Domingo. 03.11.2024
El tiempo
Domingo Guerra
10:00
22/10/24

Volvemos. A rendición de contas

Rendición de Contas 2023
Volvemos. A rendición de contas

Retomamos este espazo de opinión mensual despois dun parón forzado por circunstancias persoais, case superadas. 

E que mellor maneira de facelo que proporcionando información sobre o cumprimento do prazo na rendición de contas. Porque se trata dunha costume -unha boa costume-, enraizada desde fai preto de 10 anos, xa que foi un 14 de novembro de 2014 cando se publicou por primeira vez neste diario dixital -e, tamén, por que non dicilo, nun medio de comunicación-, as datas de rendición de contas dos municipios que integran a nosa bisbarra.

Pois ben, fieis a esa tradición, concretamos na táboa os datos do prazo de rendición. Como resultado, significamos que empeorou lixeiramente respecto do ano pasado. Porque, o Concello da Laracha e de Ponteceso únense, nesta ocasión, aos de Mazaricos e Santa Comba, que xa incumpriran con esa obrigación no exercicio anterior. En definitiva, pasamos de dous a catro concellos que non respectaron o prazo legal de rendición.

Pero, estes catro concellos renderán. Tarde, pero renderán as súas contas ao Consello de Contas de Galicia. Seguro. Porque saben que non facelo ten consecuencias diversas: reputacionais, porque a falta de transparencia xa non se tolera na actualidade; e porque existen sancións que van desde a aplicación de multas coercitivas a non poder percibir subvencións da Xunta.

Sen embargo, así como os concellos enviarán os seus estados contables ao Consello de Contas, o Parlamento galego non o fará. Nin renderá en prazo, nin fora de prazo, nin nada de nada. Porque as “súas señorías” derrogaron no mes de agosto, o apartado 3 do artigo 23, do seu Regulamento de réxime orzamentario, onde se obrigaba a que as contas do Parlamento de Galicia fosen remitidas ao Consello de Contas para a súa fiscalización.

Cando me informaron da noticia, exclamei: tremendo!, que barbaridade!, sen palabras! Trátase dun despropósito de dimensións perigosas, que afectará a dúas institucións pilares do noso sistema constitucional de autogoberno. Porque, si o Parlamento considera que se pode facer política sen xustificar gastos e ingresos da súa xestión ante o seu órgano fiscalizador externo, é que se descoñece o significado de transparencia. Pero que se prescinda, se repudie, se elimine a fiscalización que debe realizar o órgano galego que ten esa específica atribución, sinceramente, non se pode entender.

E menos, neste caso concreto. Porque, estamos a falar do Consello de Contas, do órgano de control externo ao que esa mesma Asemblea Lexislativa lle concedera, dous anos antes, a súa medalla: o seu máximo galardón. E porque nos estamos a referir a ese mesmo órgano estatutario de control externo que, precisamente, emana do propio Parlamento galego segundo resaltan as leis, e que exerce as súas funcións por iniciativa propia pero tamén actuando a petición da nosa Cámara autonómica. E, porque, lamentablemente, o que se esixe a outros, non se practica co exemplo. Porque é ben curioso que o Parlamento galego en agosto decida ser inauditable e un mes máis tarde, en setembro, recomende ao Consello de Contas realizar unha auditoría operativa dos concellos galegos que non cumpriron coa súa obrigación de render contas.

En fin, volvemos con ánimos renovados, pero a insensatez non deixa de sorprendernos.

  • Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

 

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios