1ª Autonómica: O Soneira voa e o Sofán aterra, mentres Esteirana e Corme vén a luz

Curiosas as xeiras dos equipos costeiros. Mentres o Soneira segue impresionante, sumando ante o que era líder, a súa 3ª vitoria nos últimos 4 partidos, o Sofán colleitaba no Platas Reinoso o seu 5º partido sen gañar. Queda agora o cadro sofanista con 43 puntos, na 4ª praza, a 5 do liderato. O Baio, coa vitoria no derbi, queda a 3 dos carballeses, e o Soneira só a 5.

Xa pola parte baixa, Corme e Esteirana deixaron claro que van vender cara a súa pel. O Corme sumaba un punto, que puideron sen 3, en Padrón, e empata co Amio e Lesende nas posicións que manteñen a categoría. Precisamente a Esteirana sumaba a súa segunda vitoria consecutiva ante un rival directo, o propio Amio, deixando os postos de salvación a só 9 puntos, con aínda 30 por disputarse.


Unión - Soneira (0-1)

  • SONEIRA: Anxo, Cristian Figueroa, Fran de Urroa, Brais Mouzo, Maikel, Mayor (Nazo, min.60), De la Sierra, Richi (Alberto, min.79), Basti (Quilmes, min.89), Javi e Brais Triñanes.
  • Goles: 0-1, min.14: Richi de cabeza nun córner botado por Mayor.
  • Lesión: O choque estivo parado aos 20 minutos da segunda metade pola lesión do porteiro local.

Novo vitorión do Soneira de Manolito, que tras tomar a semana pasada o Carral, sumaba onte unha nova vitoria fóra de casa. E nada menos que ante o equipo que estaba líder, ata que chegou o Soneira e levou os 3 puntos gracias ao seu acerto.

Foi un choque moi físico, con moito xogo no medio campo, sen apenas ocasións, no que o Soneira estivo máis acertado. Marcou pronto por medio de Mayor o equipo costeiro, o que obrigou ao Unión a apretar, ante un Soneira que estivo moi cómodo ben armado atrás, aguantando as embestidas dun Unión que só puido facer dano en faltas lonxanas que non complicaron a Anxo.
Aínda tivo algún arreón o cadro soneirán na primeira, como un tiro de Javi á media hora que obrigou a lucirse ao meta local.

Na segunda, mesmo o Soneira tivo varias contras para sentenciar, como unha carreira de Basti que non acabou en gol pola punta dunha bota, ou unha volea de Javito dende case o medio campo que saíu rozando o longueiro. O Unión colgaba baláns á desesperada perosen perigo.


Amio - Esteirana (1-3)

  • ESTEIRANA: Benito de Pura, Code, Simón, Dani Rama, Serrano, Martín, Saúl (Tobío, min.46), Álex, Adrián, Kike Paluca (Alberto, min.75) e Róber Pladur.
  • Goles: 0-1, min.25: Róber Pladur; 1-1, min.60; 1-2, min.65: Adrián; 1-3, min.80: Tobío.

Enorme esta segunda vitoria consecutiva da Esteirana ante un rival directo por evitar o descenso. Un partido que demostra que hai esperanza e que malia que a salvación está a 9 puntos (precisamente a marca o Amio, o Corme e o Lesende, empatados a 27 puntos), quedan aínda 30 en xogo.

A Esteirana segue notando a volta aos terreos de xogo dos Dani Rama e Kike Paluca, verdadeiros estandartes do cadro blaugrana e alicerces en defensa e ataque. Foi un choque moi igualado, de poucas ocasións, deses que demostra como son as rachas, pois agora entran os goles. Adiantou Pladur aos visitantes, pero ao cuarto de hora da segunda os locais empataban. Aí houbo fortuna e na seguinte chegada Adrián metía de novo por diante aos blaugranas, e era Tobío, o xuvenil, o que sentenciaba a pouco do final.


Puebla - Malpica (1-0)

  • MALPICA: Pombo; Pablo Díaz (Petís, min.72), Diego, Alemán, Baba, Rancaño, Fernando Varela, Cheo, Esteban (Rodrigo, min.55), Joel Pereiro e Martín Mara.
  • Gol: 1-0, min.12.
  • Lesión: o capi malpicán Cheo cun pinchazo.

Non se adaptou o Malpica de Baña ao impracticable terreo de xogo da Pobra, sumando a súa terceira derrota consecutiva, todas pola mínima. Non está tendo sorte o cadro malpicán que viu como o Puebla marcou na súa única chegada á meta de Pombo en todo o partido.

Tivo diversas ocasións o Malpica para marcar, como o tiro de Cheo a pase de Fernando Varela nada máis comezar. Xa co 1-0, Esteban aproveitaba un pase de Martín Mara para probar de novo ao meta local.

Seguía dominando o xogo o Malpica na segunda metade, e Esteban marraba un man a man ao principio e Baba remataba alto un centro de Diego contra o final.

Queda agora con só 4 puntos sobre o descenso o cadro malpicán, que non cremos que pase apuros.


Flavia - Corme (1-1)

  • CORME: Suso, Dani, Pandi, Alejandro (Jose, min.62), Adolgo, Diego, Brais, Toniño, Adrián Doldán (Joshua, min.77), Lucas e Alejo.
  • Goles: 0-1, min.40: Diego; 1-1, min.49.

Moi boa primiera metade do Corme en Padrón, ante un cadro local que reaccionaba no comezo da segunda facendo o empate. Así e todo non se amilanou o equipo de Lentejo que na segunda metade volveu ser mellor equipo e tivo as mellores ocasións para levar os 3 puntos, que lle servirían para ter dado un salto na táboa, empatando co propio equipo padronés.

Media inglesa nas últimas xornadas dun Corme que queda empatado con Amio e Lesende no fío do descenso, pero facendo este xogo, non parece perigrar a categoría.


Baio - Sofán (2-0)

  • BAIO: Dani, Yago, Porto, Mario, Jose, Norber (Rubio, min.52), Bieito (Ramón, min.85), Martín, Saleta (Brais, min.46), Christian e MC (Alberto, min.70).
  • SOFÁN: Bugy, Sito, Javi Souto (Mendez 87), Míchel, Rubén, Pablo Martínez, Bertín (Maneiro, min.72), Brais, Luís, Iván Rojo (Leilán, min.81) e Raúl.
  • Goles: 1-0, min.63: Brais de córner directo; 2-0, min.89: Christian.

Novo derbi costeiro, cun ambientazo con máis de 300 siareiros de ambas afeccións, incluído o xogador deportivista Juan Domínguez, enchendo de cor o Platas Reinoso. E foi un partido entretido, que deparou unha nova derrota que confirma unha enorme xeira negativa do cadro sofanista, con 5 partidos sen gañar, que o convirte no peor equipo da competición no último mes, e quedando a 5 puntos xa do liderato.

Foi un partido moi intenso que se decidiu nos detalles. O Baio xogou uns bos primeiros 20 minutos, onde tivo a súa ocasión mais clara ó estrelar Norberto un balón no longueiro. A partir de aí espabilou o Sofán que tamén se puido meter por diante, pedindo un penalti sobre Raúl.

Cando o partido estaba mais igualado, un fermoso gol olímpico de Brais Garrido decidiu o choque. O Baio apurou atrás e malia que a SD se víu arriba o cadro de Félix aguantou. Brais e Raúl tiveron o empate e Sito tiña que sacar un perigosísimo centro de Rubio na liña de gol, antes de que, ca SD volcada e o tempo case cumplido, Christian pechase o partido nunha contra.

Aquí, o fantástico vídeo cos goles baieses no derbi, da man de Santi Soneira:


Crónicas da 1ª

Crónicas da semana

Novas relacionadas

Máis información

Fonte