Venres. 18.10.2019
El tiempo

A Galería Mulleres de Muxía recupera a vida da mestra Ernestina Otero

A Galería Mulleres de Muxía recupera a vida da mestra Ernestina Otero
Galeria Mulleres Muxia-Ernestina Otero

Recuperando a nosa historia a golpe de nomes en feminino. A Galería Mulleres do Concello de Muxía, que arma cada mes Viki Rivadulla, segue deixándonos grandes historias. Hoxe imos ata Redondela, para coñecer a esta Mestra e pedagoga, Ernestina Otero (1890- 1956).

Foi profesora na Escola Normal (Maxisterio) de Pontevedra, centro que chegou a dirixir durante a República e que impregnou das súas ideas renovadoras no ámbito pedagóxico. Defendeu os dereitos das mulleres, entre eles os da formación, e manifestouse en 1933 a favor do estatuto de autonomía.

Despois do golpe de 1936, Ernestina Otero foi suspendida de emprego e soldo e no seguinte ano separada definitivamente da profesión o que a levaría a ter que sobrevivir impartindo aulas particulares.

Coa revisión do seu expediente e despois de estar suspendida do emprego durante dous anos, pasa a impartir aulas na Escola Normal de Ourense. Durante todo o tempo, Ernestina Otero Sestelo desenvolve tamén un importante labor de axuda a fillos e fillas de vítimas da represión franquista. Só en 1951 puido volver a Pontevedra, onde finou aos 65 anos.
O Concello de Pontevedra rendeulle homenaxe no mes de maio de 2014.

  • Máis información: Na Biblioteca da Muller do Concello de Muxía podes atopar o libro: Puga Pereira, Manuel. ERNESTINA OTERO SESTELO, PEDAGOGA. Ed.do Castro.

Galería Mulleres de Muxía

Fonte

Comentarios