Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Os galegos no tango rioprantense: A convivencia nos conventillos

Os galegos no tango rioprantense: A convivencia nos conventillos

Se as verdes chairas riopratenses fosen conquistadas por colonos agricultores, hoxe moi posiblemente non estaríamos a falar do tango xa que os nosos emigrantes serían novos “farmers” e non sufridos alugueiros de ateigados conventillos. Os milleiros de galegos que desembarcaronn en Bos Aires e Montevideo desencadearon unha serie moi importante de cambios nas cidades e sobre todo nos costumes. As cidades riopratenses non estaban preparadas para recibir tan grande cantidade de persoas e a escaseza de vivendas foi sempre unha constante eiva para o asentamento dos recén chegados. Os prezos dos alugueiros medraron de acordo co aumento da demanda e os emigrantes tiñan pouca marxe de manobra. Así foi que a entrada no novo país pasaba polo conventillo [que alí se pronunciaba conventiyo] e foi neste lugar de convivencia onde se atoparon as distintas nacionalidades europeas que viñan na busca dun oco no que apousar as esperanzas dunha vida mellor.

“De la reunión del nativo y del inmigrante, que se instalaron en las orillas, surgió una exaltación de la nostalgia. La del nativo, por su vida anterior que no podía rehacer; la del inmigrante, por su ansiedad de retornar a su país de origen y al seno de su familia”

[Arturo Mascia]

Foi nun patio calquera dun conventillo onde un galego ou unha galega escoitaron a historia emigrante dun calabrés ou dun napolitano e tamén foi aquí onde se atoparon os negros cos gauchos. Esta sementeira encheu de alento aos tangos que son os fillos dunha urbanización feita con moita présa. Coido moi ilustrativo a escoita do tango “Dejá el conventillo” que Carlos Gardel (Carlos Escayola Oliva) gravou en 1925 con música de Antonio Scatasso e letra de Francisco Ruiz París. A voz do tacuaremboense inmortal lévanos ata un conventillo no que unha moza recibe un consello do seu namorado: Seguí mi consejo. Dejá el conventillo/Que en él, mi pebeta, no debes vivir/Y en vez de esa pieza sin luz y sin aire/Verás qué garifo será tu bulín.

“La población extranjera en Buenos Aires excedió el 50% y no hay que olvidar que en su casi totalidad era adulta y masculina, es decir, la que trabajaba, andaba por la calle y los sitios públicos; a la vez gran parte de los argentinos que formaban el otro 50% eran hijos de inmigrantes en primera generación. Solo el que vivió en medio de esa multitud y llenó sus ojos  con la variopinta de sus ropas, y sus oídos con el ruido de cascada de todos los idiomas cayendo al mismo tiempo sobre el español o el lunfardo, puede medir la magnitud del milagro de asimilación que se realizó en Buenos Aires, en el vértigo de unos pocos decenios. Y tiene que partir del conventillo para aproximar un poco la imagen”

[Arturo Jaureche]

O conventillo como edificación era pouco máis que unha serie de cuartos de alugueiro, colocados en liña diante dun patio de uso común. O patio era o espazo de socialización e de uso compartido por todos os veciños xa que os servizos comúns eran escasos e cativos. Había unha única porta de entrada e saída e só unha billa de auga. Neste patio foise argallando un modelo de sociabilidade especial porque era onde transcorría a maior parte da vida cotiá dos alugueiros. Os nosos emigrantes estaban obrigados a facer parte da súa vida no patio. Achegarse a billa da auga e a corda da roupa eran motivo para a sociabilidade nuns edificios nos que os cuartos eran moi pequenos e con pouco mobiliario. Unha cama ou dúas, un par de cadeiras, unha mesa, un braseiro de carbón e un baúl que foi aquel que baixo do barco cheo de ilusións. A vida é austera xa que non hai recursos. Aqueles lugares tiñan mala ventilación e moita humidade pero ulías os arrecendos das potas fervendo no lume. A moi cativa habitalidade empurraba aos residentes a vivir de cara ao exterior que é todo o contrario dun fogar no que a vida faise para adentro.

“Los provincianos de todas las provincias y extranjeros de todas las nacionalidades fueron entremezclando en esos patios, junto con sus costumbres, sus formas de expresión y sus modismos. El conventillo fue una suerte de micro-comuna y en su patio rigió la premisa, tan justa como inexorable:
tu derecho termina donde empieza el derecho de los demás”

                                         [Juan Carlos Ferraro]

No patio xogan os nenos e cosen e pasan o ferro as mulleres. Hai entendemento aínda que falan diferentes linguas pero a necesidade obriga a creación dunha aliaxe que leve un pouquiño de cada nacionalidade. Foi nun destes patios nos que unha señora napolitana pregunta a unha galega pola preparación da empanada e a cambio recibe información sobre a pizza. Hai que suliñar que a política estatal arxentina e uruguaia no tema das vivendas foi totalmente liberal e sen intervención de ningunha clase. A vivenda estaba rexida polas normas propias das actividades económicas de carácter privado. Se a construcción de vivendas, alugueiros e compravendas eran un espazo reservado para a iniciativa privada, o resultado foi a especulación. Os sectores populares, entre eles os emigrantes, tiñan pouco onde escoller e non era doado fuxir da especulación inmobiliaria. Para chegar a unha vivenda en propiedade (a casiña, o meu lar) só había un camiño e era o do aforro. Había que sacrificarse e ir gardando a maior cantidade posible de cartos (pesos arxentinos ou uruguaios) durante varios anos para poder participar da poxa nas subhastas de terreos nos populares loteos que tiñan lugar os domingos nos novos barrios que xurdían nos arrabaldos de Bos Aires e Montevideo.

Manuel Suárez Suárez

 

OUTROS ARTIGOS DENDE LONXE DE MONTEVIDEO

Comentarios