecesarias. Así, é normal que cando o cardeal chegou a Santiago o 16 de setembro, fose ao altar do apóstolo a dar grazas «por haberle protegido en la santa visita y de haber preservado del inminente peligro de vida en que se halló en Coristanco al obsequiarle aquella feligresía».
Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico
- A imaxe de San Amaro de Bértoa: unha talla rebautizada
- Santa Eufemia en Bergantiños: unha devoción chegada das terras de Trazo
- Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Fidel de Carril, mártir
- José Carballeira Pérez (1858-1942), benemérito párroco de San Xoán de Carballo
- A devoción a Santa Apolonia en Castro
- Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Vitorio, mártir
- Un crime de novela acontecido en 1895 nunha parroquia de Carballo
- Noventa e cinco anos da imaxe da Virxe Milagrosa en Entrecruces
- Unha nova aldea para unha gran igrexa: a construción dunhas vivendas públicas no entorno da parroquial de Rus en 1789
- Os párrocos de Santa María de Traba e San Martiño de Oca, en Coristanco, dende finais do século XVI
- Un libro de rendas e esmolas da parroquia de Santa Baia de Castro, en Coristanco, do ano 1711
- Un documento inédito redactado en Rus en 1796: o testamento da esposa do artista Ignacio Tiburcio Freire
- Ritos e liturxia popular nos santuarios da zona de Bergantiños
- Santos catacumbais na Arquidiocese de Santiago: San Calisto, mártir
- O incendio do retablo de Noicela en 1906
- A reliquia de Santo Outelo de Goiáns
- Narciso Coello de Portugal (1864-1945), crego de Bértoa
- Unha imaxe peculiar e valiosa: a Virxe de Guadalupe de Oza
- Os párrocos de Bergantiños na visita pastoral de 1817
- A contratación da campá maior de Rus, en Carballo, en 1791
- A cruz parroquial de Verdes, en Coristanco: unha das pezas de prata de máis antigüidade na zona de Bergantiños
- As constitucións de 1771 da confraría de Santa María de Ferreira
- Analizando polo miúdo a custodia de San Pedro de Valenza, en Coristanco
- Setenta anos da chegada de don Cipriano Reiriz de Dios (1902-1983) a Valenza, Coristanco: o crego que fixo progresar o rural.
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través da visita pastoral de 1817
- A igrexa de Santa Baia de Castro, en Coristanco, a través das visitas pastorais dos séculos XVII e XVIII
- Milagres da Virxe de Pastoriza nas comarcas de Bergantiños e Soneira
- Santos e marcos: a discusión entre san Xián e santa Baia polo lugar de Lume da Cova
- A pirotecnia e as festas de Bergantiños no pasado
- A supresión e anexión das parroquias de San Xusto e Verdes
- Os toques das campás en Bergantiños e o contrato das campás de Oza, Xaviña e Lemaio
- As capelanías existentes en Bergantiños a mediados do século XVIII
- O preito de Santa Minia de Seavia (1870)
- Algunhas sepulturas históricas nas igrexas da zona de Bergantiños
- Don Nicolás Varela Díaz: un fillo ilustre da comarca de Bergantiños
- A devoción a san Antonio de Padua na parroquia de Agualada
- A Virxe da Saleta de Silván: avogosa e protectora das patacas de Coristanco
- A capela das Salgueiras, en Coristanco: de ermida particular a templo veciñal
- A devoción a san Roque na comarca de Bergantiños