Bolivarianos en Gotemburgo
Run Run se fue pa’l Norte,
No sé cuándo vendrá.
Vendrá para el cumpleaños
De nuestra soledad.
Violeta Parra
Entrei atraída polo cartel de “Falamos español”. Despois de dúas semanas comunicándome en broken english e nun sueco rudimentario, ao velo pensei: “Speak your mind!”
No escaparate, libros coas portadas queimadas, pulseiras de xaspe e bandexas con pedras de cores brillantes.
-Hej heh! -saúdame un señor co pelo laso e canoso, de aspecto andino.
-Hej hej, tallar du spanska?
-Si -responde con outra voz, máis profunda, mentres se apoia no mostrador-. De onde es?
-De España… Estaba a buscar algo para a dor.
-Que tipo de dor? -pregunta axustándose as lentes.
-Difuso. É unha especie de vaído que me ten a cabeza no aire, coma se estivese un pouco enchispada… Á parte de malestar existencial, síntome flotante.
O outro asente, refregándose o queixo imberbe.
-Fai moito que o padeces?
-Desde que vin aquí por primeira vez, en nadal.
-Curioso… -di arrodeando o mostrador e situándose canda min-. Déixame comprobar como tes as costas -dime virándome.
Empeza a facerme presión nos trapecios e na caluga coa punta dos dedos. Aos poucos, lanza un suspiro.
-Tes as cervicais duras como pedernal -di sen deixar de manipulalas-. Es nerviosa?
-Moito. Agora, ademais, teño medo de que me atropele un tranvía ou unha bicicleta.
-Xa postos mellor, unha bicicleta, non? -chancea el-. Como te chamas?
-Lola… E ti?
-Waldo.
-De onde es?
-Do Estado plurinacional de Bolivia -declara orgulloso-, xa non somos unha república trucha e manipulable, senón unha unión de nacionalidades, un pobo soberano.
-Ah, non sabía dese cambio de denominación.
-O Estado plurinacional foi establecido pola Constitución de 2009 e desde entón celébrase cada 22 de xaneiro. Con esta festividade queremos recoñecer a diversidade cultural e a importancia das autonomías indíxenas e campesiñas. Esta celebración tamén coincide co aniversario da presidencia de Evo Morales, quen tomou o poder un 22 de xaneiro de 2006. É o primeiro indíxena que chega á presidencia desde 1825.
Waldo exprésase igual que a Wikipedia: como bo hispanoamericano, é preciso e articulado. A seguir, explícame que leva vinte anos en Suecia, ten muller sueca e tres fillos.
-Tes que aprender a respirar coa zona abdominal para evitar sobrecargas na zona do pescozo.
-Aprender a respirar! -pégame a risa.
-Teño ademais uns minerais que che poden axudar.
Diríxese aos andeis e regresa con dúas pedras verdes, puídas, unha redonda, do tamaño dunha pelota de ping-pong; a outra máis pequena e rectangular.
-Aquí tes un ágata e unha malaquita: serven para aliviar dores e tensións musculares.
-E estas? -dígolle sinalando unha bandexa de pedras azul cobalto.
-Pois depende. Acá tes topacios e esas son amatistas, que favorecen a intelixencia e a concentración.
-Vou levar estes -díxolle escollendo dous con forma de botón.
-A calcedonia -di tendéndome unha pedra gris cunha vea negra- mellora o malestar relacionado cos cambios de estado de ánimo.
-Interésame moito!
-Estas son unha rodocrosita e unha turmalina, que relaxan o sistema nervioso e favorecen o equilibrio emocional.
A primeira é dun rosa alegre e pacífico; a outra, medio translúcida, brilla cun verdor case hipnótico.
-Que pasada! -respondo fascinada.
-Vouche a regalar unha pedra de cuarzo -di Waldo, amosándome unha bóla de vidro-, con alto poder enerxético.
-Moitas grazas -dígolle xuntándoas todas encima do mostrador para pagarlle-. E como se usan?
-Ah, de moitas formas. Cólleas na man, ou colócaas na zona dos chacras, cando esteas deitada. Podes levalas nos petos e mantelas en contacto directo co corpo. Lembra ademais que tes que aprender a respirar, a respiración abdominal é vital.
Acabamos no Haga, o barrio cosy de Gotemburgo, sentados na terraza do café Husaren, mentres comentamos a ola de calor e os incendios que arrasan parte de Portugal, Galicia e España.
-Que pasou con Jeanine Áñez e Evo Morales? -pregúntolle.
-Pois, tras o golpe de estado organizado polos EEUU e auspiciado por España e Europa, Jeanine Áñez, cos seus ministros e militares, perderon as eleccións. O pobo volveu elixir o partido de Evo Morales, cun 55% dos votos, en outubro de 2020. Agora está á fronte Luís Arce, o antigo ministro de economía.
-Alégrome… Con todo, escoitei algunhas voces críticas coa súa xestión política, e no seu momento tamén a de José Mujica, expresidente de Uruguai.
-Si, a burguesía e os oligarcas, a clase podente non os quere porque non son dos seus. Morais e Arce ademais nin sequera son brancos de clase alta, como adoita suceder…
-Non, non -protesto-, falo de mozas de clase traballadora e con estudos. Critican por exemplo a entrada de proxectos de megaminaría en Bolivia.
Estamos tomando un capuchino, que nos serviron morno, xunto cun wienerbröd de masa resesa, co amorodo e o arando pasados.
-É un asunto complexo -recoñece Waldo-. En Bolivia hai moito litio. O goberno de Evo xa conveu coa compañía alemá encargada de extraelo que o 51% dos beneficios debían quedar no país. Eles poñen a fábrica e os recursos para explotar, pero non imos consentir ningún espolio…
-O litio é un recurso moi demandado...
-A esperanza está en América e en África -di pousando o café con cara de desgusto-. Xa verás. Lula da Silva será o próximo presidente elixido nos comicios de outubro… Iso se non o matan antes. Fixeron con el o mesmo que con Evo Morales. Pero regresará tamén e gobernará o Brasil.
Un basset houd branco con manchas marróns déixase acariñar pola súa dona, sentada do outro lado desta rúa peonil. É unha turista grande e loura, moi bronceada. O seu compañeiro pasa o tempo falando por teléfono, primeiro en italiano, despois en sueco.
Ela mira a rúa, ausente, mentres refrega o seu can paticurto, de orellas longas, que case chegan ao chan.
-Aquí estamos, facendo de figurantes neste barrio xentrificado -comenta Waldo con resignación.
De cando en vez pasan grupos de turistas que miran con arroubo para o interior do noso café, atraídos pola repostería que se exhibe no escaparate, uns bolos apetitosos que en realidade son falsos, de cartón pedra: amontoados como sacos de terra, servirían para levantar unha barricada.
- Lola Rontano. Flâneuse afincada na Costa da Morte, autora da novela Austroatlántica.
Outros artigos de Lola Rontano en QPC
- 'Mediterrantes' en Suecia.
- Sen preguntas nin respostas.
- As libeliñas de Debod
- Un western marítimo
- O mundo dos vagalumes.
- Meter un cerebro de muller na cabeza dun home (e outras cuestións palpitantes)
- A estación escura.
- Velaquí Outono (Claustrofobia, Alcohol e Alta Tensión)
- De soños, cans e naufraxios.
- Romanza da A6. Páxinas da España baleirada.
- A hora en punto das baleas.
- Unha vocación (re-co-)lectora. Carta aberta de Lady Chorima co gallo do día das árbores e dos libros.
- Transhumanismo sen lei.
- Algunhas posverdades.
- Vacina Bakunin.
- Baixo Miño Suite.
- 11.000 novos cretinos
- En modo “natureza”: Carta aberta á veciñanza da Costa
- O futuro na liña vermella. De ratos e de humanos.
- Aburiño, Arxentina. Sobre as cores de identidade.
- Baixo a praia están os lastros (Novas austroatlánticas)
- Vindicación da Ponte entre Arxentina e Galicia: Ser muller, hipoacúsica e inmigrante.
- A nosa cinza.
- 50 anos de Stonewall: 28 de xuño, día do orgullo a toda costa.
- Disforia post-electoral.
- Bixby en Viena con Ultravox e as últimas eleccións.