Igrexas e ermitáns na zona de Bergantiños

Imaxe de Nosa Señora de Cereo, citada no artigo. Foto-Luis Bermudez

Se acudimos ao dicionario da Real Academia Galega, na entrada correspondente á voz «ermitán», defínese este termo como «persoa que vive en soidade e de maneira austera, dedicada á oración». Esta definición remite, pois, a unha concepción esencialmente ascética e contemplativa da figura do ermitán. Porén, a análise da documentación histórica das nosas freguesías revela unha realidade máis complexa e matizada. Na Idade Moderna, a referencia a un ermitán non implicaba necesariamente a adopción dunha vida penitencial estritamente vinculada á experiencia eremítica tradicional nin a unha práctica permanente de retiro espiritual nunha ermida. Pola contra, o termo designaba con frecuencia un cargo desempeñado por un leigo, ao que se lle encomendaban funcións concretas relacionadas co coidado do culto, o mantemento do espazo sacro e a recadación de esmolas destinadas ao seu sostemento. Así mesmo, este oficio comportaba o dereito de uso dunha vivenda situada nas inmediacións do recinto relixioso. Neste sentido, a figura do ermitán achégase máis á dun sancristán ou encargado do servizo da ermida que á imaxe idealizada do asceta retirado do mundo. Na zona de Bergantiños, existían ermitáns nas capelas de Centiña, na de San Roque de Traba, na de San Paio de Entrecruces, etc. Por exemplo, o primeiro ermitán de Traba foi nomeado o 1 de outubro de 1694, aparecendo recollido nun protocolo do notario Rodrigo de Andrade Riobóo. Do mesmo xeito, os veciños de Cereo, reunidos en cabido público o 25 de marzo de 1729, determinaron reelixir un para o seu templo parroquial, dadas as funcións que había; as liñas expostas a continuación aparecen nos protocolos notariais de Pedro Rodríguez Villanueva, nos folios 19 recto e verso. 

Vexamos un fragmento: «Que siempre ha habido en dicha iglesia y parroquia de Cereo un ermitaño que vivía en una casa que dicha iglesia y su fábrica tiene junto al atrio de ella y este sirve de asistir a ayudar a la misas y oficios divinos y más que se ofrece en dicha iglesia, buscar lumbre, tocar campanas, y ayudar al cura a la administración de los santos sacramentos llevando la cera y respondiéndolo a lo que es necesario por estar la iglesia distante de lugares y no haber junto a ella otra casa más que la que vivía dicho ermitaño que solo en buscar lumbre y agua para las misas que ofrecen por la semana y de quien ayude a ellas es en grave detrimento no habiendo dicho ermitaño, el cual acuerdo le también sirve de rezar el rosario a Nuestra Señora todos los días festivos y más particulares y en tiempo de las cosechas de pedir limosna para Nuestra Señora por las puertas de los naturales y devotos y con la limosna que junta se emplea para los reparos, ornatos y más que se necesita para el culto divino por ser dicha obra y fábrica pobre que no tiene medios, rentas bastantes para ello…».

Outros artigos de Luís Bermúdez sobre patrimonio eclesiástico