Mércores. 24.04.2024
El tiempo
Lola Rontano
09:45
03/08/22

As tetas e o paraíso (donas lliures)

No patriarcado, todo o mundo está orfo de nai.
Victoria Sau

Con todo o agarimo, para Casilda Rodrigáñez.

l'origine du monde de Gustave Courbet museo de Orsay
l'origine du monde de Gustave Courbet museo de Orsay
As tetas e o paraíso (donas lliures)

-Hoxe rematamos cun baño na praia -anuncia ao verme a anfitrioa.

E eu, que non trouxen traxe, pregúntolle:

-Hai algunha zona nudista?

Ela levanta as cellas.

-Vai ser que non.

Ingela, unha compañeira de traballo de Lady Chor, celebra o seu aniversario e convidounos a pasar a tarde na súa casa, xunto a amigos e familia. E así coñecín Louise, unha poeta de orixe finlandesa que me fala en francés; Johan, o seu noivo ciclista; as súas antigas compañeiras do cole, que me falan das súas vacacións na “Spanish Rivière”, e o seu sobriño Peer, na vintena e cun mozo brasileiro que coñeceu por internet hai catro anos. Con el podo falar en galego sobre música e linguas romances.

-Eu nunca estiven nunha praia nudista en Suecia -comenta Louise.

-Pero entón, non hai praias así? -pregunto eu.

-Habelas hainas, pero eu non coñezo ningunha -insiste Ingela-. Se saímos á tardiña, verás moitas familias. Ninguén practica o naturismo en Landskrona.

-Tampouco o topless?

-Normalmente, non.

-Con todo, as suecas tiñades fama de acudir ás praias do sur e quedar en topless e andar como vos daba a gana. Faciadelo nos anos 60, durante a ditadura española, mesmo cando no resto de países europeos as mulleres aínda nin se atrevían a poñer bikini.

-Si, no estranxeiro era moito máis doado -asente Alma, a nai de Ingela-. O que pasa é que aquí todo o mundo se coñece. As cidades son pequenas, sénteste exposta.

-Podes buscar un recuncho tranquilo e facer o que queiras -propón Louise, coma se fose picarme ou algo así.

Esta mañá andaba cos fillos de Lady Chorima na praia de Landskrona, cando vin unha señora recostada nunha cadeira en topless. Acordeime das coruñesas nas praias do Matadoiro ou en Riazor. E pensei, mira que ben! Unha das nosas! Aos poucos, ergueuse e vin que o que tomara por unha señora, era un señor.

-Eu vivino como un trauma de adolescencia -comenta Chori-. Cando chegaba setembro, odiaba a banda branca que se me formaba no peito e nas nádegas durante as vacacións. Os meus pouquiños quedaban reducidos á súa mínima expresión: arriba, dous triángulos brancos sobre fondo terracota; abaixo, coxas morenas e cu branco como porcelana. O peor é que eses cortes duraban boa parte do ano. Cando volvía a uniformarse a cor da pel, viña o verán e volta a empezar. Na miña época do instituto, o máximo que faciamos era baixar os tirantes para ter un bronceado uniforme. Ninguén, ningunha das miñas amigas, pensaba en bañarse en coiros á luz do día. Eu tampouco. Ademais, era das raras que ía á piscina e á praia en traxe de baño, no canto do bikini. Aínda por riba había que aturar certos comentarios familiares, por parecer anticuada e estreita. Eu pasaba olimpicamente, aínda que non sei como non nos rebelamos antes. Eran os 90, a década máis retrógrada que vivín. Cando cheguei a maioría de idade, optei por bañarme espida ou en topless, ou non bañarme.

-Os ghichos non teñen ningún problema con esas cousas -comenta Ingela-. Que nós non podamos ir a peito descuberto non deixa de ser unha cuestión cultural.

-Si, vai explicarlle iso ás mulleres e nenas de orixe musulmá que viven en Suecia e se bañan case vestidas -responde Alma-. Hai algo mal enfocado desde o principio. Cabe preguntarse por que ofenden as mamas da muller e non as do home. E a quen ofenden.

-En España, cando Eurovisión, artistas como Rigoberta Bandini facían da teta causa política -dígolles eu-, sinal de que algo vai mal.

-Só hai que mirar para os EEUU -asente Alma, ofrecéndonos uns deliciosos kanelbullar que preparou para a ocasión.

-Acabarás mal, Rontano -murmura Chorima, mentres me serven o cuarto prosecco-. Esta noite fágoche un bisté, queres?

-Pero volveremos moi tarde…

-En 2011 pasei dez días en Sardeña -continúa Chor-, durante todo ese tempo só atopei unha muller en topless na praia… Mirámonos con complicidade e non tardei en saber que era vasca.

-En Brasil sucede o mesmo -apunta Peer-. De feito, creo que non está permitido o nudismo máis que en oito praias. As brasileiras van á praia con bikini de tanga, cubertas co mínimo, pero cubertas. Eles tamén.

-E iso que é? -chancea Louise-. Recato? Puritanismo sexy?

-Eu fixen topless en praias familiares da costa azul -continúa Chor-. Alí tamén era a única!

-E logo?

-Os páter familias botábanme algunha mirada reprobatoria, pero eu, con mirar para outro lado… Tampouco son de quedarme moito tempo ao sol. Unha vez, por casualidade, acabei nunha praia naturista, preto de Niza. Eu encantada de atopar por fin unha praia comme il faut, empecei por sacarme o top e logo a braga. Ao pouco de camiñar pola beira deime conta de que era unha praia gai. Os tíos eran o 95% da ocupación naquel lugar! Díxenme, vale, ti ao teu, e seguín buscando un recuncho onde deixar as miñas cousas e darme un baño.

- Que atrevida! -di Ingela, suspirando cara a dentro.

-Non me sentía tan incómoda... Aínda que eu pensaba, onde están as mulleres? Por que non hai máis aquí? Deime un baño, sequei ao sol e cando marchaba, se non é por un daqueles Telémacos, esquezo as lentes de sol nunha roca.

-Mozas, o próximo encontro, nunha praia nudista -di a nai da anfitrioa levantando a súa copa.

Esa noite, Lady Chor e eu bañámonos espidas na praia de Borstahusen. Facémolo por nós e polas nosas nais e avoas, tachadas durante décadas de puritanas e estreitas.

  • Lola RontanoFlâneuse afincada na Costa da Morte, autora da novela Austroatlántica.

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

Comentarios