1ª Autonómica: Un derbi de porta a porta

Xornada fermosa e instensa esta a 25ª na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra, cun derbi como prato forte. O Cairo acollía unha fermosa festa do Fútbol da Costa, rematando nun empate entre Corme e Baio que soubo peor na grada local, tras un partido un inesperado protagonista en ataque, o meta cormelán Suso.

Ademais, o Sofán rompíu a mala xeira de 5 partidos sen gañar, vencía a un rival directo polo ascenso e se volve meter na loita por todo. Gañou tamén o Malpica, que se afianza no medio da táboa.

Os que non sumaron foron o Soneira que viu como o Piloño levaba excesivo premio do Municipal; nin a Esteirana recibía ao líder, pero no campo da Salina non se sabía quen era o primeiro e quen o último da táboa. Unha derrota que así e todo deixa a sensanción en Esteiro de que pode competir con calquera e que a salvación, a 3 partidos, é factible.


Sofán - Unión (2-0)

  • SOFÁN: Lerma, Sito (Seo, min.78), Javi Souto, Félix Garrote, Rubén, Pablo Martínez, Diego Maneiro, Méndez (Eloy Boedo, min.65), Bertín (Míchel, min.60), Raúl (Iván Rojo, min.80) e Luís.
  • Goles: 1-0, min.18: Raúl aproveita en boca de gol un rexeite a remate de Rubén; 2-0, min.80: Raúl a centro de Luís nunha contra.

Por fin, tras 5 xornadas sen gañas, a SD volvía disfrutar dunha vitoria no seu fortín, o Carral. E o fixo tras un fermoso e intenso partido, como todos os desta campaña, ante un Unión que chegaba reforzado cas fichaxes do Ribeira, Dani Conde e Manoliño. Pero non lle tremeu o pulso aos de Josito, que se manteñen a 5 puntos do líder, o Villestro, empatado agora co propio Unión, tras este fantástico duelo no alto da táboa, pelexando ademais polo 2º posto de Promoción, unha loita na que tamén está o Puebla, tamén empatado a 46.

Foi un partido tremendamente serio da defensa carballesa, que non cedeu apenas ocasións, e ás que permitiu, estaba un firme Lerma para dar conta a súa veteranía. Ademais, estaba Raúl acertado arriba, e facendo gala do seu oportunismo, fixo dous goles dende área pequena que definen a un dianteiro.

Con Méndez como novidade no 11, a SD saíu mandona e a primeira media hora non deixou ao Unión saír do seu campo. Adiantouse pronto pero tardou en sentenciar, e o último cuarto de hora do primeiro foi de sufrimento local, pois o Unión rondou a meta local. Non sufríu tanto ao longo do segundo tempo a SD, pois se ben o control foi dos rivais, a defensa estivo perfecta e contra o final, unha fermosa contra levada por Luís permitía que Raúl puxera o segundo e definitivo tanto, sumando xa 12 na súa conta particular.


Soneira - Piloño (0-2)

  • SONEIRA: Anxo, Cristian Figueroa, Fran de Urroa, Maykel Alberto, Nazo (Mayor, min.50), De la Sierra, Richi, Basti, Javi e Brais Triñanes.
  • Goles: 0-1, min.10: Gol do piloño tras un balón colgado e un xogador visitante colleu unha volea impresionante pola escuadra; 0-2, min.65.

Partido regular dos de Manolito que non xogou un dos seus mellores choques. Comezaba xa co golazo aos 10 minutos dos visitantes ante un Soneira que saía un pouco durmido e que tardou en collerlle o ritmo ao partido. Foise metendo no choque é á media hora os locais tiñan unha boa doble ocasión, cun tiro de Triñanes que para o porteiro e o reixeite lle cae a Basti que tira a “bocajarro” para o que o porteiro faga outro paradón.

Así chegaría o descanso cun mellor piloño plantado no campo. Empezaría a segunda co Soneira indo polo partido xogando máis arriba pero nunha contra, nun balón ás costas da defensa, Anxo sale co xeonllo por diante e alcanza ao dianteiro sinalando penalti. Pero puido parar o penalti Anxo e deixar o partido aberto con aínda 40 minutos por diante.

O Soneira tiñas as mellores ocasións pero non era quen de definilas, como un tiro de Javi rozando o longueiro. E cando máis preto estaba o empate, chegaría o segundo do Piloño, tras un centro chut que se envelena e sorprende a Anxo. Aínda puido recurtar o Soneira, cunha chegada por banda de Figueroa, asentado como referencia no lateral dereito con gran recorrido, e unha internada de Basti, pero non chegaría o gol soneirán e o Piloño levou un excesivo premio con dous golazos dos que non soen entrar.


Esteirana - Villestro (0-2)

  • ESTEIRANA: Ramón, Code, Simón, Dani, Sui, Serrano, Martín (Andel, min.65), Adrián (Alberto, min.50), Álex, Kike Paluca e Róber Pladur.
  • Goles: 0-1, min.65; 0-2, min.88: de penalti.
  • Expulsión: un xogador visitante no min.55.

Chegaba o líder á Salina, pero polo visto no campo non se sabía quen era o primeiro e que o último da táboa. De ti a ti xogou o cadro de Pedrosa a todo un Villestro, pero a mala sorte e a falta de acerto impediu que sumaran puntos necesarios para seguir soñando coa permanencia, que ten aínda a 3 partidos.

Non pode perdoar tanto o cadro blaugrana se quere manter a categoría. Na primeira metade os visitantes non tiveron nin unha soa ocasión, mentres que os locais dispuxeron de 4 moi claras: un man a man de Álex Rama, un tiro de Martín dende fóra da área que atalla o porteiro e dous tiros lonxanos de Kike que se marcharon preto do pau.

A segunda se puña de cara ca expulsión dun xogador visitante aos 10 minutos, e aí Rober Pladur e Kike tiveron un par de accións na liña de gol que non entraron de milagre. E case que na seguinte xogada, córner visitante, un rexeite e subía o inxuto 0-1 ao marcador.

Seguía apretando a Esteirana que non baixou os brazo, pero non conseguíu facer demasiado dano neses últimos minutos nos que o líder soubo nadar e gardala roupa. Nunha contra xa ao final, forzaron un penalti para facer o segundo e definitivo tanto.


Malpica - Flavia (3-1)

  • MALPICA: Pombo; Adrián (Cristian Villar, min.65), Marcos Amado, Pablo Díaz, Rancaño, Baba, Fernando Varela, Esteban, Cololo (Diego Alonso, min.76), Joel Pereiro (Petís, min.73) e Martín Mara (Pilo, min.69).
  • Goles: 1-0, min.46: Martín Mara aproveita o rexeite do porteiro a tiro de Cololo; 2-0, min.60: Cololo con picardía; 3-0, min.61: Martín Mara a centro de Esteban; 3-1, min.89.
  • Expulsión: un xogador visitante no min.80.

Tras 3 derrotas seguidas chegaba o Malpica á Pedra Queimada, pero non espertou ata o segundo tempo. Así e todo confirmou que quere encarrilar a permanencia un ano máis en 1ª rexional conseguindo tres puntos diante dun rival directo.

En canto ao partido foi entretido porque os dous equipos buscaron a área rival. Despois dunha primeira na que os locais non puideron superar a presión dos padroneses, o equipo de Baña, encarrilou o choque ao primeiro minuto da segunda parte. A dianteira malpicán con Mara, Esteban e Cololo mostrouse tremendamente efectiva pese a ausencia por lesión de Cheo, e en apenas 15 minutos metían o partido un 3-0 que o deixaba sentenciado.

Por unha vez viuse unha arbitraxe casi que perfecta. A única xogada conflictiva, penalti a Baba por falta clara, sacouna fora da área por indicación errónea do seu linier. No resto de xogadas estivo moi acertado.


Corme - Baio (2-2)

  • CORME: Suso, Dani, Pandi, Adolfo, Brais, Sergio Sueiro, Diego, Adrián Doldán (Toniño, min.74), Juan Chans (Jose, min.77), Lucas e Alejo.
  • BAIO: Manuel, Yago (Saleta, min.82), Porto, Mario, Jose (Rubio, min.16), Norber, Fachal, Brais, Martín, Christian (Ramón, min.89) e MC.
  • Goles: 0-1, min.30: MC de penalti sobre Cristian; 1-1, min.53: Suso, o porteiro cormelán, de porta a porta; 2-1, min.70: Alejo tras outro saque longo de Suso; 2-2, min.85: Porto dende fóra da área.

Partidazo este novo derbi costeiro da 1ª. E poderíase dicir que foi un empate xusto no Cairo entre dous grandes equipos que deixaron momentos de gran fútbol aos centos de espectadores que ateigaban o campo cormelán para este histórico derbi costeiro en 1ª. Se ben foi ao Corme ao que peor lle soubo o punto, pois ademais de estar máis necesitado na táboa, foi o que rematou con máis ímpetu e o foi o que tivo a vitoria máis preto nos minutos finais.

Os dous equipos tiveron ocasións parellas e o tempo foi clave para o devir do choque. Na primeira, co vento a favor, o Baio estivo máis incisivo e MC tivo a mellor ocasión enviando un balón ao pau. O Baio adiantábase á media hora cun gol de MC dende os 11 metros.

Na segunda, cambiaron as tornas e co vento, o Corme foi case un vendabal e apretou, tendo máis preto a vitoria no último terzo de partido, e viu como o colexiado lle anulaba un tanto no desconto. Antes pasaron moitas cousas, como o protagonismo, en ataque, do meta Suso. Corrían o minuto 53 cando un saque longo do meta cormelán, pegaba un bote alto e sorprendía a Manuel, subindo o empate ao marcador cun de case 90 metros.

Pouco despois, e tras un par de accións boas de MC rexeitadas polo protagonista da tarde, outro saque longo de Suso, con intención, era recollido en velocidade por Alejo para facer o 2-1, e aí parecía que o Corme tiña os puntos case no peto. Pero quedaban 5 minutos cando Porto armaba a perna dende fóra da área e facía o empate final. Aínda lle quedaron forzas ao Corme para ir pola vitoria, pero o seu tanto, xa no 49, era anulado polo colexiado.


Crónicas da 1ª

Crónicas da semana

Novas relacionadas

Máis información

Fonte