Luns. 29.04.2024
El tiempo
Domingo Guerra
09:08
01/04/24

Estreamos primavera sen tarefas pendentes

Estreamos primavera sen tarefas pendentes

O pasado 20 de marzo comezou a primavera e tamén se conmemorou o día Internacional da Felicidade. Que mellor día para ser avó! 

Por iso, cando me dispoño a escribir este artigo, a cabeza está noutro lado...

Pero, o compromiso cos que seguen esta tribuna de opinión obriga a retomar unha tarefa pendente: dar resposta á pregunta que formulara aquí, sobre se foi eficiente utilizar a fórmula de colaboración público-privada na concesión da autovía AG-55 da Costa da Morte.

Adiantaba nese artigo titulado "Dúas cuestións sobre a autovía AG 55 da Costa da Morte", que o sistema empregado pola Xunta, de canon de dispoñibilidade, non foi eficiente, ao poder acadar resultados equivalentes a un menor custe con outro modelo de contratación.

Pero, situémonos. Esta autovía é competencia da Xunta. Nin dos concellos nin da deputación. Da Xunta. Trátase dunha concesión onde unha empresa privada (concesionario) constrúe, financia e explota a autovía. 

A diferencia doutros sistemas, os pagos non os realizan os viaxeiros (como cando se vai por unha autopista), senón que o paga a Administración. Por iso, como non son autoestradas de peaxe os economistas chámanlle “peaxe en sombra”. 

Pero ollo, o feito de que a autovía sexa gratuíta para o usuario non significa que sexa gratis para o contribuínte, posto que os pagamentos á empresa privada son realizados con cargo aos orzamentos públicos. É dicir, a Xunta págalle ao concesionario cos impostos que lle entregamos á facenda autonómica.

E, preguntarémonos, como se calcula ese custe. Pois ben, pode facerse de dúas maneiras: en función do número de vehículos que circulen (modelo de canon de demanda) ou, como é este caso, en base á calidade do mantemento da obra (modelo de canon de dispoñibilidade). En termos concretos, polos 27 km que ten esta infraestrutura cada contribuínte paga 8,5 euros por traxecto completo da autovía. Pero iso non se explica.

En fin... Agora toca xustificar por que se afirmaba que este sistema é ineficiente, así que comezamos resaltando que os procesos de contratación sufriron atrancos importantes e deron lugar ata a tres licitacións que demoraron a súa posta en servizo. E iso é eficiencia? Por suposto que non.

En segundo lugar, na fase de construción, as decisións administrativas sobre a redución da obra deron lugar a modificacións que, na práctica, supuxeron minorar a lonxitude da vía en máis dun 33%. E iso é eficiencia? Por suposto que non.

En terceiro e derradeiro lugar, incrementouse en 76 millóns de euros o custo respecto á opción clásica de financiamento orzamentario (contrato de obra para a construción e contratos de servizos para o mantemento). E iso é eficiencia? Por suposto que non.

O principal motivo que determinou a opción de colaboración público-privada, non nos enganemos, foi tentar diferir e fraccionar o impacto directo do investimento no déficit e na débeda da Comunidade Autónoma. Por tanto, fundamentouse en razóns contables, non de eficiencia, o que supón unha distorsión importante na racionalidade das decisións públicas. 

Por todo iso, e por cuestións que tratamos neste espazo, facéndolle caso á resolución da Asemblea Xeral da ONU, que instaurou o día 20 de marzo de cada ano, para recoñecer a relevancia da felicidade, loitaremos para que Marita poida desfrutar dun crecemento económico máis inclusivo, equitativo e equilibrado, que promova o desenvolvemento sostible, a felicidade e o benestar. Porque, cada un de nós debe marcarse obxectivos ambiciosos e perseverar para cumprilos, por difíciles que sexan. Ese é o camiño para avanzar. E, agora, que xa non teño tarefas pendentes con vostedes, xa me podo dedicar ao realmente importante. Visitar a miña neta.

  • Domingo Guerra. Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

 

OUTROS ARTIGOS SOBRE ECONOMÍA MUNICIPAL DE DOMINGO GUERRA

Comentarios