Preferente: Novo cambio de papeis

Dispar para os nosos a xornada 25 na Preferente - Senra Sport, coa vitoria dumbriesa e a derrota xalleira. E iso que na Previa analizábamos que o cadro xalleiro tiña máis opcións, pois se enfrontaba a un rival da mesma zona da táboa, mentres o Dumbría recibía a todo un Mugardos, 2º na táboa.

Os resultados deparan unha nova volta de postos, e é agora o Dumbría o que se pon por diante do XSC. Os de Canosa suman 32 puntos, polos 31 dos de Coméndez, ambos pegados na metade da táboa, e xa a 12 da promoción.

Xallas StComba - Castro (1-2)

  • XSC: Iván Couto, Cristian (Rubén Forján, min.60), Oscarín, Alberto, Rubio, César, Jesús, Kevin, Choco, Vía Rápida e Doro.
  • Goles: 0-1, min.2; 1-1, min.64: Jesús; 1-2, min.85.
  • Expulsión: Vía Rápida no min.60.

Difícil de explicar a derrota xalleira ante o Castro. A falta de puntería puido ser un dos factores máis importantes, pois os Kevin, Choco, Doro, Jesús, Rubio, Vía Rápida… tiveron ocasións abondas para matar o partido, pero non estiveron finos. Tamén protestaron os xalleiros a actuación arbitral, xa dende o minuto 2, co primeiro gol do Castro, co xuíz de liña erguendo a bandeirola para sinalar fóra de xogo, pero o colexiado non lle fai caso e co todo o XSC parado, o dianteiro marca a porta baleira.

Tardou en repoñerse o cadro local pero tomou o mando e foi creando ocasións, pero a pólvora estaba mollada na segunda metade. Aos 15 da segunda, o colexiado expulsa, incomprensiblemente a Vía Rápida nunha disputa cun contrario, a pesar do cal o equipo non se viña abaixo e Jesús anotaba o empate pouco despois.

E tivo o encontro o XSC, pero primeiro o colexiado non viu un penalti sobre Doro nin tampouco unha man a tiro de Kevin, que interpretou como involuntaria aínda co 1-1. Faltaban 5 minutos cando, nunha contra o Castro facía un gol que nin cría, e aínda no minuto 90 o colexiado si fixo caso ao asistente e anulou o que era o empate por fóra de xogo.

Inxusta derrota xalleira que ve como o Castro marcha a 4 puntos.


Dumbría - Gal. Mugardos (3-1)

  • DUMBRÍA: David, David Carreira, Brian, Jose, Pablo Conde, Iago, Diego Cespón (Tantán, min.60), Adrián Alcaina, Darío (Cote, min.55), Adrián Nieto (Huete, min.80) e Adrián Makaay (Javi, min.75).
  • Goles: 1-0, min.16: Adrián Makaay; 2-0, min.40: Adrián Makaay; 2-1, min.70; 3-1, min.93: Javi.
  • Expulsión: un xogador visitante no min.82.

Gran vitoria do Dumbría que demostrou poder competir con todos. Chegaba o 2º clasificado e marchou cunha xusta derrota no peto. Primeira parte boísima dos de Canosa, con fútbol combinativo e xogando con intensidade. Froito desa boa presión, chegou o gol de Makaay tras recoller un balón roubado na saída da defensa do rival ao cuarto de hora do partido.

Antes do descanso, o propio Makaay facía outro gran gol tras recibir un balón despexado desde a defensa local por Darío e batendo a Iñaki por alto.

Na segunda parte o Mugardos relizaba tres cambios no descanso e meteu un pouco atrás aos locais. Se ben non creou ocasións claras, conseguía recurtar a 20 do final e continuou dominando o encontro polo que os últimos minutos foron realmente de infarto, ata que Javi, co tempo xa cumplido, fixo cun gran disparo desde fóra da área o 3-1 definitivo.


Crónicas de Preferente – Senra Sport

Crónicas da semana

Novas relacionadas

Máis información

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).