“a morte do sol en Fisterra”, un poema de Salvador García-Bodaño

Onte deixounos o académico e poeta Salvador García-Bodaño, un dos nosos “clásicos”, pois os seus versos e os dos seus compañeiros de xeración (esa que din ‘Xeración das Festas Minervais’ e que outros nomean como ‘Xeración dos 50’) fan parte das nosas lecturas e das de moitos poetas da miña promoción como outros grandes autores galegos e primeiros contemporáneos que lemos. Velaí a nos iluminar a obra de Manuel María (1930) e Uxío Novoneyra (1930), Xohana Torres (1931), Bernardino Graña (1932), Antón Avilés de Taramancos (1935), Ramón Lorenzo (1935) e o propio García Bodaño (1935), Alexandre Cribeiro (1936), X. L. Franco Grande (1936), X. L. Méndez Ferrín (1938) ou Arcadio López Casanova (1942).
Din os libros que Salvador García-Bodaño Zunzunegui naceu en Vigo o 17 de xullo do 1935, no barrio operario e rebelde de Teis, contorna que escolleu para chantar un álamo, a súa árbore escolleita, no ciclo “O Escritor na súa Terra”, ao ser nomeado Socio de Honra da AELG, Letra E, en 2004. Porén, pódese dicir que Salvador é santiagués, pois a súa biografía persoal está moi ligada a Compostela, a cidade de pedra que tantos e tan fermosos versos ocupa no conxunto da súa obra. De feito, nese mesmo ano 2004 o Concello de Santiago de Compostela dedicoulle unha praza na parte nova de San Lázaro, que na miña opinión é un paradoxo para o seu alento de poeta clásico, se non for porque por ese lugar camiñan os peregrinos que queren chegar até a catedral.
Non é o lugar aquí para salientarmos uns datos biobibliográficos que nos levarían a encher moitos parágrafos sobre a súa obra, nomeadamente a poética, xa que publicou:
Narrativa: Salientando Os misterios de Monsieur D´Allier (1992), Premio da Crítica Española en 1993 e os contos “A pedra”, “Conto de Reis”, “O mosteiro”, “Ruth”, “O Sinatra”…
E noutros xéneros: Mantivo unha columna dominical en El Correo Gallego, intitulada “No pasar dos días”. Tamén publicou De Onte a Hoxe. Ensaios xornalísticos, a biografía crítica: Rafael Dieste (RAG), diversos estudos sobre pintores e varias traducións, entre elas Viaxe por Galicia recollida de The Bible in Spain de George Borrow.
Poesía: Os seus versos están incluídos nas máis importantes e rigorosas antoloxías de poesía galega e aparecen traducidos ao italiano, ruso, inglés, francés e brasileiro.
- Ao pé de cada hora (1967). Premio da Crítica Española en 1969.
- Tempo de Compostela (1978), Premio da Crítica Española en 1979.
- 37 debuxos para un país (1985), con debuxos de Felipe Criado.
- Compostela (1989), con augafortes do pintor noiés Alfonso Costa.
- Obra poética (1993), compilación da súa obra, que inclúe dous inéditos (Poemas de amor a Xulia e As palabras e os días).
- Pegadas no alcatrán (Encomio da banalidade) (1994) é unha plaquette, da que tan só se tiraron 99 exemplares numerados.
- Cidade Virtual (2003), libro publicado en formato dixital pola BVG (Biblioteca Vitual Galega).
- E finalmente Cantos de ausencia. Elexías (1959-2002) (2004), con debuxos de Pepe Carreiro. Porén, nesta anotación de urxencia para despedir a Salvador García-Bodaño, quixera lembrar aquí dous testemuños da súa relación coa Costa da Morte, e con Fisterra en particular.
En primeiro lugar, como mostra da súa xenerosidade, a súa participación nun dos recitais que anualmente convocaba a iniciativa «Aulas no Camiño» da Universidade da Coruña, artellada polo lembrado poeta e amigo xa finado Xosé Leira López (1951-2019) e pola profesora e poeta Rosa Méndez Fonte. Naquelas xeiras que se realizaban a final de cada curso, aló polo mes de xullo, o alumnado participante facía etapas dalgún dos diversos camiños que levan a Santiago de Compostela e sempre con prolongación até Fisterra, mesmo aínda cando a igrexa non recoñecía este itinerario. Daquela desenvolvíanse sempre actividades culturais e literarias paralelas e unhas delas viña sendo un recital de poesía que adoito tiña como escenario o faro de Fisterra.
Pois ben, o 15 de xullo de 2003 a clausura poética foi por conta dos dous poetas mencionados, dos poetas fisterráns Alexandre Nerium e Modesto Fraga, e como convidado de honra Salvador García-Bodaño (fotografía superior), que recitaron baixo a epígrafe “Poemas e mar de fondo”.
E en segundo lugar, lembraremos a súa tamén xenerosa achega aos textos que conforman esa monumental antoloxía Ara do mar. Poesía a Fisterra, que coordinou o noso poeta amigo Alexandre Nerium e da que xa falamos en QPC (nesta ligazón).
Como un Poeta nunca morre de todo, velaquí o seu poema.
E que a Terra che sexa leve, compañeiro!
a morte do sol
en Fisterra
fronte de min o mar da fin da terra
o camiño secreto do pretérito
vén da foresta mítica dos séculos
e córtase de pronto
nos rochedos
riba do fondo abismo das escumas
gris brancas
as gaivotas
alá abaixo
trazan
por entre a brisa do solpor
seus últimos voares de salitre
no litoral
do espazo interminábel
na conca primitiva da mirada
xorden medos antigos
como sombras
e a inmensidade arríncame os ollos
que caen polos cantís
cara ás rompentes
vai o sol afundíndose no mar
no medio dos fulgores do silencio
e as augas
viran negras como a noite
augas de tantas ansias e saudades
ténsase no horizonte o misterio
e arde o confín do ceo
na distancia
cara ás tebras eternas do universo
a ara dos sacrificios deita o sangue
da luz a burbullóns
na atardecida
- Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
ARTIGOS DE MIRO VILLAR SOBRE LÓPEZ ABENTE
- 2023: No centenario de dous poemas de Gonzalo López Abente na Revista Portuguesa 'A Águia'
- No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente.
- A autopoética de Gonzalo López Abente na “Escolma de Poesía Galega IV. Os contemporáneos (1955)”, de Francisco Fernández del Riego.
- Fin do ano, un poema de Gonzalo López Abente.
- Manuel Rodríguez Louro «Marrolas», do Monte Pindo a Mauthausen.
- Miro Villar (Setembro 2020): No centenario da versión francesa de Philéas Lebesgue do poema «O carreteiro» de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Xullo 2020): "Abalando", unha descoñecida autotradución castelá de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (Marzo 2020): A RAG celebra o 142 aniversario de López Abente compartindo varios poemas póstumos
- Miro Villar (Xullo 2019): Ana Varela Miño leva o VI Premio de Poesía Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2019): Esta é noite de Nadal!, un poema de Gonzalo López Abente
- Miro Villa (2019): No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2017): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2017: «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2011): Unha viaxe pola metonimia galega a través da Bretemada de López Abente.
Outros artigos de Miro Villar en QPC
- Unha cala sobre os fillos adoptivos da nosa literatura.
- Combatendo os prexuízos sociolingüísticos. "Galicia, lo gallego y los gallegos", de Fernando Cabeza Quiles, nova edición, en castelán.
- O Berrón (1987-1991) no Dicionario da Literatura Galega.
- A Costa da Morte na obra de Florencio Delgado Gurriarán.
- Darío Xohán Cabana esquecido en Corcubión?.
- Boletín de la Sociedad Cultural y Agraria del Distrito de Mugía (Buenos Aires, 1923-1934), cabeceira da prensa costeira dixitalizada no Repertorio da Emigración Galega
- A potencia simbólica do topónimo Fisterra
- "Kurkuilua modu minorrean", "Buguina en modo menor", poema de Miren Agur Meabe en Ara do mar. Poesía a Fisterra, que compilou Alexandre Nerium.
- Unha tradución de Antón Zapata García na revista Ressorgiment (1936).
- Os irrefutables argumentos de Xosé María Lema en Pola nosa lingua. Unha década de artigos en defensa do galego (2009-2019).
- «Cidades neón», un poema manuscrito de Xela Arias na revista Carnota.
- O poeta laxés Antón Zapata García «prófugo» da xustiza española.
- Os poemas a Castelao do laxés Antón Zapata García e do muxián Xervasio Paz Lestón.
- Aramados: "os meus nove meses polos campos de concentración de Francia". Manuel García Gerpe.
- Unha nova achega sobre os presos da Costa da Morte no «Fuerte de Ezkaba» na posguerra.
- Contra vento, maré e coronavirus. A Costa da Morte en Nova Ardentía, 12. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial
- A presenza da Costa da Morte no volume “Os restos do franquismo en Galiza”
- Os poemas manuscritos da revista Carnota.
- A 35 anos da publicación da revista muxiá Decrúa (1985-1986).
- Fisterra e as fisterras na poesía de Luz Pozo Garza.
- Lugar de incendios, no terceiro cabodano do poeta Paco Souto.
- Bazarra, un topónimo singular do noso territorio.
- Lecturas costeiras: Antoloxía de Dombate
- Lecturas costeiras: Vagabundos, solitarios e sentimentais, de Rivadulla Corcón e ilustracións de Correa Corredoira.
- Castelao, Chateaubriand e a cidade corsaria de Sant-Maloù.
- Unha lectura da guía "O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira", do SEMESCOM.
- O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema.
- A depuración do maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas.
- As Illas Lobeiras en dous proxectos musicais da Costa da Morte.
- O Monte Corpiño, de Muxía, nun poema de Filomena Dato Muruais datado en 1894.
- A lembranza de trece homes da Costa da Morte nos campos de concentración nazis.