Un recordo por Begoña Caamaño no novembro da Galería Mulleres de Muxía

A historia escríbese en clave feminina. Así o entende esta proposta do Departamento de Cultura do Concello de Muxía, dende o cal Viki Rivadulla quere render homenaxe neste mes de novembro a Begoña Caamaño, xornalista, escritora e activista polo feminismo e a igualdade, que falecía apenas hai uns días. Esa muller que entonou o "Pretendo coa miña obra ofrecer vimbios para facer un cesto novo, cun discurso contra o poder”.

Begoña Caamaño (Vigo, 1964 - Santiago, 2014) traballou na Radio Galega desde 1989, primeiro na delegación de Vigo e despois na sede en Compostela, nas seccións de sociedade e cultura, nesta última participando en distintos programas, un deles, o Diario Cultural de Ana Romaní. Colaborou nas revistas feministas Festa da Palabra Silenciada e DeLiberadaMente e formou parte do consello de redacción da revista antimilitarista Ar!.

Como escritora irrumpiu no eido literario con “Circe ou o pracer do azul”, (2009, Galaxia) e “Morgana en Esmelle” ( 2012, Galaxia), obras que acadaron rápidamente o favor do público. “Neles –en palabras de Ramón Nicolás- transparéntase a autora: a súa alegría, a súa vontade de transgredir os mitos e peneiralos cun cribo feminista”. Recibiu os premios Ánxel Casal, o premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Losada Diéguez e o da Crítica da narrativa galega.

Galería Mulleres de Muxía

Fonte