Mércores. 23.10.2019
El tiempo

Venda de Ferroatlántica no Parlamento: BNG acusa á Xunta de lavarse as mans e PSOE pide transparencia

O Comité de Alcoa estivo no Pleno do Parlamento
O Comité de Alcoa estivo no Pleno do Parlamento
Venda de Ferroatlántica no Parlamento: BNG acusa á Xunta de lavarse as mans e PSOE pide transparencia

Volveu ao pleno do Parlamento o asunto Ferroatlántica, así como o de Alcoa, apenas unha semana despois da polémica venda. Unha cita que serviu para que os grupos da oposición criticasen a inacción da Xunta neste proceso a raíz unha pregunta de control ao presidente sobre a crise do sector da industria electrointensiva.

Unha situación ante a Xunta vén situando ao Goberno central como único ente responsable. De feito, Feijoo respondeu culpando ao goberno do Estado, sen descartar un pelotazo na planta de Cee e evitando calquera compromiso de futuro para a factoría coruñesa.

O BNG volveu esixir a garantía do cumprimento da lei evitando a segregación entre a produción industrial e a hidroeléctrica, algo que parece agora difícil de controlar unha vez que as fábricas de ferroaleacións pertencen a un grupo inversor sen intereses no sector.
Ademais a voceira nacional Ana Pontón, lamentou “a falta de iniciativa do presidente da Xunta” e pídelle que “marche para a casa se vai limitarse a seguir tirando balóns fora pese a ter competencias exclusivas en industria”.

Pola súa parte, a parlamentaria socialista Loli Toja focalizou na “transparencia” da operación de venda, esixindo ao goberno galego que faga públicos os datos de que dispoñe da operación de venda de Ferroatlántica. Toja presentou unha pregunta oral en Pleno na que advertiu que “precisamos máis información, porque estas operacións xeran incertezas” sobre unha actividade fundamental para o futuro da comarca.

Así mesmo pídenlle que expliquen a súa postura diante da operación de venda, tanto se a consideran positiva, e polo tanto “expliquen que van facer para garantir a viabilidade industrial de Ferroatlántica”, ou polo contrario “expliquen que alternativas existen”.

Pero tamén lembrou que a empresa de Villar Mir obtivo “múltiples beneficios que non repercutiron na mesma proporción na comarca”. Lembrou que foi beneficiaria de concesións públicas supeditadas a xerar postos de traballo, a expropiación dos terreos para construír as centrais, a construción de encoros, o uso en exclusiva do porto de Brens ou o peche da fervenza do Ézaro. Pola contra, o retorno de investimentos foron “practicamente nulos”, renunciaron a ampliar ou diversificar o emprego e, ademais, “hoxe hai na Costa da Morte máis de 50 viúvas de falecidos por accidentes laborais ou pola silicose causada polos carburos metálicos”..

Rematou pedindo ao goberno que “deixen a un lado o catálogo de respostas – tipo de “estamos cos traballadores” e “cancións de Juan Pardo: Galicia, Galicia”.

Novas do co conflito #Ferroatlántica

Artigos relacionados

Comentarios